O día anterior á publicación da noticia sobre o recoñecemento da nosa catedral como Patrimonio da Humanidade, chamábame unha familia lucense desde unha provincia española para dicirme que estaban visitando unha catedral extraordinaria, e engadían: «A de Lugo comparada con esta, nada». Esa catedral á que eles se referían coñézoa e puiden celebrar nela en distintas ocasións. Tras un debate sobre o tema concluín, con dor e certa tristeza, o pouco que amamos o propio e canto sobrevaloramos o alleo.
Ao día seguinte da citada declaración sobre a nosa catedral, algunhas voces, afirmaban con desconfianza que o feito do recoñecemento aos Camiños do Norte como Patrimonio da Humanidade non incluía necesariamente á nosa catedral.
O Bispado de Lugo, ante tales dúbidas, púxose en contacto coa Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e recibiu o seguinte informe: «A catedral de Lugo está incluída nominalmente e ten polo tanto consideración de Patrimonio da Humanidade. Isto vén ocasionado por ser monumento individual dentro da candidatura dos Camiños do Norte. Polo tanto consideramos que a catedral de Lugo vén de ser incluída na lista do Patrimonio Mundial da Unesco».