Intento atopar referencias concretas sobre Deus nos discursos civís en xeral ou político-sociais en particular. Apenas as encontro. Algunhas, desgraciadamente, aparecen co único desexo de ofender aos crentes e de manipular a linguaxe relixiosa con fins utilitaristas e de poder. É coma se a realidade da existencia europea e española, non tivese nada que ver co relixioso e coa realidade do divino. Nin a antropoloxía, nin a filosofía, nin as referencias bíblicas, nin a cultura, nin a arte, nin a arquitectura, nin a vida cotiá, nin a boa educación, parecen ter nada que ver con Deus para moitos dos nosos contemporáneos. Ás veces dá a impresión de que retornan aqueles emperadores implacables e furibundos que, molestos pola existencia de Alguén que lles transcende, rebélanse contra os que temos a graza de crer, co fin de inxectarnos a súa “insoportable levidade do ser“.
Con todo, a fe nun Deus bo e misericordioso, liberador e sanador, segue viva en Europa, malia eles. Porque Deus está na raíz e no límite de moitas xentes de ben que traballan por un mundo mellor. A presenza do Papa en Lesbos, illa convertida agora nun campo de concentración de refuxiados que foxen da guerra, molesta aos poderosos, porque se atreve a berrarlle ao mundo que outra Europa é posible. Algúns recoñeceron que este Papa é a “conciencia de Europa“, dunha Europa que renuncia progresivamente aos principios de solidariedade e de respecto ao ser humano. Dunha Europa que fai tempo comezou a destruírse a si mesma cando quixo expulsar a Deus da realidade e, con Deus, os seus signos, as súas referencias e os seus inherentes valores éticos. Son ideólogos do poder, políticos desnaturalizados por un ateísmo chapuceiro que soamente ven inconvenientes e engorrosos problemas onde hai dor, sufrimento e morte. Sufrimentos e guerras causadas por eles mesmos, si, os mesmos que agora gardan silencio e escóndense cando onte saían á rúa e gritaban “non á guerra“. Aínda que é certo que a fe dos cristiáns europeos non poderá resolver os conflitos armados que rexorden desgraciadamente na humanidade, tamén é verdade que si os pode mitigar. E mentres, os cristiáns seguimos afirmando a Deus no mundo e intentando vivir coherentemente co que profesamos, algúns dos nosos líderes políticos din si á cultura da insolidariedade e da morte e non ao ben común, ao diálogo e á colaboración. É que vivimos nun país que deu as costas ás familias e aos máis débiles (a pobreza hérdase, di un informe de Cáritas) mentres se subvenciona a cultura do individualismo, da indiferenza, do hedonismo e da soidade.
Se este Papa “é a conciencia de Europa“ é porque cre en Deus. Nun Deus que salva e compromete. Un Deus cuxa fe nel xera determinadas formas de conduta e de opción polos pobres. E isto é así, porque a súa presenza envólvenos, rodea a existencia humana e o universo, e é punto decisivo de referencia para a comprensión do ser humano e do mundo. Sen esta orientación vital determinante, a desorientación, a perda de identidade e a banalidade, impóñense. Ai Deus! Noso Deus!
Mario Vázquez
Gústame esto:
Gústame Cargando...