O delito da Igrexa

Marcos TorresPamplona, Oviedo, Lleida, Barcelona, Murcia, Sevilla, Narón… E máis.

O pasado martes tocou na Universidade Autónoma de Madrid onde disque algúns e algunhas estudantes, valentemente encapuchados e encapuchadas e posuídos e posuídas por un brote de eunuca intelixencia, violaron a capela católica desa universitas magistrorum et scholarium. Encheron o chan e o mobiliario de pintura vermella (que gasto máis parvo!) e tiveron a marabillosa ocorrencia de escribir nas paredes (sen faltas de ortografía -milagre!-) unhas frases moi deste século (ironía en “modo on”): “Aborto libre” e “Educación Laica”.

Ata aquí os feitos; denigrantes, condenables, aborrecibles. Agora, se mo permites, poñemos o toque de humor lendo a explicación que dan estes fascistas pseudoterroristas do porqué do atentado. Segundo eles “esta acción pretende despertar ese espíritu crítico que no quieren que tengamos y reclamar esa universidad libre que todos buscamos cuando pasamos selectividad”. Isto rezaban (perdón pola inclusión dun verbo tan confesional) os pasquíns que deixaron tirados polo chan dese lugar sagrado. Volve lelo; verás como sorrís.

Espírito crítico que non queren que teñamos? Reclamar esa universidade libre? Seica si. E quen hai que atacar? Correcto! A eses molestos e latosos personaxes que cren, seguen e adoran a un desafiuzado de Nazaret que lles dixo que o amor había ser sempre a maior das leis. Delito.

Dicía Graham Greene que “as bágoas só serven para regar as verzas”. Como non teño horto, paso de chorar. Certo que non imos alimentar a fogueira do odio que estes inquisidores de vello cuño pretenden avivar cos seus actos; poden esquecerse. Pero (síntoo; ou non) si imos seguir chamando ás cousas polo seu nome: vida á vida, amor ao amor, liberdade á liberdade e igualdade á igualdade. E con grande orgullo sabendo que só as contribucións críticas e libres son as únicas capaces de cuestionar con eficacia as ficcións dominantes. De nada. Isto non é delito.

A grande maioría das persoas cristiás non son ilustres, nin saen nos xornais, nin teñen centos de miles de euros nos bancos, nin sequera son coñecidas máis aló da súa aldea pero si aman, viven e esfórzanse teimudamente por ser cada día mellores. Grande delito, non? Que pena de sociedade!

Por certo, estes actos de persecución son menos intelixentes que cuspir para riba e poñerse debaixo; algúns tentaron antes rematar coa historia da Igrexa e xa están no recuncho máis escuro da historia e a Igrexa, en troques, tan viva coma sempre. Pensarán que si pero non lles será doado, non; será, sinxelamente, imposible.

Confeso que sinto certa pena cara estes rebeldes inútiles porque no fondo nunca saberán que a súa eterna derrota está en que son enganados polos profesionais do poder. Si, marionetas dun poder. Dun poder ao que se resistiu Xesucristo e os seus. Un poder que non soporta que estes “nazarenos” de hoxe (e de onte) poidan ser, pola forza divina do fundador, a grande enerxía da civilización. Un poder que non pode aturar que a Igrexa permaneza insubmisa ao seu control e use os seus espazos para alimentar criterios alternativos aos politicamente dominantes.

Pero non teñen medo, non desconfían (isto pode que si sexa un delito).

 

Marcos Torres

Delegado para as Vocacións

Charla da misioneira Ana López Castaño

Ana Lopez Castaño

Ana López Castaño é misioneira de Misevi (Misioneiros Segrares Vicentinos) e o ano pasado deixou o seu destino en Bolivia (pastoral xuvenil e penitenciaria) para trasladarse a Barra Patuka (Honduras). Sobre esta nova experiencia entre os indios miskitos falará nunha charla – coloquio o 18 de xuño ás 12 h na Casa da Cultura de Pobra do Brollón.

Primeiras impresións de Patuka

 

Celebracións no santuario do Corpiño

cartel O Corpiño 2016

Desde o día 15 celébrase a Novena a Nosa Señora do Corpiño, co seguinte horario: pola mañá ás 12 e pola tarde ás 6. Outras celebracións son:

Xoves 23 de xuño

Misas desde as 9 h da mañá e ás 12 h Misa Solemne cantada polo coro “Nosa Señora do Corpiño”. Recibimento da Virxe para a procesión

Venres 24 de xuño

  • Misas desde as 9 h da mañá
  • Ás 12 h Misa Solemne presidida polo bispo Mons. Alfonso Carrasco Rouco e cantada polo coro “Nosa Señora de O Corpiño”
  • Procesión e ofrenda-baile á Virxe
  • Despedida da imaxe da Virxe
  • Pola tarde misas desde as 17 h

Domingo 26 de xuño

  • Misas desde as 10 h da mañá
  • Ás 12 h Misa Solemne cantada polo coro “Nosa Señora de O Corpiño”
  • Despois da Misa, poxas das ofrendas realizadas á Virxe do Corpiño

Encontro de clausura do curso pastoral 2015-2016

Será o venres 17 de xuño no santuario do Cebreiro. É un encontro-convivencia para sacerdotes, relixiosos, consagrados e fieis laicos. O motivo é reunirse para dar grazas a Deus por este curso pastoral, ademais é unha ocasión para compartir experiencias, rezar e comer xuntos. Preside o encontro o Sr. Bispo Mons. Alfonso Carrasco.

Desde Lugo (Praza Bretaña) ponse autobús ás 9:30 h. da mañá. É necesario apuntarse antes do día 14 (teléfonos 982 214 265 ou 616 851 718) para a comida e para o desprazamento en autobús; o prezo da comida son 14 e o autobús 10 .

O encontro desenvólvese do seguinte xeito:

bispo Astorga

  • 11:15 h: Acollida-Oración

  • 11:30 h: Reflexión: “A Eucaristía no ano Xubilar da Misericordia”, por D. Juan Antonio Menéndez Fernández, bispo de Astorga.

  • 12:30 h: Descanso

  • 13:15 h: Celebración da Santa Misa

  • 14:15 h: Comida

  • 16:30 h: Oración mariana

  • 17 h: Fin do Encontro

Un cura non é un traballador da “BBC”

bbc

Durante os meses de verán, deixando de lado tamén obrigacións ministeriais, acostumo a traballar algúns fins de semana na ”BBC”. Si, non se asusten, sobre todo os sábados dedícome ás “bodas”, bautizos e comuñóns (“BBC”) reducidas case exclusivamente a eventos sociais. Se queren outra comparación poden tomala dos anuncios publicitarios dos restaurantes: “Salóns para vodas, bautizos e comuñóns…” no meu caso, é case o mesmo.

Teño claro que a misión dun cura non é a de ser un organizador de eventos sociais. Aínda que recoñezo que algúns sacramentos que recibimos os cristiáns ao longo da nosa vida teñen un compoñente festivo ou social moi importante; non obstante, é secundario.

O esencial dos sacramentos é Deus que pasa e chama para entrar e quedar na nosa casa. Se falla o fundamento, todo o demais convértese en fume que pasará sen pena nin gloria e que só servirá para incentivar un pouco a economía dalgúns negocios, e quedará todo reducido a un intercambio de agasallos: hoxe, ti; mañá, eu.

Asegúrolles que non decidimos ser curas coa intención de ser animadores de festas ou empresarios dos sacramentos, porque ata nisto, a Igrexa é a que menos gana. Na miña parroquia pedimos, para os que poidan pagalo, 100€ por un funeral ou unha voda (ter a igrexa aberta medio día, preparar todo: a cuestión administrativa e decorativa, a cerimonia, recoller todo e varrer o arroz e o confeti, que é o peor). E non pedimos nada por todo o demais: bautizos, comuñóns, confirmacións. Agora miren o que custa unha coroa de flores ou un cuberto nunha voda.

Tampouco somos guías culturais. É certo que unha parte importante do patrimonio cultural de España é da Igrexa Católica. Pero a Igrexa só ten a misión de conservar o mellor que se poida un patrimonio que é para goce de todos. Pero non é a súa misión esencial, é algo colateral. As manifestacións artísticas que hoxe valoramos tiñan dúas ou tres funcións: honrar ao Señor, ter un lugar para o culto e o encontro da comunidade con Deus para celebrar a fe e unha función catequética, daí as representacións bíblicas e das verdades da fe. Xa se sabe, onte como hoxe, unha imaxe vale máis que mil palabras.

Os curas estamos para servir ás persoas, pero cunha misión concreta e única. Non se enfaden cando un cura lles diga a algo que non. Pensen por un momento que van a unha carpintaría metálica a arranxar unha xoia e empéñanse en que o empregado ten que soldar un fino pendente cun soplete de acetileno, pensado para cortar as grosas chapas de aceiro dun barco. No noso caso é case o mesmo. Moitas veces, sen mala intención, pídesenos algo que non ten nada que ver coa misión da Igrexa e que, ademais, non é bo para quen o pide ou, no mellor dos casos, é unha perda de tempo.

Termino con dous exemplos reais para que vexan que non estou desvariando. Cando preparo as vodas cos noivos, moitas veces a única pregunta que me fan é como se teñen que colocar. Dígolles que estean tranquilos que xa os colocará o fotógrafo. E no caso dos bautizos, a pregunta é quen ten que coller ao neno cando se lle bote a auga. Dígolles que o colla o que máis forza teña. Perdóenme as ironías.

Miguel Ángel Álvarez

A %d blogueros les gusta esto: