As Xornadas Abertas de Teoloxía iniciáronse co tema do papel da muller na Igrexa

Xornadas abertas teoloxía día 15

O 15 de febreiro iniciáronse as Xornadas Abertas de Teoloxía, que cumpren 30 anos de existencia. A profesora Lucetta Scaraffia, a quen correspondía a primeira conferencia non puido estar presente por problemas de saúde, pero deixou encargada a lectura da que sería a súa intervención sobre o papel da muller na Igrexa. E así se fixo. Aínda que é algo excepcional ao longo da historia que a Igrexa recoñeza a importancia da muller, si hai fontes que documentan a súa presenza (abadesas, fundadoras de ordes, santas) mentres que no ámbito civil nin siquera hai esas fontes.

Nos primeiros tempos deberon resultar atractivas para as mulleres algunhas das novidades radicais que traía o cristianismo: recoñecemento da santidade ao mesmo nivel cós varóns, coa indisolubilidade do matrimonio acábase co repudio (sempre era a muller a repudiada), eliminación da impureza da muller durante o ciclo.

Hoxe,  nalgúns países as misións católicas son dos poucos lugares de acollida que teñen as mulleres que viven na opresión.

Finalmente, outra idea que se transmitiu da profesora Lucetta Scaraffia é que sen contar máis coa muller, a Igrexa non poderá renovarse no sentido que propugna o Papa Francisco.

[Ver texto da conferencia]

É tempo de Coresma: xaxuar para compartir

coresma Ora, xaxúa, da

Hai tradicións que hoxe xa non se corresponden coa verdade e deben ser transformadas ou esquecidas. Pero hai outras que son verdadeiras e boas, tanto a nivel persoal como social e que, por iso, conservan sempre a súa actualidade. Coresma é un tempo forte e intenso de preparación para o gran acontecemento cristián: a Pascua. Este tempo comeza o Mércores de Cinza cun signo precioso, a imposición da cinza, cunha invitación á conversión e á práctica da oración, o xaxún e a esmola.

A tradición do xaxún no occidente dos nosos días, ata entre os cristiáns, non é abondo valorada e aprezada. Ata para algúns é motivo de certo sarcasmo. Con todo, a práctica do xaxún é probablemente tan antiga corno o ser humano. De feito, está íntimamente unida ao fenómeno relixioso e os historiadores das relixións descóbrena por motivos de ascese, de purificación, de loito, de súplica…, de tal modo que ocupa un espazo imprescindible nos ritos relixiosos. No Islam, por exemplo, é o medio por excelencia de experimentar a transcendencia divina. A Biblia, como Palabra inspirada na que se fundamenta a actitude da Igrexa, non soamente precisa o sentido do xaxún senón que regula a súa práctica. As ocasións e os motivos son variados pero en todos os casos trátase dunha actitude de fe e de humildade para acoller a acción de Deus e poñerse na súa presenza. Esta intención, profunda, descobre o sentido das corentenas bíblicas (Moisés, Elías, o pobo de Israel polo deserto) aínda que a de Xesucristo non ten por obxecto abrirse ao Espírito de Deus, xa que está cheo del (Lc 4, 1), senón inaugurar a súa misión mesiánica e salvífica cun acto de abandono e confianza no Pai. Por iso o verdadeiro xaxún transfórmase en caridade cos pobres, en preocupación polos necesitados, en obras concretas de misericordia. Así, a organización católica Mans Unidas, para loitar contra o fame no mundo, invítanos a xaxuar neste tempo, a compartir os nosos bens cos necesitados e a unir as nosas mans coas de Deus para construír xuntos un mundo menos egoísta e máis solidario. Tiña razón San Agustín cando afirmou que o xaxún non é unha cuestión de estómago, senón do corazón. Feliz Coresma.

Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral

[Ver a mensaxe coresmal do Papa]

Xornadas Abertas de Teoloxía

Baixo o título “A Igrexa nunha sociedade aberta” o 15 de febreiro comezan as Xornadas Abertas de Teoloxía, que ata o día 18 terán lugar ás 20h no Salón Rexio do Círculo das Artes de Lugo.

Lucetta Scaraffia

Luns 15

Conferencia: “La Iglesia y la cuestión de la mujer”

Relatora: Profesora. Lucetta Scaraffia (Roma)

Historiadora e xornalista. Profesora de Historia Contemporánea na Universitá degli Studi di Roma La Sapienza. Colaboradora nos periódicos Avvenire, Il Foglio, Corriere della Sera e L’Osservatore Romano.

Otero Novas

Martes 16

Conferencia: “Cristianismo y política”

Relator: D. José Manuel Otero Novas

Presidente do Instituto de Estudos da Democracia (Universidade San Pablo CEU – ACdP). Avogado do Estado. Ex-Ministro e Deputado en varias lexislaturas.

FGBarriocanal

Mércores 17

Conferencia: “La Iglesia y la economía”

Relator: D. Fernando Giménez Barriocanal

Vicesecretario de Asuntos Económicos da Conferencia Episcopal Española. Doutor en CC. Económicas e Empresariais. Profesor de Economía Financeira na Universidade Autónoma de Madrid. Presidente e Conselleiro Delegado da Cadena Cope e Presidente do Patronato da Fundación Cope.

Javier Prades

Xoves 18

Conferencia: “Dar testimonio. La presencia de los cristianos en la sociedad”

Relator: D. Javier M. Prades López (Madrid)

Rector Magnífico da Universidade Eclesiástica San Dámaso. Sacerdote da Diocese de Madrid. Licenciado en Dereito e Doutor en Teoloxía.

Representación da obra teatral “Imposible matar la belleza”

Copia de P1040684

Unha obra de teatro social co título “Imposible matar la belleza” foi representada o venres 12 de febreiro na igrexa evanxélica Boas Noticias.

O actor Moisés Mato, lucense, militante do Movemento Cultural Cristián, representou en varias escenas distintos problemas da sociedade (guerra, explotación laboral, trata de persoas, migración, desafiuzamentos). Ao mesmo tempo que se mostraba a crúa realidade, incluíanse notas de esperanza.

Colaboraron na organización deste acto a Delegación de Apostolado Segrar, a igrexa evanxélica e a Ong Taller de Solidariedade. 

Ademais o sábado 13 impartiuse un taller sobre a cultura da paz e non violencia na sede de Taller de Solidariedade (r/ Ramón Montenegro, 17, Lugo).

Asemblea da Hospitalidade Diocesana de Lourdes

Xornada do enfermo cartel wp

O xoves 11 de febreiro, festividade da Nosa Señora de Lourdes, terá lugar un ano máis a tradicional Asemblea – Convivencia que se celebrará na Casa Diocesana de Exercicios de Lugo.

Os actos iniciaranse ás catro da tarde coa acollida dos socios da Hospitalidade da Nosa Señora de Lourdes da Diocese de Lugo e a continuación:

  • Oración inicial e saúdo.

  • Reflexión mariana sobre o lema deste ano en Lourdes: “Misericordiosos como o Pai”, a cargo de D. Jesús Tortajada Pérez, Irmán dos Misioneiros Combonianos, membro da Comunidade Pastoral de Palas de Rei e peregrino a Lourdes (no ano 2015 deu na Asemblea un gran testemuño e o mesmo na festa-convivencia en Lourdes).

  • Información xeral do curso 2.014 – 2.015.

  • Breve exposición da programación do curso 2.015 – 2.016.

  • Presentación das contas e xestión económica do curso pasado e proxecto económico para o curso actual.

  • Suxestións dos asambleístas, para as próximas peregrinacións e boa marcha da Hospitalidade.

  • Vivencias ou resonancias persoais dos participantes.

Tras un descanso, sobre as seis e media da tarde, terá lugar unha Eucaristía concelebrada e presidida polo Sr. Bispo de Lugo.

Espérase unha participación de medio milleiro de persoas. Neste día ábrese o periodo de inscrición para a Peregrinación a Lourdes.

NOVENA. A Hospitalidade de Lourdes colabora na Novena que en honra da Virxe de Lourdes está celebrándose na igrexa de San Froilán (Lugo) ás 19:30h e que está sendo predicada cada día por un sacerdote peregrino a Lourdes.

A %d blogueros les gusta esto: