Unha imaxe vale máis que mil palabras…

Aylan
Dicímolo moitas veces: unha imaxe vale máis que mil palabras. A nosa conciencia insensible xa esqueceu aquelas imaxes de nenos esfameados e moribundos que fai dúas décadas aparecían en televisión. Quizais, ata chegamos a pensar que agora xa non morrían nenos nestas condicións tan lamentables. Tivemos que volver ver unha soa imaxe para decatarnos de que estabamos equivocados ou, talvez, durmidos, porque aínda que os nosos ollos non visen estes sucesos nunca deixaron de ser realidade.
Medio mundo alarmouse por esta fotografía e todos temos claro o que hai que facer. Outra cousa distinta é saber se estamos dispostos a facelo e por que chegou a humanidade a estes extremos de inhumanidade.
Díxeno máis veces tratando situacións similares máis próximas: hai cousas que só Deus é capaz de arranxar. Se non lle deixamos a Deus estar no mundo nin na nosa propia vida, dun modo xenuíno, o único que conseguimos é erixirnos en deuses de mundo onde todo está permitido, sobre todo se é en beneficio propio. As consecuencias non fai falta describilas, hoxe vense claramente nesta imaxe, convertida en “viral”, como se di agora.
Esta fotografía é máis que unha simple imaxe. É o símbolo de todos os que sofren as consecuencias dun mundo que se emancipou de Deus e agora só impera a lei da selva. Os afectados non están só en Siria ou no Terceiro Mundo. Aquí, tamén entre os que non teñen maiores problemas económicos, a infelicidade e a falta de sentido da vida e de valores está facendo estragos.
Miguel Angel Álvarez

Non creo no deporte porque non existe

deporte
Estou pensando en dedicarme á política. O punto central do programa electoral será a eliminación do deporte. O motivo é que non creo no deporte, xa que non existe. A proba de que non existe é evidente: eu non o práctico.

Se gaño, farei o seguinte: non se concederá un só euro para actividades deportivas; as instalacións habilitadas para iso serán destinadas a outros usos; nos colexios deixará de impartirse a asignatura de Educación Física e nos patios de recreo só poderá comerse o bocadillo. Tamén se vixiarán os xogos clásicos dos nenos por se puidesen ser confundidos con algunha actividade deportiva (o pilla-pilla, agachadas ou saltar á corda, etc) e suprimiranse os xogos de naipes nos bares. Serán máis duros os requisitos para a apertura de ximnasios; facer deporte é algo que corresponde só a un acto estrictamente persoal polo que só poderá facerse na intimidade da casa, garaxe ou leira, nunca en lugares públicos. Como alcalde, non representarei aos cidadáns en actos públicos ou privados que teñan relación co deporte, pois non é o meu cometido e, ademais, poden ofenderse os que non practican ningún deporte ou os que son simpatizantes dun deporte ou equipo distinto do que sexa obxecto un acto concreto. Trataríase, ao fin, de conseguir unha sociedade sedentaria e “adeportiva”.

Poucas veces leron tantas estupideces xuntas nunhas poucas liñas, verdade? O suposto que acabo de expoñer é un absurdo. O deporte existe desde sempre, aínda que non o practique por preguiza ou falta de oportunidade.

As cousas existen coa autonomía que o Creador concedeulles no momento que lles deu a existencia (GS 36). Polo tanto, o seu ser non depende da miña vontade ou das ideas que estean de moda en cada momento.

Se agora cambian a palabra “deporte” por “relixión” ou “Igrexa Católica” teñen o capítulo principal dos programas da maioría dos partidos políticos e os argumentos que se están dando para non asistir a actos relixiosos en representación do pobo que os elixiu.

O peor de todo é que mentres loitamos esta batalla, estamos privando ao mundo dos beneficios da relixión na vida das persoas e da sociedade. Alguén dixo que «as Biblias non son permitidas nas escolas. Pero si as permiten en prisión. Se deixasen aos nenos lelas nas escolas, moitos deles non chegarían á prisión»

Negar a existencia de Deus e das relixións cos argumentos que expoñen algúns é un acto de moita temeridade. Outra cousa é que teñamos dificultade para coñecer a Deus. Somos limitados e Deus ilimitado, xa que logo, sempre nos vai a quedar moito sen coñecer, pero non é razón para negar a súa existencia e a necesidade das relacións dos homes con Deus, incluíndo a súa manifestación pública.

Neste tema hai moito odio, indiferenza e ignorancia. O odio non se explica nunha sociedade que se di tolerante. A indiferenza mostra o adormecemento de Occidente que esqueceu as súas raíces. E a ignorancia véncese cun simple achegamento, neste caso, á Igrexa Católica e ver que todo é moi distinto ao que algúns pensan.

Miguel Angel Álvarez Pérez
Párroco de San Froilán

Semana de Formación Permanente do Clero de Galicia

Semana-Formación-Cregos-2015A tradicional Semana de Formación Permanente do Clero de Galicia terá lugar do 9 ao 11 de setembro de 2015 no mosteiro de S. Xoán de Poio. Trátase dun momento forte convivencia e formación, organizado polas Delegacións para o Clero das dioceses galegas, no que participan sacerdotes de Galicia.

O programa é o seguinte:

Mércores día 9 de setembro

11:30: Acollida dos participantes.

12:00: Oración inicial e presentación das Xornadas

12:30: 1º Relatorio: “Chamados a unha conversión pastoral”, por D. Fernando Gonzalo Bilbao, Vicario Xeral de Vitoria. Diálogo co relator.

14:00: Comida.

16:30: 2º Relatorio: “Renovar as nosas comunidades: Discípulos misioneiros”, por D. Fernando Gonzalo Bilbao, Vicario Xeral de Vitoria. Diálogo co relator.

18:30: Obradoiros:

  • “Retos para unha nova administración”, D. Jesús Río Ramilo, sacerdote diocesano de Lugo.

  • “Como achegar Sta. Teresa aos fieis”, P. Augusto Gerra, carmelita descalzo.

  • Proxecto Raquel, D. Martiño Rodríguez González, director do COF diocesano de Lugo.

  • “Música e Liturxia”, D. Óscar Valado Domínguez, Director do Secretariado de Música Sacra da Arquidiocese de Santiago.

20:30: Vésperas – Eucaristía.

21:30: Cea.

22:30: Vixilia de oración.

Xoves día 10 de setembro

8:30: Laudes – Eucaristía.

9:30: Almorzo.

10:30: 3º Relatorio: “Que lle pide hoxe un laico ao sacerdote?” por José Manuel Domínguez Prieto, Profesor de Filosofía. Diálogo co relator.

Ler máis

Curso de monitores de educación afectiva e sexual

curso-monitores-Aprendamos-a-amar_Página_1

O máis importante da vida é querer e ser queridos. “Aprendamos a Amar” é un proxecto de educación afectivo sexual que capacita a pais e educadores a abordar a sexualidade desde unha perspectiva que responda aos desexos máis profundos do corazón.

Ademais da teoría, no curso proporciónanse materiais e didácticas que facilitan o acompañamento de nenos, xoves e familias de forma aberta e flexible.

As delegacións de mocidade das 5 dioceses galegas xunto co COF diocesano de Lugo, ofrecen un curso de 30 horas impartido por Fundación Desarrollo y Persona que traballa con máis de 10.000 adolescentes e 5.000 educadores ao ano.

Está recoñecido como Título propio pola Universidade Francisco de Vitoria.

En tres fins de semana:

  • 11-12 de setembro

  • 16-17 de outubro

  • 13-14 de novembro

Venres de 17 a 21h  e sábado: de 10 a 14:30h. e de 16 a 19:30h.

Lugar do curso: Casa Diocesana de Exercicios, Campus sur (Santiago)

CURSO MONITORES nieves-begoña

Imparten: Nieves González Rico e Begoña Ruiz Pereda

Inscrición: no COF Diocesano de Lugo

Prezo matrícula: 90 €

Os interesados en aloxarse na Casa de Exercicios a noite do venres e/ou reservar a comida do sábado deben facelo saber á hora de facer a inscrición.

Cristiáns perseguidos

Contemplámolo arrepiados. Era o 15 de febreiro. Foron decapitados mentres invocaban o nome de Xesús. Son os 21 exipcios degolados nas costas de Libia polas milicias do califato islámico. No vídeo puidemos ver que, no momento da decapitación, invocaban en árabe o nome de Xesucristo.

É un caso de moitos: Segundo a ONG Open Doors hai 150 millóns de cristiáns perseguidos por mor da súa fe. A liberdade relixiosa é vulnerada en máis de 50 países. Sobresaen os países de tradición islámica e Siria, onde foron decenas os asasinados, centenares os secuestrados, miles os que fuxiron abandonando todo. E países comunistas encabezados por China e seguida de Corea do Norte, onde encarcelan por posuír a Biblia, ou Vietnam.

O Parlamento Europeo, o 30 de abril, constata que «o número de ataques sobre minorías relixiosas, en particular cristiás, ao longo do mundo incrementouse tremendamente nos meses recentes e os cristiáns son masacrados, golpeados e arrestados cada día, na súa maioría nalgunhas partes do mundo árabe por terroristas yihadistas». Sinalando que «os cristiáns son o grupo relixioso máis perseguido da actualidade, alcanzando unha cifra de 150.000 cristiáns mortos por ano». A resolución fai logo un pormenorizado detalle dos ataques máis graves contra os cristiáns.

O Domingo de Ramos clamaba o Papa: «Pensemos nos nosos irmáns e irmás perseguidos por ser cristiáns, os mártires de hoxe, hai moitos. Non renegan de Xesús e soportan con dignidade insultos e ultraxes. Ségueno polo seu camiño. Podemos falar, en verdade, dunha nube de testemuñas: os mártires de hoxe». O último día 15, festa da Asunción, tocaron as campás de toda Francia invitando a un recordo: os cristiáns asasinados por mor da súa fe.

E é que moitos pobos de tradición cristiá de séculos atópanse nunha grave encrucillada: ou se lles axuda ou desaparecerá a presenza cristiá. Con todo, a firmeza e coherencia ante a persecución fan que estes cristiáns, ata nos campos de refuxiados onde malviven, marquen as súas tendas de lona cunha cruz para que quede visible a súa fe cristiá.

Non se trata de pedir vinganzas nin privilexio algún para a fe cristiá. Pero resulta grotesca a indiferenza e escandaloso o esquecemento con quen padece esta elemental vulneración da súa liberdade relixiosa e son vítimas destes asasinatos brutais. Que non se solucionan cunha declaración, benvida sexa, un toque de campás ou un clamor papal, senón con decisións políticas eficaces, con unidade de acción e a denuncia de países despóticos que vulneren dereitos fundamentais, ou medidas como non ocultar ante a opinión pública a atroz persecución.

Fagamos a reflexión de por que o mundo occidental séntese tan afectado cando se trata da persecución doutros colectivos e non busca solucións, nin se altera, ante un tema de tanta crueldade e extensión como a morte e persecución destes inocentes perseguidos só por ser crentes en Cristo.

A moitos interpélanos. E clamamos porque non podemos quedar indiferentes fronte a tanto sangue derramado. Desde a nosa fe cristiá o perdón e a piedade invádennos. Pero, afectados pola situación damos a nosa axuda, a nosa oración e denuncia como un modo de devolver algo do moito que recibimos deles: o seu testemuño de amor a Cristo ata a morte. Sabedores de que «vós coa vosa fe animádesnos» (1Tes, 3,7).

Daniel García García

Párroco de Albeiros

A %d blogueros les gusta esto: