Un minuto de silencio e algo máis

minuto de silencio

Creo que nalgunha outra ocasión escribín sobre isto mesmo. Hoxe non me resisto a volver facelo. Nesta ocasión, ademais, fágoo despois de que Arturo Pérez Reverte use un argumento parecido en Twitter «Os xihadistas deben de estar acolloados polas florciñas, as candeas e o noso enérxico “todos somos Bruxelas”. E ata a próxima» (23 de marzo de 2016). Claro que se o digo eu, non se decata ninguén. Se o di Pérez Reverte, van ser miles e miles os que reflexionen sobre a cuestión, aínda que ao mesmo tempo sexa criticado por outros moitos.

Candeas, flores, minutos de silencio, concentracións diante dos concellos e centros de traballo… é algo ao que xa estamos afeitos e que facemos con moi boa intención para mostrar o noso apoio e solidariedade ás vítimas.

Pero póñanse por un momento na situación dunha das vítimas. Se estás morto, a ver de que che serve o minuto de silencio… Se estás malferido nun hospital, a ver se unha manifestación ou unha candea alíviache a dor e transmíteche algo de paz e tranquilidade.

Sen deixar de facer isto, que é unha expresión correcta da fraternidade humana, creo que debemos dar un paso máis, polo menos os que intentamos ser cristiáns. Xesucristo invítanos a acudir a El cando estamos cansos e angustiados (Mt 11, 28) e dinos que lle podemos pedir ao Pai aquilo que necesitamos: «Pedide e darásevos» (Mt 7, 7). É verdade que Deus sabe mellor que nós mesmos o que máis nos convén en cada momento, pero iso non é óbice para que lle presentemos as necesidades dos homes, os nosos irmáns, sobre todo cando nos vemos superados e as situacións son especialmente duras e inxustas.

Dito doutro xeito, os cristiáns debemos converter o silencio en oración para escoitar a voz de Deus nestes momentos de tanta desesperanza e incerteza e para pedirlle o eterno descanso para os defuntos e a recuperación para os feridos.

Seguimos no tempo de Pascua. Ao sufrimento e morte seguiulle o silencio do sepulcro naquel primeiro Sábado Santo da historia. Minutos e horas de silencio ao final dos cales escoitouse unha das mensaxes máis esperadas: «son eu, non teñades medo» (Mt 14, 27). Xesús venceu á morte e unidos a El tamén nós imos gañar esta batalla. «A esperanza non defrauda, porque o amor de Deus foi derramado nos nosos corazóns polo Espírito Santo que se nos deu» (Rm 5, 5) e do mesmo xeito que a vida vence á morte, do mesmo xeito o ben vencerá ao mal, xa neste mundo.

Miguel Ángel Álvarez

Curso de capacitación para axudar a mulleres embarazadas en dificultade

cartel proxecto anxo WORDPRESS

CANDO: 8 e 9 de Abril 2016

ONDE: Casa Diocesana de Exercicios de Lugo

HORARIO: venres de 17.00 a 20.30; sábado de 10:00 a 20:00

CONTIDO DO CURSO:

Tarde do venres

1. O proxecto Anxo como vocación e como ministerio eclesial

2. Espiritualidade do proxecto Anxo

3. Que é ser provida

4. O Evanxeo da Vida

Sabado

Mañá

1. Figuras e funcións de Anxo

2. Ferramentas para as funcións

3. Rescatador. Que dicir e que non dicir

Eucaristía

Tarde

4. Anxo : Comunicación

5. Facilitador : xestionar e saber dicir que non

6. Reflexións e consellos de implantación

Relatores de SPEI MATER España: María José Mansilla, presidenta e Jesús Chavarría, director espiritual.

– Matrícula: 15 €. Comida solta: 10 € (imprescindible reservar)

– É posible organizar aloxamento. Consultar.

  • Máis información en alabanza@hotmail.es, ou no teléf. 689873948

O Vivente

«Está vivo», «resucitou», «Paz a vós», «Por que buscades entre os mortos ao que vive?». De diversos xeitos e con expresións de gran riqueza, en todas as tradicións e escritos que chegaron ata nós, desde as orixes do cristianismo, atopámonos cunha afirmación unánime: «A morte non puido con Xesús de Nazaret; o crucificado está vivo; Deus resucitouno». Os seguidores de Xesús condensaron en fórmulas moi sinxelas o máis esencial da súa fe. Son fórmulas moi estables que circulan na fala da xente nas primeiras comunidades entre os anos 35 a 40 e que utilizaban para testemuñar a súa fe, proclamar a súa alegría e reafirmar a súa adhesión ao crucificado-resucitado. Soamente vinte anos logo da morte de Cristo, San Paulo ofreceríanos na `Carta aos Corintios’, o testemuño escrito máis antigo da resurrección.

Segundo unha antiga tradición, o segundo Domingo de Pascua chámase domingo «in albis» porque neste día os neófitos bautizados na Vixilia pascual poñíanse o seu vestido branco para celebrar con gozo a luz que o Señor lles deu no sacramento do bautismo. Despois quitaríanse o vestido pero debían manter acesas, no mediodo mundo, as chamas da verdade e do ben, da luminosidade e da bondade de Deus. Pero este domingo, e non esquezamos que estamos no Ano da Misericordia, celébrase tamén a festa da Misericordia Divina, celebración instituida por San Xoán Paulo II. É curioso que San Xoán Paulo II terminaba a súa existencia terrea (ano 2005) nas primeiras vésperas da festa que el mesmo instituíra.

Coincidindo con este tempo no que o cristianismo celebra a resurrección de Xesucristo, estréase tamén nos cines unha nova historia do «Vivente» titulada Resucitado. Non tiven oportunidade de vela aínda, pero os críticos din que merece a pena esta historia contada a través dos ollos dun non crente. Pode ser unha ocasión para achegarnos, de novo, a tan significativo acontecemento. É unha ocasión necesaria. Cada Pascua, de feito, recórdanos que non se pode ser cristián sen crer na Resurrección de Cristo, porque os acontecementos que ocorreron cara ao ano 30 en Xerusalén non son ningunha historia inventada. Baixo a impresión da morte de Xesús e da derrota da súa causa común, os discípulos fuxiron ou se refuxiáronse en agochos.

Bonhoeffer

Só a experiencia do encontro con Cristo resucitado liberounos do seu espanto e encheunos dunha fe entusiasta no Señor da vida e da morte. O teólogo D. Bonhoeffer (1906-1945), loitador da resistencia contra Hitler, asasinado no campo de concentración de Flossenbürg, afirmou con toda vehemencia: «Quen coñece a Pascua non pode desesperar» (Cf. Youcat, px. 69). Unha boa noticia que refresca o corazón cando fai unhas horas lía nos medios estatísticas tan terribles como que os suicidios seguen crecendo nesta.sociedade que algúns chaman do «benestar».

Retornar ás fontes da Esperanza pode ser unha boa medicación para tantas persoas sumidas no tedio. A fe é resposta a un Deus que sae ao encontro, como na pasaxe do encontro do Resucitado cos discípulos de Emaús. É froito dunha relación interpersoal, dun Deus que se interesa polo ser humano sabendo que non forza a resposta, pero a quen se lle pode atopar no camiño cando non se lle busca con microscopio, radiografías ou métodos científicos. As cousas da vida, do amor, da fe e da esperanza, de momento, non se poden manipular con aparellos de laboratorio, pero sabemos, os que temos a sorte de crer, que a fe é un vento intenso que atrae as certezas do Amor e afasta todo medo e inseguridade, toda dúbida e cálculo humano.

Mario Vázquez

Vicario xeral da Diocese

4 de abril, Xornada pola Vida

4 abril día 4 Xornada pola Vida cartel 2

 Este ano trasládanse a solemnidade da Anunciación do Señor e a Xornada ProVida do 25 de marzo ao 4 de abril por coincidir o primeiro día co Venres Santo. O lema deste ano é “Coidar a vida, sementar esperanza”. Os bispos da Subcomisión Episcopal de Familia e Vida piden unha defensa da vida humana porque “non hai nada nin ninguén máis digno na creación có ser humano, pois é a única criatura na terra que Deus quixo por si mesma e que coñece e ama de modo persoal: creounos á súa imaxe, somos amados incondicionalmente por Deus e estamos chamados a ser os seus fillos. Hai algo máis grande que isto?”.

O 4 de abril ás 19:30, a Eucaristía da parroquia de San Antonio de Padua, (Lugo) estará presidida polo señor Bispo, Mons. Alfonso Carrasco.

[Ver materiais da Xornada pola Vida]

A %d blogueros les gusta esto: