Viaxe a Zamora para participar no Memorial Luis de Trelles

O Consello Diocesano da Adoración Nocturna Española organiza para o sábado, 11 de abril, unha viaxe a Zamora para participar nos actos do “Memorial Luís de Trelles” que organiza a súa Fundación e que, este ano, con motivo da recente asinatura polo Papa do decreto no que se declara Venerable ao fundador, terán unha brillantez especial.

A saída será ás nove e media da mañá do citado día 11, desde a Mosquera, realizando paradas na Ronda da Muralla diante do edificio da Xunta, e en “Fonte dos Ranchos”.

Horta solidaria de San Antonio de Padua, Lugo

Cáritas parroquial de San Antonio de Padua (Lugo) conta co proxecto “Horta Solidaria”. Esta iniciativa, que xorde dos propios fregueses da parroquia, intenta paliar as situacións de pobreza que afectan a este barrio da cidade.

Este sábado, día 11 de abril, comeza a plantación de patacas nas terras da zona de Saamasas que os veciños cederon para o cultivo. Entre todos fanse cargo dos gastos económicos, da compra da semente, dos abonos, da contratación de maquinaria… e colaboran, ademais, na realización dos traballos necesarios para o mantemento da horta (arar, abonar, fresar…)

Entre os obxectivos desta iniciativa están:
1. Crear un clima de fraternidade e de caridade entre os membros desta comunidade parroquial.
2. Auxiliar de modo eficaz as necesidades das familias máis afectadas pola lacra da pobreza.
3. Crear un espazo orixinal de encontro e integración para as persoas que reciben axuda, no que se fomenten valores como o respecto e o esforzo.
4. Manter un campo de traballo cooperativo que sexa un exemplo e estímulo para a solidariedade.
5. Fomentar o uso das terras en estado de abandono.
6. Recuperar os cometidos tradicionais do campo galego.
7. Ser parroquia en saída e significar con feitos a fe que celebramos e vivimos.

Semana de Pascua, un día de oito días

sepulcro aberto

Estamos na semana de Pascua. Para os cristiáns esta semana é como un só día. É o máis importante do ano porque celebramos o acontecemento central da nosa fe: Cristo resucitou. Isto é o que dá sentido á nosa fe en Cristo. Celebrámolo durante unha semana para expresar que a vida é quen vence, aínda que sen esquecer que a paixón é o camiño da resurrección.
A Semana Santa transcorreu con normalidad e con bo tempo. Co impulso destes días dispoñémonos para afrontar a última etapa do curso pastoral. Agora é o momento de empezar a recoller os froitos do sementado durante o outono e o inverno. Agora é tempo de confirmacións, primeiras comuñóns e vodas. A claridade propia dos días primaverais e estivais que escollemos para este tipo de celebracións é tamén expresión da luz da fe coa que Deus ilumina a nosa vida.
Como os primeiros apóstolos, queremos anunciar a todo o mundo que Cristo resucitou e nós somos testemuñas. Este é a mensaxe central da predicación dos apóstolos.

Miguel Ángel Álvarez

Festival benéfico do alumnado do Colexio San Xosé

soñando un techo

O alumnado do Colexio Plurilingüe San Xosé-FEC (Xosefinas) levarán a cabo unha actuación solidaria o xoves, 9 de abril ás 19:00 h, no Auditorio Gustavo Freire. O acto será conducido pola cantante Lucía Pérez.

Os alumnos, conscientes das inxustizas e o sufrimento presente no mundo, queren aportar o seu gran de area para axudar a paliar algunhas necesidades. Para iso ofrecerán ao público as actuacións que prepararon para as festas do colexio a un prezo de 5 euros a entrada, co ánimo de recadar fondos para apoiar tres proxectos concretos de tres ONG:
*Unicef: Gotas para Níxer,
*Mans Unidas (Mellora da situación sanitaria en 15 pobos da India para reducir os índices de mortalidade infantil e maternal) e
*Taller de Solidariedade: Soñando un teito (construción de casas en Filipinas)

Peregrinación diocesana a Ávila

image1

O programa foi o seguinte:

Día 17 de abril: Chegada ao hotel en Salamanca. Distribución de habitacións e tempo libre. Cea e aloxamento

Día 18: Pola mañá visita da histórica cidade de Salamanca co guía oficial. Trala comida, partiuse rumbo Alba de Tormes, localidade na que se visitou a Basílica de Santa Teresa e o Mosteiro da Anunciación (onde se conserva o corpo incorrupto de Santa Teresa de Xesús). Celebración da Eucaristía. Regreso ao hotel para cear e descansar.

Día 19: Visita da exposición “Las Edades del Hombre”. Eucaristía do V Centenario de Santa Teresa na Catedral de Ávila. Trala comida visitáronse os diversos lugares teresianos e os principais monumentos da cidade de Ávila. Regreso a Lugo

O Ano Xubilar Teresiano (15 / X / 2014 – 15 / X / 2015) faise para todas as dioceses de España con ocasión do V Centenario do nacemento de Santa Teresa de Xesús. Os fieis poden lucrarse da Indulxencia Plenaria unha vez ao día para si mesmos ou aplicalas polas almas dos fieis aínda no Purgatorio se asisten a algún rito sagrado, ou polo menos oran ante unha imaxe de Santa Teresa, rematando esta oración co Nosopai, o Credo e invocando a Virxe María e Santa Teresa de Xesús. Ademais de Ávila, pode lucrarse a indulxencia nos seguintes lugares da diocese lucense:

Santa Igrexa Catedral Basílica de Lugo.

Mosteiro da Santa Trindade das Monxas Carmelitas Descalzas de Muxa.

Santuario da Nosa Señora do Corpiño.

Capela da Nosa Señora do Carme de Melide.

Igrexa parroquial de San Xoán de Becerreá.

A %d blogueros les gusta esto: