IV Domingo de Coresma, “Laetare”

LaetareIncipitAlégrate Xerusalén”. Con estas palabras comeza a antífona de entrada da misa do IV Domingo de Coresma, tamén coñecido como “Domingo Laetare”, pola palabra latina.

Pasamos máis da metade do tempo de Coresma e a liturxia invítanos a alegrarnos pola proximidade da Pascua. Tamén no Advento temos o “Domingo Gaudete” cun significado semellante.

Digo moitas veces que a fe en Xesucristo non nos pode angustiar nin escravizar. Xesucristo tráenos a liberdade e xa que logo a alegría. As palabras do raposo ao Principiño resume moi ben o que quero dicir:

Sería mellor que volveses á mesma hora. Se vés, por exemplo, ás catro da tarde, desde as tres comezarei a ser feliz. E canto máis avance a hora, máis feliz estarei. Ás catro xa estarei inquedo e preocupado; e así, cando chegues, descubrirei o prezo da felicidade!”

A celebración e actualización litúrxica do acontecemento máis transcendental de toda a historia da humanidade e do universo está cerca: a resurrección de Xesucristo, o Fillo de Deus feito home.

Di o Papa Benedicto coas palabras de San Paulo que “na esperanza fomos salvados” (Spe salvi 1).

Soemos vivir o tempo de Coresma como un momento demasiado escuro que nos impide prepararnos con optimismo para a gran festa dos cristiáns.

Cristo resucitado, do que di o apóstolo Pedro que ten palabras de vida eterna, é o único que pode alimentar a nosa esperanza dun xeito desbordante e definitivo.

resurrección

Cantaremos na Pascua: “Alegría, alegría, irmáns, que se hoxe nos queremos, é que resucitou”. Esta alegría non a improvisaremos. Necesitamos, xa que logo, vivir este tempo de preparación cunha alegría contida, porque o que esperamos é certo: Cristo resucitou e falta pouco para celebralo.

Miguel Ángel Álvarez

P. Juan Carlos Díez de la Calle, predicador da Novena da Graza en San Francisco Xavier

No último número da revista Misioneros Javerianos figura o testemuño do P. Juan Carlos Díez de la Calle, que será o encargado de predicar a Novena da Graza en San Francisco Xavier, Lugo (4-12 de marzo). Reproducimos a entrevista.

O P. Juan Carlos Díez de la Calle traballou 6 anos en tarefas de animación, tras ser ordenado en 1992. Estivo en Camerún e nestes últimos anos no Chad. Desde o pasado setembro incorporouse ao traballo de animación misioneira e vocacional na comunidade xavierana de Murcia.

– Podes describirnos as grandes liñas da presenza dos misioneiros xaverianos no Chad?

– Desde o inicio do noso servizo misioneiro na diocese de Pa participamos activamente. Un novísimo misioneiro oblato, recentemente ordenado Bispo, Jean Claude Bouchard, xunto co seu equipo pastoral de misioneiros e misioneiras puxera en marcha un plan pastoral de evanxelización inculturado tras anos de reflexión e de preparación. Foron anos entusiastas de moito traballo nunha misión bastante nova (de apenas vinte anos trascurridos desde a chegada dos primeiros misioneiros). Comezamos con dúas comunidades de tres misioneiros cada unha, asentadas en dous territorios de misión bastante amplos: un na zona dos massas e a outra na zona dos mousseys, dous grupos étnicos importantes na Diocese. Na actualidade son tres as comunidades xaverianas na Diocese contando coa presenza dunha decena de misioneiros. O traballo foi desde o principio fundamentalmente pastoral. Consiste na creación e acompañamento de novas comunidades cristiás xurdidas dun paciente traballo de catecumenado de adultos. Do mesmo xeito preocupámonos e empeñamos moito en canto é promoción humana e desenvolvemento. A primeira tarefa que o misioneiro leva a cabo é inserirse nunha realidade nova e moi distinta da súa de orixe.

– Como é a vosa inserción na cultura ou culturas locais? Que esforzo supón? Que dificultades?

– Damos moitísima importancia a este aspecto de inserción que chamamos máis precisamente de aculturación. Practicamente os primeiros anos de presenza están orientados a facilitar a aculturación que pasa necesariamente pola aprendizaxe e coñecemento da lingua local, dos costumes e do sentido relixioso destes pobos. A aprendizaxe das linguas locais ocúpanos boa parte do noso período de inserción naquela realidade. O esforzo é considerable, dificultado pola escaseza de medios didácticos para a aprendizaxe de linguas complexas.

Outra dificultade, quizais a máis importante, é chegar a comprender a maneira de ver a vida destas xentes, os seus valores, as súas prioridades… en definitiva, o que fai tan particulares e singulares a estas culturas africanas tan distintas ás nosas.

– No voso traballo de primeiro anuncio dades unha gran importancia ao catecumenado de adultos. Podes falarnos diso?

– Na pastoral que levamos adiante o catecumenado atópase no centro. É verdade que o número de cristiáns aumentou e que a atención ás comunidades cristiás pídenos especial atención, pero seguimos sendo unha Igrexa onde o primeiro anuncio é a súa misión máis relevante. O catecumenado ten unha duración de cinco anos. Baseado na Palabra de Deus escoitada, reflexionada e interiorizada, búscase suscitar unha autentica conversión de mentalidade e de vida. Nun inicio os catecúmenos eran todos persoas adultas capaces de comprender a Palabra de Deus e de deixarse modelar por ela. É moi importante o traballo persoal de inculturación da fe que pide unha madurez e un coñecemento da propia cultura e das súas tradicións. Na actualidade, cada vez máis se van incorporando catecúmenos máis novas. Neste sentido foi moi importante o traballo de inculturación levado a cabo neste trinta últimos anos. O esforzo por traducir a Palabra de Deus ás súas linguas locais foi moi importante. Buscouse que a Palabra de Deus penetre no corazón destas culturas resaltando canto xa está presente nas mesmas e canto está ausente, é unha novidade e convida a un cambio. Algúns dos nosos misioneiros implicáronse con entusiasmo en achegar a riqueza da Palabra a estas xentes en palabras e conceptos que eles entenden como propios das súas culturas.

Ler máis

A %d blogueros les gusta esto: