SANTÍSIMO SEÑOR SACRAMENTADO,
Acudo hoxe ante Vós agradecida por ostentar para esta honra a representación do Antigo Reino de Galicia. Aquí estou, nesta catedral de Lugo, na miña condición de Alcaldesa da cidade de Mondoñedo, condición que ostento dende onte mesmo, sendo difícil imaxinar mellor comenzo.
Veño de Mondoñedo das Terras que inspiraron os versos do Poera Noriega Varela, as narracións do ilustre Alvaro Cunqueiro e os Cantares de Leira Pulpeiro…Veño Da Terra que puxo música o noso Himno Galego, da man de Pascual Veiga.
Veño para renovar unha tradición que as galegas e os galegos, sen exclusións, cumprimos dende 1669, coma expresión da nosa gratitude e recoñecemento pola protección que nos tedes brindado dende a orixe dos tempos, e como constatación da devoción e do profundo respeto que vos profesamos.
Esta ofrenda que hoxe presento ten 346 anos de historia ininterrompida. Estamos, pois, ante unha tradición arraigada na nosa alma, na nosa conciencia e no noso corazón de comunidade, de pobo, de reino histórico. Unha parte indiscutible dese conxunto inmenso de vivenzas, experiencias e crenzas que foron constituíndo ao longo dos séculos a nosa condición e o noso orgullo de ser o que somos, galegas e galegos. Fuxir desta tradición é fuxir de nós mesmos, é pensar nunha sociedade pechada en lugar de aberta, excluinte en lugar de común.
Esta ofrenda do Antigo Reino de Galicia a Vós, Santísimo Señor, pasou pois, por infinidade de épocas e de estados sociais, políticos e económicos, mellores e peores, e a todos sobreviviu como o que é, como un dos cimentos que nos manteñen unidos, que nos fan sentir membros do pobo que somos; membros dunha sociedade aberta.
Non foron os últimos anos os mellores da nosa historia. Todos pasamos por máis ou menos dificultades derivadas dunha época convulsa, cunha economía ameazada a nivel global, e cun poder político que non sempre permaneceu no seu papel vixiante do ben común, un poder político que se viu ensuciado pola mala praxe, pola corrupción dalgúns que pagaron ou acabarán pagando polo dano feito.
Todos coñecemos alguén no noso entorno ao que non lle foron ou non lle van ben as cousas. Todos sabemos de galegas e galegos que perderon o traballo, ou que teñen dificultade para manter o seu fogar, ou que tiveron que mudar radicalmente de estilo de vida. Todos sabemos que algúns de nós tiveron que buscar a oportunidade de realizar proxectos vitais distintos dos que pensaban no inicio, mesmo fóra dos nosos lindes xeográficos, que non anímicos, porque se algo nos caracterizou sempre como pobo foi a nosa conciencia de que somos iso, un pobo cun sentimento común, sen importar onde estean algúns dos nosos membros.
Pero non foron estes os únicos tempos difíciles polos que pasou o Antigo Reino de Galicia, e aí estivestes sempre Vós, Santísimo Señor, iluminando o noso camiño cunha luz que ás veces viamos enriba de nós, e outras, coma nos últimos anos, á fronte, ao final dun túnel que chegamos a percibir interminable, pero que termina. Porque nunca choveu que non escampara, e iso ben que o sabemos os habitantes deste Antigo Reino de Galicia. É hora de mirar para adiante con determinación.
“O home necesita, como quen bebe auga, beber soños”, escribiu o mindoniense Álvaro Cunqueiro.
E esa luz que Vós, Santísimo Señor, nos proporcionades, semella que a vemos xa cada vez máis grande ou, como dirían os máis escépticos, menos pequena. E se foi a nosa unión e a forza que Vós nos trasmitistes a que nos permitiu non perder a luz de vista cando peor ían as cousas, semellaria unha deslealdade a Vos, como guía, e a nós, como pobo, renunciar a unha tradición que non entende de distincións porque se foi construíndo ao longo dos séculos coas achegas de todos, con independencia de cal fora a súa conciencia, condición, bagaxe ou pensamento.
Só hai que botar man da memoria colectiva. Eran outros tempos e outras inquedanzas pero o sentir é transversal e xa o dicía Castelao.
“A concordia nascía, seguramente, porque aituábamos en presencia das realidades galegas, en carne viva diante dos nosos ollos, , i esquecíamos diferencias ideolóxicas para xuntarnos nun anceio idéntico de liberación e melloramento da vida galega. Queríamos todos chegar á síntesis vital. Esta cordialidade era o anuncio de días felices para o noso país. Deprendemos a coñecernos os que vivíamos arredados por prexuicios persoaes ou de partido”. (Castelao, Sempre en Galiza.)
Só así se explica que dende 1669 non deixaramos de amosarvos o noso máximo respecto nin unha soa vez. Estamos aquí rendéndovos homenaxe a Vós, Santísimo Señor Sacramentado, pero tamén a nós mesmos como pobo, e iso é algo que, penso, non debemos esquecer ou confundir. Porque o pobo que foxe das súas tradicións e da súa conciencia renuncia á súa identidade e á súa alma. Pode seguir correndo para adiante, si, pero coma o fai a galiña ferida de morte que queda coa cabeza no chan, separada do corpo.
E iso é algo que quen está nesa cabeza que guía o corpo non debe esquecer, porque as galegas e os galegos que elixiron esa cabeza, puideron facelo para seguir outro camiño, si, pero sen deixar de ser un único corpo. Porque igual que todos sabemos e defendemos que non hai un único camiño, que todos respectamos esa pluralidade de opcións válidas, tamén esiximos que respecten a nosa vontade de seguir sendo un pobo unido como única opción de sobrevivir.
Non nos corresponde ás institucións excluír a ninguén,
Un pobo unido na lexitimidade do seu pasado e na forza do seu futuro é unha marea de forza imparable.
É así que, no nome de todos os que conformamos o Antigo Reino de Galicia, ofrézoche de novo o noso inmenso agradecemento e respecto, e pídoche humildemente que nos sigas axudando para seguir no camiño que nos permita:
-
Seguir vixilantes na tolerancia coa infinidade de crenzas e valores que arrastra a cultura do noso pobo, sendo conscientes de que seria moi difícil explicalo sen as nosas raíces cristiás, tal e como reflicte, por exemplo, o escudo do noso país.
-
Ter presente máis ca nunca que o noso papel de políticos nos esixe servir aos demais e nada máis que aos demais, deixando de lado calquera interese persoal espúreo.
-
Ser fortes e inflexibles con aqueles que sigan a facer unha política corrupta que non queremos en Galicia, e que, se os houbera, teremos que erradicar da esfera pública.
-
Ser constantes para non cesar no empeño de recuperar unha acción política que permita aos máis desfavorecidos de nós sumarse ao benestar económico, social e persoal. Que todos os galegos e galegas teñamos un traballo e as condicións que nos permitan medrar e realizarnos como seres humanos.
-
Acertar no camiño que nos permita que esa luz cada vez máis grande nos guíe definitivamente á saída dese túnel económico que foi demasiado longo xa.
-
Potenciar aínda máis os valores do amor, a unión e a familia, como entidade básica de cohesión social, respectando sempre as lóxicas evolucións que os tempos van impoñendo.
-
Para seguir traballando a prol dos nosos maiores, para devolverlles en xustiza todo o que nos deron, ás veces de máis precisamente nestes tempos, e tamén a prol da nosa xente moza, para intentar darlles un futuro prometedor que eles convertan nunha realidade esplendorosa.
-
E para que se fagan realidade todas as peticións xustas e de boa fe que poidan ter todos os aquí presentes, e todas as galegas e galegos, e que non citara expresamente.
Ogallá que así sexa,
Elena Candia
Alcaldesa de Mondoñedo
Gústame esto:
Gústame Cargando...