Esta pregunta non é superflua nin moito menos sobre todo para os preocupados polo ben das persoas na sociedade. Se existe a verdade ou non, está sendo un dos temas máis controvertidos a día de hoxe, pois non se trata só dun debate teórico, senón que implica tamén cuestións éticas, políticas e de xustiza.
No xuízo polo golpe de Estado do 23-F o xeneral A. ARMADA na súa estratexia de defensa declarou ante o tribunal: “Neste mundo louco e traidor, nada é verdade e nada é mentira, todo é da cor do cristal con que se mira”. O tribunal non aceptou esa afirmación e é verdade que o sentenciou a 30 anos de cárcere, aínda que tamén é verdade que non cumpriu os 30 anos de prisión, pero segue sendo verdade que esa foi a sentencia.
En certa ocasión o director dun colexio de primaria díxome: “Eu non creo que exista a verdade”. Matinando a raíz desta afirmación pódese deducir que entón no colexio se a un rapaz o suspenden ou lle fan repetir curso será por cuestión de opinións que diverxen das do profesor ou das do director ou, o que aínda é peor, será por capricho ou gusto deles, e como resultado práctico no quedaría máis remedio que prescindir da liberdade de pensamento e de expresión e dedicarse á adulación.
Na vida social atopamos opinións que manifestan claramente ausencia de estudo, ou falta de sentido ético e de xustiza, aínda máis, algunhas chegan a considerarse delictivas por ser racistas, xenófobas ou por negar o Holocausto. A razón de consideralas delitos é porque atentan contra a verdade sobre a condición humana, os seus dereitos e a xustiza. Se non houbese verdade, como un xuíz se atrevería a meter no cárcere ás persoas! Podería prendelas por ter opinións e gustos distintos ós seus? Non quero quitarlle importancia á profesión de xuíz nin á dificultade do seu exercicio.
Na cuestión sobre a verdade o máis importante, ó meu entender, é que se non hai verdade a situación dos pobres, febles, oprimidos, vítimas de trata, explotación, crimes… non teñen defensa efectiva e real, pois o xogo das opinións está en función da forza que se teña para impoñelas, e neste ámbito os opresores, explotadores, abusadores e delincuentes levan ampla vantaxe.
Aí está a clave pola que Deus e o mesmo Xesucristo se proclaman na Biblia defensores dos pobres, nenos, viúvas, oprimidos, encadeados e famentos. Isto tamén nos axuda a entender cando Xesús afirma: “Eu son o camiño, a verdade e a vida… pois todo o que lle fixestes a un dos máis pequenos a min mo fixestes”. Crer no Deus de Xesucristo é estar coa verdade e, por tanto, coas vítimas de calquera asoballamento, é estar cos últimos e descartados da vida social.
Coido que coincidiremos en que para os oprimidos e pobres a existencia da verdade, e dunha Verdade Transcendente, é de vital importancia, pero para os explotadores é de máis comenencia o relativismo e, en consecuencia, que non haxa verdade e si opinións diversas e xa imporán a que lles conveña.
Ademais transitar polo camiño da verdade frecuentemente é esixente e arduo, coma en tódalas cousas valiosas da vida, pois hai que renunciar ós propios caprichos e comenencias á vez que se gastan as forzas en comprometerse nese camiño, pero tamén é certo que a ledicia e a dignidade humana vivida serán moito maiores e gratificantes, xa que a Gracia de Deus virá na nosa axuda.
Antón Negro
Gústame esto:
Gústame Cargando...