Mes: Xullo 2016
Participación de lucenses na Xornada Mundial da Xuventude
33 peregrinos saíron de Lugo o día 16 para participar na Xornada Mundial da Xuventude baixo a organización do Departamento de Xuventude da Conferencia Episcopal Española. Outros mozos van en peregrinacións organizadas por congregacións, movementos, centros educativos…
Nos días previos aos actos centrais da Xornada Mundial da Xuventude os mozos de Lugo están por Alemaña e a República Checa coñecendo lugares emblemáticos para a vida da fe e lugares nos que se non se tiña en conta a Deus (como Auschwitz).
Do 20 ao 24 de xullo teñen lugar os Días nas Dioceses: en Poznan vivirán a experiencia de compartir a fe cos fregueses da zona. As familias que acollen, que soen ser xente maior, levan varios meses asistindo a clases de español organizadas polo Concello para atender aos acollidos procedentes de España.
A partir do día 26 únense aos dous millóns e medio ou tres millóns de mozos de todo o mundo que estarán en Cracovia xunto co Papa Francisco, para unirse máis a Cristo.
Creo na morte eterna?
Que pensarían de alguén que lles dixese que cre na morte eterna? Pode parecer unha pregunta absurda que ninguén se faga pois, quen vai querer desaparecer para sempre e que toda unha vida acabe da forma máis absoluta, como se nunca existise?
Reformulemos a pregunta, a cantas persoas coñecen que digan que non cren na vida eterna? Agora seguramente véñenselle á cabeza moitos nomes. Sei de persoas que din crer en Deus e non na vida eterna. Ata, piden misas e oracións polos seus defuntos, malia que dubidan de que haxa algo máis alá da morte.
Condiciónanos a imaxe, quizais infantil, do inferno: os caldeiros con auga fervendo, cheiro a xofre, o diaño con cornos, cola e co tridente na man. Certamente, é unha representación que nos mostra un pequeno anticipo do que sería a estancia no inferno co demo de anfitrión. Pero non deixa de ser unha imaxe que, moitas veces, sérvenos para facer bromas, cantos nenos e adultos disfrazáronse de diaño algunha vez!
Pásanos algo parecido coas imaxes do ceo: anxos saltando de nube en nube e San Pedro coas chaves comprobando a lista cos nomes dos que teñen que entrar cada día.
Deixemos ao carón as imaxes e traduzámolas en definicións. É doado concluír que o ceo é a vida eterna. E, pola mesma razón, temos que dicir que o inferno é a morte eterna. Polo tanto, se nego a existencia de Deus, e con iso a vida eterna, a única esperanza que teño é a morte eterna.
Seguimos traducindo. A vida eterna é a plenitude de todas as capacidades do ser humano ata o infinito, é dicir, todo o bo que agora temos de forma limitada despois será ilimitado ou absoluto. A morte eterna será a plenitude de todas as limitacións e imperfeccións do ser humano. Así adquirirá un sentido pleno a expresión “isto é un inferno”, que dicimos agora cando unha dor ou situación fáisenos insoportable.
Chegados a este punto, creo que non fai falta falar das bondades da vida eterna, pero se cadra é necesario falar do que pode significar a morte eterna, pois non é unha situación neutral. Pois o que non é absolutamente bo é, necesariamente, absolutamente malo.
Falar de morte eterna ou de inferno é pensar na negación de todo, tamén do vivido na temporalidade. É saber que todos os esforzos e logros conseguidos para a promoción do ser humano non serviron para nada, porque todo vai terminar na nada máis absoluta. Falar de morte eterna é saber que todo terminará nun fracaso porque non haberá continuidade posible nin unha segunda oportunidade. Sería coma se un inmigrante ou un refuxiado nunca chegase a un país no que puidese levar unha vida digna e en paz.
Tampouco podemos pensar nestas dúas situacións como impersoais, pois o impersoal nin é bo nin é malo. Por iso existen dous nomes propios que se corresponden a dous seres persoais que fai que unha destas realidades sexa eternamente boa e a outra eternamente mala. Refírome a Deus e a Satanás.
Unha última pregunta. Entón, cando actúa Satanás? Só cando nos soltamos da man de Deus.
Miguel Ángel Álvarez Pérez
Párroco de San Froilán
Camiño a Santiago coa mesma idea que San Josemaría Escrivá
O 13 de xullo saían de Murcia 8 mozos acompañados de José, sacerdote encargado do club xuvenil do Opus Dei daquela localidade. Chegaron pola noite a Sarria, onde iniciaron o 14 pola mañá a primeira etapa que fan polo Camiño Francés. Están moi ilusionados por seguir tamén os pasos de San Josemaría Escrivá, que peregrinou a Santiago no ano 1938 co desexo dunha profunda conversión, de expiación e de pedir pola paz. A idea coa que fan o Camiño os 9 peregrinos murcianos vén ser a mesma: converterse, a expiación e a preparación para de agora en diante ser mellores cristiáns.
Campamento Urbano de Cáritas Lugo
Setenta e cinco nenos partipan no Campamento Urbano XXII “A volta ao mundo en 12 días” que organiza Cáritas Diocesana desde o 11 de xullo en Lugo no Colexio María Auxiliadora de Lugo. A partir do día 16 e ata o 18 estarán de acampada en Laxe, para regresar novamente ao Colexio María Auxiliadora e preparar a gran festa final do día 22. As actividades que se levan a cabo son: talleres, xogos, representacións, bailes, saídas a distintos puntos da cidade…
A maioría dos 21 monitores e 3 auxiliares son universitarios que estudan distintas carreiras. Algúns xa levan varios anos implicados neste Campamento e para outros sérvelles de formación. Coas familias dos nenos participantes mantense unha estreita relación. Todo isto para contribuír ao desenvolvemento integral dos nenos.