Saúde dos enfermos – Lourdes 2015

Lourdes_Basilique_et_gave

A definición de enfermidade varía segundo a quen lle preguntemos. Aínda admitindo todos que a maioría das veces empregamos o término “enfermidade” para referirnos ao mal funcionamento dun ou varios órganos do corpo humano, non nos dirá o mesmo un médico, un teólogo, un sociólogo ou un político. Xa que non só enferman os corpos senón que tamén enferman as mentes, as sociedades, as institucións… Tamén hai unha concepción bíblica-teolóxica da enfermidade. Son numerosos os textos bíblicos nos que se fala da enfermidade como algo asimilado ao pecado. Basta recordar as veces que Xesucristo tras curar a un enfermo dicíalle que non pecase máis.

Nas ladaíñas do Santo Rosario tamén aclamamos a María como “Saúde dos Enfermos”. Ela é a que nos leva cara a Xesucristo. El é o verdadeiro médico das nosas almas que un día curará todos os nosos males, incluída a morte, para que teñamos unha vida con saúde eterna.

A medicina salvífica de Xesucristo non pasaba desapercibida para os seus contemporáneos. Abonda con ver o Evanxeo do próximo domingo, onde a multitude o arremuiñaba para poder tocalo e impregnarse da súa graza salvadora e vivificadora. Esta escena que describe o evanxelista San Marcos (5, 21-43) non dista moito da que, D.m, poderei ver a próxima semana no Santuario de Lourdes. Miles de persoas que buscan achegarse a Xesucristo poñendo como intercesora á súa Nai, a Inmaculada, que se apareceu a Bernardita nesta gruta aos pés dos Pireneos franceses. Moitos buscarán o milagre da curación dunha enfermidade do corpo, pero todos buscaremos o poder tocar ao que é a Saúde definitiva das nosas vidas, conscientes de que a saúde é algo moito máis profundo que a saúde física. Para iso compartirei uns días de retiro e descanso con outras moitas persoas coas mesmas inquietudes. De Lugo, como sempre, un grupo numeroso de máis de 600 persoas peregrinaremos como pobres esmoleiros que necesitamos a saúde da fe.

Miguel Ángel Álvarez

Peregrinación xuvenil ao santuario do Faro

Peregrinacion ao Faro

O venres día 26 ás 19 h mozos de toda Galicia concéntranse no pavillón Municipal de Chantada, para despois trasladarse á Parroquia onde haberá un concerto – oración. Ao terminar vaise durmir ao pavillón.

O sábado día 27 iníciase co almorzo, logo haberá exposición dun tema e seguidamente unha reunión por grupos. Ao terminar, xunto aos que se suman ese mesmo día, comézase a peregrinación. Ao chegar ao Faro haberá música, oración e para terminar a Eucaristía que presidirá o bispo Mons. Alfonso Carrasco.

Quen vaian o venres deberán levar: saco de durmir, cea do venres, almorzo e comida do sábado e roupa cómoda.

Quen non poidan asistir o venres, poderán incorporarse o sábado pola mañá na explanada que hai na estrada de Chantada a Rodeiro e deberán levar: comida do sábado e roupa cómoda.

Apuntes sobre a nova encíclica do Papa Francisco

laudato si

O pasado xoves 18 de xuño dábase a coñecer para o mundo, a nova Encíclica do Papa Francisco. Invito, desde estas páxinas, a unha primeira lectura, coa convicción de que realmente vale a pena. É evidente, que a Igrexa, chamada a construír un mundo mellor a través da civilización e da cultura que emana do Evanxeo, non pode afastarse do gran obxectivo que a Encíclica propón: unha ecoloxía integral. Pódese afirmar que este é o paradigma que articula toda a Encíclica entrelazando as relacións fundamentais da persoa: con Deus, consigo mesmo, cos demais seres humanos e coa creación.

Estamos pois, ante un documento de gran valor universal, escrito para as persoas de boa vontade (católicos, membros doutras relixións, e cidadáns en xeral) que levan no seu corazón a ilusión por deixar no universo, pegadas de verdade, de ben e de beleza.

A Encíclica toma o seu nome do Cántico das creaturas de San Francisco de Asís que loa ao seu Señor desde a fonda experiencia de fe no Creador (“O Evanxeo da Creación”, capítulo II). Desde esta experiencia, recórdasenos que a terra, a nosa casa común, “é tamén como unha irmá coa que compartimos a existencia, e como unha nai fermosa que nos acolle entre os seus brazos”. Nós mesmos somos terra (Xn 2, 7); o noso propio corpo está formado por elementos do planeta, o seu aire dános alento e a súa auga vivifícanos e restáuranos.

Unha mirada observadora da realidade leva ao Papa Francisco a poder afirmar, con dor, que a terra está maltratada e saqueada e os seus xemidos únense aos de todos os pobres e abandonados do mundo. Unha afirmación común dos teólogos da liberación é que se a terra morre, morremos todos. O Papa asume esta tese. Por iso, é esencial aprender a coidar con agarimo á Nai (A Gaia, en expresión de J. Lovelok) a partir dunha radical conversión ecolóxica, asumindo a urxencia e a fermosura do desafío que se nos presenta ante o coidado da casa común.

Infinidade de temas para a reflexión e para a conversión ofrécensenos aquí dun xeito sinxelo e profundo: O que lle está pasando á nosa casa (a auga, a perda da biodiversidade, o deterioro da calidade de vida, a inequidade planetaria…). No cap. II, ao que xa fixen referencia, ofrécesenos a luz da fe desde a perspectiva ecolóxica, a sabedoría dos relatos bíblicos, a harmonía de todo o creado, a necesidade da comuñón universal que brota do misterio de Deus como misterio de comuñón, etc. Ofrécense, ademais, liñas de orientación e acción, así como unha proposta educativa desde a espiritualidade ecolóxica.

Apostar por outro estilo de vida, vivir desde o silencio e a vida contemplativa transformando a realidade con sentido, e orar, si, xa que a Encíclica péchase co texto de dúas fermosas pregarias, unha para compartir con outros crentes e outra específicamente cristiá. Unha nova ocasión para o diálogo e o crecemento persoal e comunitario. Laudato si.

Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral

Festas en honra á Virxe do Corpiño

O Corpiño 2015

Os días 23 e 24 de xuño haberá misas solemnes ás 12 h.

O día 24 a Eucaristía estará presidida polo Vicario Xeral Mario Vázquez Carballo, e seguidamente será a procesión coa imaxe da Virxe, ofrenda-baile a Nosa Señora e despedida da imaxe.

Un dos textos gañadores no concurso Que agochas no Corpiño? foi o seguinte:

Conforme se achegaba o mes de xuño, tamén crecía a alegría e a ilusión pola chegada da festa da Corpiño. Era unha festa moi agardada por min, porque era a xuntanza da miña familia por excelencia e porque sempre había algo moi importante que pedirlle á Virxe.

A mañá do 24 erguíame chea de ledicia, porque sabía que nos agardaba un día feliz. Vestíame coa miña mellor roupa e uns zapatos cómodos e saiamos cara o Corpiño co coche cargado de comida e mantas. Despois da misa , a procesión e uns vermús no campo, comeriamos todos en familia na carballeira.

A procesión sempre é emocionante, porque meu pai tiña e ten a promesa de levar a Virxe sempre que o traballo e a saúde llo permita. Con miña nai, a avoa e, dende fai un ano, o meu neno, agardamos o momento de pasar por debaixo da Virxe. Sempre hai un favor que pedirlle, pola miña amiga Vanesa, pola saúde de papá, a do avó,

sempre pola familia que tanto me dou e me dá. Ese momento sempre foi e será un dos mellores da festa.

Porque agora ese momento converteuse no único emocionante do día. Agora xa non comemos de carballeira e faltan as máis festeiras da familia. Así que… xa se perdeu parte da felicidade da festa. Si, si, xuntámonos na medida da posible, pero o non comer no campo, onde tantas boas novas se sabían ( que ia haber novos membros na familia, que ia haber vodas, que as notas eran boas…) e o faltar o avó… A cousa cambiou.

A emoción xa non é tan grande, pero para min, segue a ser a mellor festa, a festa por excelencia. É o día grande do Corpiño e sempre será un día grande para min.

A mamá de Dani

A %d blogueros les gusta esto: