“Bautizos Civís”

bautizo civil

O 21 de novembro apareceu nun xornal galego que o Concello de A Coruña se sumaba ós concellos que ían organizar o que chaman “Bautizos Civís”.

Ante este feito algúns lembran a frase moi citada de A. Einstein: “Hai dúas cousas infinitas: o universo e a estupidez humana, e da primeira non estou moi seguro”. Aínda que poida ser verdade non serve para facer unha análise política do tema.

Outros afirman que parece que hai alcaldes con complexo de crego, feiticeiro, chamán, ou imán… pero, se fose este o caso, non sería problema pois hai bos profesionais de saúde mental que curarían estes complexos, mesmo o de crerse Napoleón.

Un alcalde debe saber, con máis razón se pasou pola Universidade, que o Bautismo é o sacramento de incorporación á Igrexa Católica, coma outros clubs, asociacións, partidos, relixións… teñen os seus rituais.

Son profesor de temas de socioloxía e política e desde esa perspectiva quero analizar isto dos “bautizos civís” e, por suposto, no contexto do Estado Democrático de Dereito, que en cuestións relixiosas é aconfensional, ou, se se quere, laico respectuoso do dereito á liberdade relixiosa e favorable a ela. Nesta análise habería que ter en conta:

-Que na sociedade democrática hai moitos profesionais, asociacións, empresas e institucións con acreditada experiencia en organizar eventos, festas, acontecementos… de acordo cos diversos gustos e esquemas socioculturais dos cidadáns. Todos estes profesionais ou grupos teñen dereito a que os poderes públicos non lles fagan competencia desleal. En España a incorporación á sociedade faise cunha anotación no Rexistro Civil.

-Que as alcaldías se metan a organizar estas celebracións manifesta unha mentalidade totalitaria que quere ocupar todo o espazo social por desconfiar dos cidadáns, considerándoos incapaces de organizar as celebracións que estimen oportunas. Os cidadáns deben, por saúde democrática, oporse a que o poder político ocupe todo o espazo público e a que os queira infantilizar, incapacitar e facelos máis dependentes do poder. Considero un deber democrático enfrontarse a todo poder que por calquera medio ou forma queira quitar ou reducir o noso protagonismo persoal e asociado na vida sociopolítica.

-Descoñezo as intencións persoais, manifestas ou ocultas, de cada alcaldía no asunto… pero iso supón crear unhas plataformas celebrativas que en calquera momento poderían servir a un alcalde para incorporar ás persoas a un movemento nazi ou stalinista, mafia, secta, relixión… e os demócratas debemos estar vixiantes para que iso non poida darse nin de lonxe, quitando toda infraestrutura susceptible diso.

-Nas eleccións municipais elíxese nada máis e nada menos que corporacións e alcaldes, que é a Administración máis próxima ós cidadáns. Se unha alcaldía non sabe a súa función e competencias, terá que comezar pola Lei Orgánica de Réxime Local vixente.

Para rematar debemos ser conscientes de que, cando unha alcaldía se dedica a temas fóra das súas importantes responsabilidades, é lóxico que os defensores do Estado Democrático de Dereito se rebelen por entender que está a facer intrusismo profesional, corrupción das institucións, ou malversación de caudais públicos… Pois en democracia a división de poderes e a limitación das competencias de cada poder é fundamental, do contrario falaríamos doutros réximes alleos á democracia.  Que os alcaldes sexan nada máis e nada menos que ALCALDES !!

Antón Negro

Profesor de Análise Sociopolítica

Encontro diocesano ao comezo do Ano Litúrxico

O encontro diocesano ao comezo do Ano Litúrxico en Silleda o 30 de novembro desenvolveuse pola mañá da seguinte maneira:

conferencia en Silleda

  • 11:00. No salón parroquial da casa reitoral de Silleda: Acollida, oración e exposición do tema: “Ano Litúrxico: Celebración do Amor de Deus” a cargo de D. Ramiro González Cougil, Delegado de Liturxia de Ourense.

  • 13:00. Celebración penitencial na igrexa parroquial de Silleda

Virxe desatanós

Pola tarde: Eucaristía no Santuario do Corpiño e bendición do cadro da imaxe da Virxe Desatanós de Galicia.

A imaxe da Nosa Señora Desatanós é un cadro pintado por un artista descoñecido no ano 1700. María está rodeada de anxos e protexida polo Espírito Santo. Atópase de pé pisando a cabeza dunha serpe. Un anxo á súa esquerda alcánzalle as cintas con nós e outro anxo á súa dereita recolle as cintas estiradas.

Cea solidaria en beneficio de Anciáns do Mundo-Monforte

O día 27 hai en Monforte unha cea solidaria en beneficio de Anciáns do Mundo.

O capelán do hospital comarcal de Monforte, Miguel Vázquez López, puxo en marcha fai 3 anos unha delegación de Anciáns do Mundo, que saca á xente maior da rúa e faise cargo das súas necesidades. Páganselles habitacións en hospedaxes, axúdaselles para que poidan arranxar os papeis e recibir axudas oficiais. En Monforte asisten a unhas doce persoas. A algunhas delas conseguiuse sacalas da rúa. Préstase axuda nos domicilios. Nos casos máis graves hai que educar ou reeducar aos anciáns.

A organización está integrada por sete persoas e contan coa axuda de socios e do persoal de asuntos sociais, tanto do hospital como do Concello.

Desde que se fundou o colectivo, organiza anualmente unha cea de solidariedade na que actúa desinteresadamente un grupo musical. Na cea do día 27 actuará o grupo Camelia.

A Delegación de Mocidade presenta as súas actividades para este curso

O 26 de novembro, a partir das 21 h nos locais da Delegación Diocesana de Mocidade (na Casa de Exercicios, rúa Ona de Echave), terá lugar a presentación das actividades que esta delegación dirixe aos mozos.

A este acto están invitados todos os sacerdotes da cidade, membros de movementos e delegacións diocesanas. Despois do encontro os asistentes compartirán unha paella cociñada polos mozos colaboradores da Delegación.

Con este acto, a Delegación presenta os retos e as necesidades que demanda a mocidade de hoxe e cal debe ser a resposta que lles ofrece a Igrexa lucense.

A Delegación de Mocidade supón un punto de encontro de mozos das distintas parroquias e movementos, ofrecendo ademais unha serie de actividades que os aúnen. Entre elas destacan as peregrinacións xuvenís ao Santuario de Fátima (Portugal) e ao Santuario de O Faro (Chantada); “Unha Luz na noite? (evanxelización en zonas de lecer); a Xornada Mundial da Mocidade (Cracovia 2016); e a oración na capela universitaria (os mércores a partir da 21h) na que participan asiduamente uns 35 mozos.

Presentación da nova edición do Leccionario da Misa

Público

O 26 de novembro ás 17:30 h., no Salón de Actos do Seminario de Lugo, presentáronse os 3 primeiros tomos do novo Leccionario da Misa:

– Leccionario I-C (domingos e festas do señor, ano C)

– Leccionario II (Advento, Nadal, Coresma e Pascua)

– Leccionario III-par (Tempo Ordinario dos anos pares)

 O Delegado de Liturxia, José Antonio Ferreiro, dixo que co leccionario lemos a Biblia desde o Evanxeo, pois Xesús é o centro de toda a Escritura. Tamén lembrou a honra que se lle tributa á Palabra de Deus cando o Evanxeliario é incensado, bicado, con el bendise ao Pobo de Deus…

O director de Formación Permanente do Clero, Xesús Anxo Fernández Aira falou da tradución da Biblia, encadrándoa na historia do achegamento do libro sagrado ao Pobo de Deus. Tamén tratou da estrutura e contidos do Leccionario.

Finalmente, e o director de La Voz de la Verdad, Javier Diéguez, presentou o novo formato e maquetación do leccionario.

A %d blogueros les gusta esto: