A plenitude da caridade, descrita no Discurso da Montaña e que contemplaremos realizada polo Señor especialmente nos días da súa Paixón, é o mandamento primeiro e decisivo para a santidade e a salvación de cada un de nós. Trátase dun amor que desvela a verdadeira dignidade e grandeza do home, pero que supera as súas forzas e só é posible pola graza divina.
Por iso, a Semana Santa, que significa para todos unha chamada ao seguimento de Cristo, é un convite a entrar na unidade con El e a participar do seu Espírito de caridade. Niso reflíctese o esencial da nosa fe, a natureza mesma da “consagración bautismal”, que recibimos
cada un.
A vida consagrada, á que o Papa Francisco dedicou este ano e que acompaña o noso camiñar cotián, é tamén memoria viva e testemuño público, na Igrexa e no mundo, do amor de Cristo; porque é primeiramente resposta persoal ao Señor de todo corazón, con toda a memoria, intelixencia e vontade. Coa profesión dos tres consellos evanxélicos, obediencia, pobreza e castidade, os seus membros recórdannos a urxencia de ser e amar con radicalismo, como o mesmo
Xesucristo nos ensinou e como contemplamos en todos os pasos da Semana Santa.
Os fieis cristiáns necesitamos o testemuño vivo desta caridade radical; a todos nos urxe vela realizada e posible neste mundo, para que a fe que profesamos participando visiblemente nas celebracións destes días transforme de verdade a nosa existencia. Que a Semana Santa deste ano 2015, e a proximidade de tantos consagrados e consagradas, sirva para avivar en nós sempre de novo a memoria da grandeza do amor do Señor, así como da nosa persoal vocación á santidade.
+ Alfonso Carrasco Rouco.
Obispo de Lugo