Festa das nais en Oural e dos avós no Incio

Día da Nai Oural

O 1 de maio ás 12:30h en Oural, homenaxe ás nais cunha celebración eucarística presidida por Mons. Alfonso Carrasco Rouco. Será un día especial vivido desde a fe e agasallando ás nais con cariño e admiración.

O 2 de maio é a Festa dos avós das parroquias do Incio. Hai unha Eucaristía ás 13h e a continuación unha comida de confraternidade. Organizan o Concello e sacerdotes do Incio.

Peregrinacións parroquiais a Italia e Ávila

A parroquia de San Clodio organiza unha peregrinación a Ávila do 30 de abril ao 4 de maio. O 1 de maio visítase Madrid, o día 2 os lugares nos que se estará son Ávila e Alba de Tormes e o día 3 os fregueses de San Clodio aproveitan a viaxe de regreso para coñecer Toro.

A parroquia Santiago A Nova organiza unha peregrinación a Italia desde o 30 de abril ao 5 de maio. Ademais de Roma, tamén se estará en Pisa, Milán e Turín.

Esta última parroquia de Santiago A Nova organiza conxuntamente coa de Quiroga o Campamento Parroquial Campanova, para mozos e mozas a partir dos 10 anos. Será entre o 28 de xuño e o 5 de xullo de 2015 no Acampamento Courel (Esperante-Courel -Lugo-).

IV Concurso literario infantil-xuvenil “Fundación O Noso Lar”

Este Concurso literario infantil-xuvenil, ten como fin fomentar e promocionar a creatividade literaria dos nenos, rapaces e mozos. Os interesados en participar deberán facelo antes do 1 de maio.

Establécense os apartados seguintes:

a) Nenos ata 14 anos.

b) Rapaces de 15 a 18 anos.

c) Mozos de 19 a 25 anos.

O tema do traballo, a forma e o estilo son libres. En cada apartado, o 1º premio é de 200 euros e diploma e o segundo de 100 € e diploma.

Na entrega de premios, o domingo 31 de maio ás 17h na sede da Fundación O Noso Lar en San Román de Lousada, haberá un pequeno festexo e a lectura de traballos galardoados, que tamén serán publicados na revista O Noso Lar.

[Bases]

Carlos Collantes falou sobre a encíclica Redemptoris missio

Carlos Collantes

O luns 27 o Seminario Diocesano acolleu unha conferencia do misioneiro xaveriano Carlos Collantes sobre a encíclica Redemptoris missio,  publicada hai 25 anos para ratificar a validez do compromiso misioneiro. A idea de Xoán Paulo II era tamén que servise de estímulo para que a Igrexa espertase da súa apatía ante a esixencia misioneira.

Para Carlos Collantes, a misión é un desbordamento de amor de Deus, e quen saborea ese amor desexa que os demais experimenten o mesmo. Por outra parte, tamén é un servizo, pois o anuncio do Evanxeo desvélalle ao ser humano a súa identidade, tanto no aspecto individual como colectivo.

Carlos Collantes sinalou que unha conquista do Vaticano II é a de considerar a misión labor de todos.

Organizaron o acto as delegacións de Misións e de Apostolado Segrar.

Cadea de oración pola Vida Consagrada na igrexa de San Froilán

vixilia de oración en S Froilán

A igrexa de San Froilán, Lugo, acolle o día 29 a Cadea de oración pola Vida Consagrada. Nela participarán dúas das catro congregacións que pertencen á Parroquia de San Froilán: As Fillas da Caridade e as Irmás da Cruz. As Madres Agustinas farán a súa propia vixilia noutra data e a Alianza unirase á Parroquia de San Lourenzo de Albeiros.

Os relixiosos e relixiosas sempre rezan por todos nós. Agora invítasenos a que recemos nós por eles e que os acompañemos nese día.

A vixilia de oración do día 29 comezará ás 6:30 da tarde. Haberá Exposición do Santísimo, rezarase con textos de San Vicente de Paúl e de Sor Ángela da Cruz e escoitaranse testemuños de relixiosas das dúas congregacións.

A %d blogueros les gusta esto: