II Festival Internacional de Órgano do Corpus Christi de Lugo

Festival_organo_cartel_2015

Organizado polo Centro Eucarístico Lucense, o programa é o seguinte:

1º Concerto “Adoro te devote”Venres 5 xuño ás 20:45 h na Catedral a cargo de Lindy Rosborg (Dinamarca), órgano

2º Concerto: “Lauda Sion Salvatorem”.

Luns 8 de xuño ás 20:30 h na igrexa de Santiago A Nova, con Stanislav Surin (Eslovaquia), órgano

3º Concerto: “Pange Lingua”.

Xoves 11 xuño ás 20:30 h na igrexa de San Pedro. Interveñen: Giulio Mercati (Italia), órgano; Lidia Basterrretxea (España), voz; Cuarteto Cadencia de Lugo

4º Concerto: “O sacrum convivium”.

Venres 12 xuño ás 20:45 h na Catedral Organista: Stefan Kagl (Alemaña)

[Ver texto de presentación elaborado polo señor Bispo]

Carta pastoral do señor Bispo con motivo do Corpus

Queridos irmáns,

Este primeiro domingo do mes de xuño a Igrexa convócanos a celebrar a gran solemnidade do Corpus Christi, a contemplar e anunciar nas igrexas, e tamén nas rúas e as prazas, a Caridade de Xesús o noso Señor, que El introduciu na historia para sempre. Na Caridade, que é a substancia da súa alma e do seu corazón, quixo quedar connosco, abrazar e salvar cada un dos seus irmáns.

Neste día de festa recobra vigor a nosa esperanza e xermola o agradecemento a este Amor divino en quen a nosa vida se confía sen temor. Celebramos con alegría que Xesús entrega realmente o seu Corpo e o seu Sangue por nós e por todos, e o seu Espirito lévanos a amar os irmáns como El o fixo.

Por iso resoa hoxe con especial claridade a pregunta que nos formula frecuentemente o Papa Francisco e que é o lema desta Xornada da Caridade: que fas co teu írmán? Porque, en efecto, a indiferenza, á que nos deixamos ir con facilidade, é exactamente o contrario da caridade. De feito, no noso mundo, cada vez máis alleo á lei do amor ao próximo e mesmo á propia responsabilidade pola xustiza, corremos o risco dunha “globalización da indiferenza”, para a cal o único razoable é poñer atención so ao propio, e a única lei a forza e a propia comodidade.

Este día do Corpus chámanos, en primeiro lugar, a vencer no fondo da nosa alma a “indiferenza relixiosa”, que é como a raíz amarga do desamor a Deus, á vida e aos irmáns, e a experimentar en cambio a fraternidade que nace do seguimento de Cristo, da comuñón que nos ofrece a pesar de ser nós pecadores.

Ao servizo deste común camiño de caridade, os bispos de España aprobamos o pasado día 24 de abril a instrución pastoral “Igrexa, servidora dos pobres”. O lugar preferente dado nela aos máis pobres debe ser visto como signo do realismo da caridade verdadeira. Ao mesmo tempo invítasenos a todos a procurar que a acción caritativa non sexa so preventiva, curativa e propositiva (n.° 42), senón tamén profética, combatendo as causas estruturais da pobreza.

Neste sentido falábanos xa con claridade o noso Papa Francisco:

“A simple acollida non basta. Non abonda dar un sándwich, se non se acompaña da oportunidade de aprender a camiñar sobre os seus propios pés. A caridade que deixa aos pobres tal e como están non é suficiente. A misericordia verdadeira, aquela que Deus nos da e nos ensina, pide xustiza, pide que o pobre encontré o seu camiño para deixar de selo”.

A celebración do Corpus, e, polo tanto, a acollida da Caridade como lei e esperanza da vida, recórdanos certamente a necesidade do coidado próximo e inmediato de quen o necesita. Pero pídenos tamén saber rexeitar unha economía que negue a ética e o ben común, que absolutice a lóxica mercantil e se deshumanice; pídenos ser capaces de superar a idolatría do diñeiro, que conduce de moitos modos á corrupción, e de poñer no centro da vida social a primacía da persoa humana, os seus bens e dereitos fundamentais.

Os máis débiles manterán vivas as esixencias da xustiza e a urxencia da caridade, preguntándonos coa súa presenza que fas co teu irmán? co parado, o estranxeiro e o sen papeis, o enfermo ou o ancián, pero tamén co neno indefenso, que aínda ha de nacer?

Non podemos facer oídos xordos ás urxencias dos demais, coma se nos fosemos ricos e non necesitásemos de ninguén. Diante de Deus todos somos pobres. De El vénnos a vida, que ninguén se da a si mesmo e que todos teremos que presentar ante El, coas obras realizadas. No seu Amor temos posta a nosa confianza, para alegrarnos cos seus dons, co sol de cada día e as persoas que nos acompañan, e sobre todo coa súa misericordia xenerosa, que consola o noso corazón. Recordemos que, por iso, o Señor dispersa os soberbios de corazón, pero enaltece os humildes (Lc 1,51-52).

Manifestemos a nosa humildade poñéndonos no seguimento de Xesús, presente no Sacramento, para que renove os nosos corazóns, converténdoos unha vez máis á Caridade. Pidámoslle que nos garde sempre agradecidos ao seu Amor, e que nos dea a graza de saber apreciar e amar os nosos familiares e amigos, de crecer en intelixencia do que é debido e en sensibilidade ante as necesidades do irmán, de colaborar na construción dunha sociedade en paz, na que se vive e se ama a xustiza.

O amor do Señor, como na procesión deste día, precédenos sempre. Que esta sexa a nosa esperanza e a nosa forza; para que poidamos experimentar a alegría propia de quen ama non de palabra e de boca, senón de verdade e con obras (cf. 1 Xn 3,18).

Feliz festa de Corpus Christi !

Lugo, 21 de maio de 2015

                                       Alfonso Carrasco Rouco

Bispo de Lugo

Pregón da Caridade

image

A Secretaria Xeral de Xustiza e Paz, Isabel Cuenca Anaya, foi a encargada do Pregón da Caridade 2015. O acto tivo lugar no Círculo das Artes de Lugo o día 3 de maio e tamén estaban na mesa presidencial o señor Bispo, Mons. Alfonso Carrasco; o Delegado de Cáritas, Antón Negro e o director, Ginés Plaza, que ese mesmo día prorrogábase o seu cargo 4 anos máis.

 Isabel Cuenca lembrou a parábola do bo samaritano, que hoxe estaría representado por quen é voluntario de Cáritas.

 A continuación enumerou os antivalores que promove o actual sistema (competitividade malsá, pesimismo ante a posibilidade de cambiar a situación, consumismo de produtos de usar e tirar, consideración da propiedade privada case como algo sagrado [fronte ao común], busca do máximo beneficio aínda a costa da dignidade laboral). En cambio, os valores que necesita a sociedade son os promovidos pola recente instrución pastoral “Igrexa, servidora dos pobres”, que Isabel Cuenca calificou de “valente, útil e precisa”. Tamén recomendou a bula papal sobre o Ano da Misericordia.

[Ver programa completo de actos de Cáritas]

Premiados no II Concurso de fotografía sobre Eucaristía e patrimonio relixioso

 O martes, 2 de xuño, o xurado do II Concurso de “Fotografía Eucaristía e Patrimonio Relixiosos en Lugo” (organizado dentro dos actos do IV Encontro Eucarístico Lucense), acordaron por unanimidade conceder os seguintes premios:

1. Apartado Patrimonio Relixioso

– Primeiro premio, dotado con 750 € e trofeo, á fotografía “Santo Estevo de Ribas de Miño” de José Manuel Otero.

– Segundo premio e trofeo dotado con 400 € á fotografía “Fonte de San Xorxe” de Óscar Abelleira Ferreirós.

2. Apartado Eucaristía en Lugo

– Primeiro premio, dotado con 750 € e trofeo, á fotografía “Peregrinos en Melide” de Germán Limeres López.

– Segundo premio, dotado con 400 € euros e trofeo, á fotografía “La Vigilia Pascual” de Eva Amoedo.

Os premios entregaranse o día 6 de xuño ás 12.30 h no salón de actos da Biblioteca Nodal (avda. Ramón Ferreiro). As fotografías premiadas, así como unha selección de todas as recibidas, quedarán expostas na citada biblioteca.

Este concurso convocado polo LEC pretende ser unha invitación aos artistas, profesionais ou afeccionados á fotografía, a fixarse no rico patrimonio cristián e eucarístico da nosa terra. Os organizadores agradecen a gran acollida prestada a esta iniciativa.

Mírame aos ollos

Leva baixa a cabeza e elude mirar de fronte. Quere pasar desapercibida. Non desexaría estar alí. Ninguén o desexa. Ela chama a atención nese lugar porque o seu aspecto non responde aos cánones establecidos, eses que levamos arraigados demasiado dentro e cos que etiquetamos, querendo ou sen querer, aos demais. A poucos lles contou que lle pasou, esa confianza só a depositou en quen a gañou. En quen non xulga a súa situación, o seu aspecto, ou a ela mesma.
Os que agardan ao seu carón tampouco a miran. Algúns coñécense entre eles, outros son unicamente compañeiros de circunstancia. Cada un ten a súa propia historia. Agardan pacientes. Ata na desgraza é necesario gardar a vez. A cola vai avanzando lentamente. Só cando se abre a porta cesa o murmurio que acompaña a espera. Tralo limiar agardan que alguén por fin lles poña a ansiada tiriña que corte a hemorraxia do desalento. Que lles dea solución a esa cadea de despropósitos que nunca cesa.
Ela aínda non sabe como puido ocorrerlle isto. Pero o certo é que tampouco o sabe ninguén dos que están ao seu lado. Algúns nin sequera coñecen outra realidade, non saben e, quizais, tampouco chegarán a saber que significa ter unha oportunidade. Os seus berros de desesperación han ir aos poucos dando paso a simples queixumes, ata quedar apagados nese buraco escuro que o está tragando todo. Xa deixou de buscar culpables. Dá igual quen gañe na balanza da responsabilidade porque o pateo non enche a neveira ou paga o aluguer.
Chega a súa quenda. Séntese fráxil e triste. Desesperada e perdida. Ignorada e defraudada. Desexa que trala porta agarde a esperanza, transformada en solidariedade xenerosa que axude a erguerse e continuar. Ela e os que agardan alí necesítana. Pero, como eles, tamén a necesitamos os que ignoramos a nosa responsabilidade pero esixímola doutros, os que nos tragamos a dignidade dos nosos irmáns. Os que nos indignamos e criticamos pero non facemos nada. Os que lavamos a nosa conciencia con míseras migallas. Os que clamamos xustiza pero sen meternos no charco. Os que pensamos que a miseria só é unha situación económica. Os que nos esquecemos do Amor.
A porta da Caridade, da Fraternidade, está aberta para todos. É o único xeito posible de continuar adiante. Hai esperanza porque son moitos os que se decataron de que só arremangándose, mirando aos ollos ao irmán, traballando e soñando é posible construír algo mellor. Grazas a Deus son moitos os que van pola vida descalzos, porque saben que están pisando terra sagrada; a terra que pisan os que aquí son considerados os últimos pero alí son e serán os primeiros. A súa esperanza é realmente a nosa única esperanza.

María José Campo López-Barcia

Directora da Oficina de Prensa do Bispado de Lugo

A %d blogueros les gusta esto: