En Terra Santa

Cenáculo

Sacerdotes lucenses celebrando a Eucaristía no Cenáculo

Visitar Terra Santa é unha experiencia única. É certo que non se trata dunha visita obrigada para un cristián que queira ser digno de tal nome; non é necesario peregrinar alí para completar o itinerario da fe. Pero, sen dúbida, percorrer a xeografía bíblica de Israel e Xordania non deixa a ninguén indiferente, é unha viaxe diversa de calquera outro que poidas facer, e iso aínda que o signo que supón tal visita sexa claroscuro ou se presente con gran humildade.

Quen tivemos o agasallo de visitar recentemente Terra Santa puidemos experimentar in situ como ao longo dos días se confirmaba unha vez máis a natureza do cristianismo: tal e como no seu día escribira Luigi Ciussani nunha circunstancia similar, nesta viaxe un pode contemplar que “Deus se fixo presente ao home a través dunha realidade humana circunscrita a un determinado contexto, leal con todas as condicións do home e do momento histórico no que elixiu manifestarse”. E é que o carácter histórico da nosa fe queda ante os ollos cunha nudez desafiante. Iniciando en Galilea e subindo a Xerusalén aos poucos, como resumidamente podería dicirse que foi o camiño de Xesús, de Galilea a Xerusalén, todos os lugares que a calquera que escoitase o Evanxeo uns cantos anos resultaranlle familiares aparecen agora, traendo o recordo dos eventos sucedidos alí fai dous mil anos. E aparecen xa non como ideas senón como rúas ou ruínas, fontes, igrexas construídas sobre lugares santos a modo de grandes relicarios, montes, lagos, ríos.., que son os mesmos, co inevitable paso do tempo, que un día foron escenario e testemuñas da historia de Deus co seu pobo Israel e, sobre todo, do camiño de Deus por este mundo en Xesús de Nazaret.

Ao peregrinar a Terra Santa concédenseche, así, grandes axudas para fortalecer a memoria viva dun acontecemento que non quedou recluído no pasado. Podes visitar os comezos de toda a historia de Xesús en Nazaret, e permanecer en contemplación ante a casa na que María recibiu o anuncio de que sería a Nai de Deus; podes navegar polo lago de Galilea ou de Tiberíades, onde Xesús chamou aos seus discípulos ou se lles apareceu resucitado; podes subir ao monte das benaventuranzas e lembrar que alí, dous mil anos atrás, o Mestre pronunciou o sermón da montaña; podes ir ao Xordán para revivir o bautismo de Xesús e contemplar as paraxes nos que Xoán Bautista predicaba e indicaba a chegada do Mesías; podes pasear polo campo dos pastores, en Belén, lugar do primeiro gozoso anuncio de Nadal; podes, sobre todo, entrar con emoción na cidade de Xerusalén, percorrer as súas rúas e chegar até a igrexa do Santo Sepulcro, meter a man no oco da cruz e venerar a tumba baleira que un día gardou o corpo de Xesús e viu a resurrección…

E un longo etcétera imposible de describir en poucas liñas, que configura un percorrido de fe e de historia bíblica cuns horizontes tan extensos como os que fisicamente un pode contemplar se sobe, como noutro tempo Moisés, ao monte Nebo e contempla a Terra Prometida. Altamente recomendable… e até necesario para seguir apoiando coa presenza aos cristiáns que custodian os así chamados Santos Lugares.

David Varela

Reitor do Seminario

A %d blogueros les gusta esto: