Mes: Maio 2016
Actos de Cáritas Lugo con motivo do Día da Caridade
O mércores 25 de maio terá lugar ás 20h no Círculo das Artes de Lugo o Pregón da Caridade, con motivo da celebración do Corpus Christi, que será o domingo 29. O pregón estará a cargo de Myriam García Abrisqueta, conselleira de designación episcopal en Cáritas Española, ex presidenta de Mans Unidas.
O xoves 26 de maio
• Dende as 10:30 da mañá ata as 13:30 do mediodía, haberá en Lugo, mesas para recoller donativos, atendidas por persoas voluntarias.
• Ás 18:00 Acto da campaña educativa no que se entregarán agasallos aos nenos/as participantes no salón de actos do Seminario.
• Ás 19:00 Realización de actividades para os nenos/as, organizadas polo Servizo de Infancia e Xuventude de Cáritas Diocesana de Lugo.
Domingo 29 de maio
• Dende as 10:30 da mañá ata as 14:00 horas, haberá en Monforte, Sarria, Melide, Silleda e Lalín mesas para recoller donativos, atendidas por persoas voluntarias.
• Colectas nas misas de toda a Igrexa Diocesana.
Acaso debemos algo ós inmigrantes?
Ante o tema dos inmigrantes é fácil atoparse con posturas emocionais e impulsivas, pero o adecuado é procurar actitudes xustas e sensatas.
Este artigo non é para distinguir os conceptos de inmigrante e refuxiado, porque todos se ven obrigados a saír do país sexa por guerra, persecución relixiosa ou política e ideolóxica, racismo, fame, miseria, catástrofe ecolóxica… Tampouco se vai analizar o feito de que a Unión Europea precisa 52 millóns de inmigrantes antes de 2060, segundo informe da Comisión da UE sobre política común de emigración do 17/06/08, se quere manter o nivel de protección social, especialmente as pensións, e non baixar o crecemento económico. Nin hai espazo para valorar as consecuencias positivas que poidan seguirse da mestizaxe cultural e xenética.
O obxectivo do escrito non é para explicar os dereitos que a Declaración Universal de Dereitos Humanos da ONU concede ós inmigrantes e refuxiados, como tamén llelos conceden outros convenios internacionais.
Simplemente imos a botar unha ollada parcial o tema da economía formulando o seguinte problema:
A) O posto escolar en España no ensino obrigatorio público costaba 5231 € anuais en 2013, segundo datos do Ministerio publicados na prensa o 28/02/16. En España no censo hai uns 5 millóns de inmigrantes. O ensino obrigatorio español consta de 13 cursos (3 de infantil, 6 de primaria e 4 de secundaria obrigatoria). Un inmigrante vén de adulto para traballar xa e non se ten que costear a súa estancia escolar. Por tanto, cantos euros en total lles deberíamos os españois ós países de onde veñen os inmigrantes? Ademais é certo que o migrante empobrece ó país de onde sae e enriquece no que entra.
B) A estes custos teríamos que engadir outros como son os sanitarios. Imos logo calculalos segundo esta valoración: A Seguridade Social inviste 1.500 € anuais nos primeiros cinco anos de vida, que baixaría a 500 dos 6 ós 18 anos. Por tanto, a canto subiría a débeda dos gastos sanitarios ós inmigrantes? E a canto ascende a suma dos gastos escolares e sanitarios?
Outro capítulo sería indagar no custo que supoñen os coidados maternos e familiares nos primeiros anos de vida.
Tamén está a súa contribución a mellora da produtividade no país. Igualmente habería que valorar o que gastan menos per cápita no uso do Sistema Nacional de Saúde, xa que veñen os máis sans e fortes, e xeralmente cobran menos de xubilación e ás veces nin a cobran.
Resolvendo estes problemas na escola os rapaces aprenderían xunto coas matemáticas a coñecer un pouco mellor a nosa realidade socio-histórica e terían unha máis adecuada valoración do seu país e do mundo.
No eido económico aínda quedan fóra cuestións relacionadas coa inmigración como a apertura de novos mercados, a saída de diñeiro do país, o desenvolvemento do transporte e das redes internacionais, o valor económico da imaxe do país, etc.
Dito todo isto espero que axude algo a aclararnos no tema de ¿quen debe a quen? cando falamos acerca do tema dos inmigrantes. Isto debería completarse cunha reflexión ética, á que facía referencia no artigo “Todos Somos Migrantes”.
Antón Negro
Carta dos bispos de Galicia na Xornada Interdiocesana de Ensino Relixioso Escolar 2016
Queridos pais:
Durante estas semanas estades a tramitar a matrícula escolar para o próximo curso. O voso dereito como pais exprésase de maneira singular na educación que queredes para os vosos fillos. Para eles queredes un ensino de calidade na que profesores ben formados e competentes, provistos dos medios materiais adecuados, fagan posible aos vosos fillos o desenvolvemento integral de todas as dimensións da persoa, incluído o valor humanizador e transcendente do relixioso como horizonte de verdade, de esperanza e de liberdade.
O Ensino Relixioso non é un privilexio da Igrexa senón, ante todo, un dereito e unha responsabilidade vosa, dos pais e nais de familia: os vosos fillos han de recibir a educación relixiosa que corresponde ás vosas conviccións, de acordo coa liberdade de ensino e a liberdade relixiosa que recoñece a vixente Constitución española.
O ensino da relixión non é unha catequese escolar. Está presente na escola para procurar que os alumnos coñezan a súa propia tradición cultural, neste caso de raizame cristián, e realicen un estudo razoable dos seus contidos principais e da súa historia, coas súas implicacións éticas e sociais. É parte imprescindible dunha educación que queira lograr unha formación integral, unha inserción persoal e libre, construtiva na sociedade.
Ten moita importancia que todos os que interveñen na tarefa educativa, sen ceder ao prexuízo laicista, asuman a presenza do ensino relixioso como unha materia propia e rigorosamente escolar, equiparable ás demais materias nos seus obxectivos, no rigor científico dos seus contidos e no carácter formativo dos seus métodos. Sería desexable igualmente que o marco escolar da materia de Relixión quedase á marxe da oportunidade política.
Por iso, convidámosvos como pais cristiáns a inscribir aos vosos fillos na materia de Relixión Católica, como expresión do voso compromiso educativo e crente. Esta colaboración vosa será imprescindible para que a escola sirva realmente á formación integral da persoa.
Co noso agradecemento e alento aos pais e profesores que entregades xenerosamente o mellor de vós na educación dos vosos fillos e alumnos, bendicímosvos con afecto no Señor, Mestre que nos dá vida e sostén na esperanza.
+ Julián Barrio Barrio, Arcebispo de Santiago
+ Luis Quinteiro Fiuza, Bispo de Tui-Vigo
+ Alfonso Carrasco Rouco, Bispo de Lugo
+ Leonardo Lemos Montanet, Bispo de Ourense
+ Luís Ángel de las Heras Berzal, cmf, Bispo de Mondoñedo-Ferrol
+ Jesús Fernández González, Bispo Auxiliar de Santiago