O Colexio María Auxiliadora participa na campaña Domisal de toda España e Portugal

domisal

O colexio María Auxiliadora de Lugo participa nunha campaña chamada DOMISAL. É unha iniciativa que une a todos os colexios de Salesianas de España e Portugal para dar a coñecer un proxecto das Fillas de María Auxiliadora en países en vías de desenvolvemento e recadar fondos para o mesmo.

Este ano o obxectivo é o sur da India: na localidade de Kanakakunnu mellórase a vida de 150 familias con cursos de capacitación en agricultura e compostaxe, repartindo sementes e axudándolles na construción e reparación de tanques e pozos.

Iniciativas:

– Na portaría do colexio María Auxiliadora, hai huchas nas que se poden deixar achegas económicas.

Que sabes sobre India? Do 12 ao 20 de abril, está en marcha un pasatempo para descubrir India. Entre os alumnos participantes, sortéanse algúns exemplares do conto O soño de Pragasi editado pola ONGd Madreselva. Os participantes achegarán a cantidade simbólica de 30 céntimos.

– Mercadiño. Do 18 ao 21, nos recreos e o venres 22, na entrada de Mariña Española.

– Diariamente, nos Bos Días dáse a coñecer a realidade de Kanakakunnu e apréndese a valorar a auga e as plantas.

Xornada de Oración polas Vocacións e Xornada de Vocacións Nativas

Día Vocaciones Nativas

Pola converxencia de obxectivos, no IV domingo de Pascua (domingo do Bo Pastor), celébranse conxuntamente baixo o lema “Mírate con paixón”:

– Xornada Mundial de Oración polas Vocacións. De carácter universal, en España é organizada pola Conferencia Episcopal Española e a Conferencia Española de Relixiosos. Promove a oración polas vocacións de especial consagración: sacerdocio, vida consagrada, sociedades de vida apostólica…

– Xornada de Vocacións Nativas. Organizada por Obras Misionais Pontificias, busca soster as vocacións que xorden nos Territorios de Misión.

A vocación ten dous momentos:

– A mirada amorosa de Cristo que move a dar o si (“Mírate con paixón”)

– A mirada de Xesús, con toda a súa forza de amor, xera unha actividade misioneira, unha entrega compasiva cara aos demais (“Compaixón”).

[Como podemos colaborar]

Vacacións-convivencia para os maiores de Samos

No ano 1994 foi a primeira vez que a Fundación O Noso Lar organizou unhas vacacións-convivencia para os maiores en Cádiz. Este ano repítese ruta en parte, pois tamén aprovéitase para disfrutar das marabillas da provincia de Cáceres. Organízanse estas viaxes para coñecer e gozar das belezas patrimoniais, culturais, paisaxísticas,.. dos lugares visitados e cultivar a convivencia e a amizade; compartindo ilusión e admiración por todo o que se descobre, nun clima de humor e alegría.

I t i n e r a r i o

Saída ás 8 da mañá de Samos o día 15 de abril. Xantar no “Valle del Jerte”, famoso polas cereixas; e pernocta en Cáceres. O día 16, chégase a El Puerto de Santa María, e na praia de Valdelagrana establécese o cuartel xeral. Visítase a catedral de Cádiz, as súas típicas rúas e fermosas prazas, as súas praias… Tamén se coñecerá Jerez de la Frontera, a cidade con máis habitantes da provincia de Cádiz. Haberá ocasión de degustar os seus famosos viños vendo bailar os cabalos andaluces… A partir do día 20 en Extremadura visítase Mérida, o Mosteiro de Guadalupe e a cidade de Trujillo, berce de conquistadores.

Sor Julia, sesenta años de vocación

sor Julia

O sábado 9 de abril celebráronse os sesenta anos de vocación de Sor Julia. É unha celebración de aniversario propia das Fillas da Caridade, coas que a Parroquia de San Froilán comparte instalacións e moita vida. Na memoria de moitos lucenses van unidos o Colexio da Milagrosa e a parroquia de San Froilán.

Pero, quen é sor Julia?. É unha muller de paso áxil a quen é fácil vela pola rúa, cedo, cun carriño da compra. Como boa administradora, encárgase de que ás súas irmás non lles falte o alimento do corpo nin o do espírito. Na Parroquia é catequista e sempre está pendente de organizar aos lectores da Misa de 10 e de que as candeas estean acesas.

Sor Julia dedica parte do seu tempo a axudar persoalmente e tamén por medio da asociación das Damas da Caridade a varios pobres da cidade. É unha axuda calada e case secreta, que ás veces lle esixe ir a algunhas casas ás que, posiblemente, só ela é capaz de entrar e botar unha man.

Outra actividade de sor Julia é a de coordinar as capelas portátiles da Virxe da Medalla Milagrosa que visitan periódicamente varios domicilios da cidade. As persoas que llo piden poden ter nas súas casas durante un tempo determinado ao mes unha destas capeliñas. É un exercicio de piedade moi entrañable e que axuda, sen dúbida, á oración mariana e á vida espiritual de quen ten á Milagrosa na súa casa.

A celebración dos 60 anos de vocación foi da forma acostumada: mesa e Misa. Na mesa compartimos os alimentos recibidos do Señor e as súas irmás dedicáronlle unha canción e un poema. Pola tarde celebramos a Misa na pequena capela da Comunidade dando grazas pola vida de Sor Julia.

Desde aquí tamén nos unimos a esta celebración. A vida relixiosa é importante para a Igrexa e para o mundo. Sesenta anos son todo un testemuño e merecen ser celebrados e que nós tamén fagamos unha oración, neste caso por sor Julia e por todas as Fillas da Caridade do Colexio A Milagrosa. Moitas felicidades, sor Julia, e adiante!

Miguel Ángel Álvarez

Conferencia sobre A India Rural na sé de “A Fundación”

Lancy Dodem

O martes 12 de abril estivo en Lugo Lancy Dodem, o primeiro mozo hindú adoptado pola da Fundación Vicente Ferrer e agora un dos seus responsables.

Lancy sinalou 3 aspectos básicos de Vicente Ferrer:

1) El cría moito na providencia e na capacidade dun mesmo para conseguir os obxectivos que se propón;
2) Acción boa, que concentra todo: Deus, amor…
3) Perdón: quen unicamente pode perdoar mil veces é Deus; pola súa parte, Vicente Ferrer tiña o don de perdoar.

Lancy Dodem tamén se referíu a outros trazos de Vicente Ferrer como a capacidade para preparar líderes ou a súa paciencia. Isto último exemplificouno co feito de que 20 anos despois da primeira aula (con 10 nenos e 2 nenas) conseguíu concienciar á poboación sobre a necesidade de educar á muller (agora a proporción é de 10 nenos e 12 nenas).

Este acto estivo organizado pola Fundación Vicente Ferrer, a Delegación de Apostolado Segrar e a Delegación de Misións.

A %d blogueros les gusta esto: