O 4 de febreiro, ás 11 h no Mosteiro das Carmelitas Descalzas de Muxa tivo lugar a Eucaristía con motivo do falecemento de María Sagrario de Jesús (Josefina Mosquera).
En setembro de 1983 María Sagrario de Jesús fora unha das carmelitas que se trasladaran desde Buñol (Valencia) a Lugo e fundaron o mosteiro da orde carmelitana na Diocese lucense. Mentres terminaba a construción do actual convento, hospedáronse nunha modesta residencia contigua ao antigo mosteiro das Salesas, na Ronda da Muralla.
Mes: Febreiro 2015
A importante presenza dos relixiosos na Diocese levando parroquias
O comboniano Juan Antonio Fraile tamén participou nas Xornadas Abertas de Teoloxía, e fíxoo representando aos relixiosos que na Diocese de Lugo atenden parroquias. Na súa intervención, dixo, entre outras cousas, as seguintes:
“A importancia da nosa misión como cristiáns e de relixiosos é ser testemuñas de Xesús e levalo alí onde Xesús nos queira levar. Nós imaxinámonos que serviremos a Deus en tal cousa, pero quen nos chama é Deus para que o sirvamos onde El nos poña. Por iso cando Mons. Alfonso Carrasco nos convidou a tres combonianos a ir a Palas de Rei non era ir contra o carisma de Comboni; ao contrario, ese carisma consiste en animar a Igrexa, anunciar o Evanxeo, algo que nos compete a todos. E tamén está o feito de ir onde máis se necesite. En Palas a nosa función é anunciar a Cristo e á vez anuncialo dicindo: “Cristo necesita ser levado a todas as partes do mundo”. Atendemos 12 parroquias e a todos os que pasan polo Camiño de Santiago, dicíndolles que Cristo os ama e Cristo está pedíndolles que se encontren con El. Facendo isto estamos servindo sempre o carisma do noso fundador, que non era outra cousa que seguir o que Deus quere.
“O traballo dos relixiosos no mundo rural é importante, porque ese mundo é do máis abandonado, aínda que en comparación coa situación do Congo, está bastante ben”.
Primeiro día das Xornadas Abertas de Teoloxía
Adoración Matas Duque participou na mesa redonda con que se iniciaban o 3 de febreiro as Xornadas Abertas de Teoloxía. Ademais de presentar a súa congregación, Relixiosas da Asunción, contou a súa experiencia persoal:
“A educación é unha vocación apaixoante porque empecei a descubrir que é traballar coa persoa. Ao principio unha pensa que vai facer moitas cousas de fóra adentro, ou que hai que aconsellar, ensinar, instruír, que é verdade que hai que facelo, pero a grandeza da misión educadora está en notar que o Espírito de Deus está nos seres pequenos (tiven alumnos entre os 6 e os 14 anos) que comprenden, exprésanse, gozan, sofren.. e que desexan abrirse á vida
“Chegan testemuños ou palabras que fan pensar no importante que é na educación querer á persoa, respetala, valorar o que ten. A nosa fundadora, Mª Eugenia dicía que toda persoa é educable e toda persoa ten algo de bo dentro dela, se non o vemos será porque o noso orgullo nos cega para descubrilo”.
Xornadas Abertas de Teoloxía
Estas Xornadas, na súa edición número 29, están organizadas polo Seminario Diocesano, o Instituto Teolóxico Lucense e a Extensión en Lugo da Universidade San Dámaso. E o seu programa é o seguinte:
Salón de Actos AFUNDACIÓN, Pza Sta. María
Martes 3 de febreiro ás 20h
Mesa redonda sobre a Vida Consagrada en Lugo: A Vida Relixiosa: Paixón por Deus, paixón polo home. Coordina o salesiano Xavier Blanco e intervirán:
-
Balbina Arias Gómez – Directora Rexional da Alianza en Xesús por María
-
Adoración Matas Duque – Relixiosas da Asunción
-
Sor Julia del Barrio – Fillas da Caridade
-
Juan Antonio Fraile Gómez – Misioneiros Combonianos
Mércores 4 ás 20h
Conferencia: A misión da Vida Consagrada e a Nova Evanxelización, por Lourdes Grosso García, M. Ide. Directora do Secretariado da C.E. para a Vida Consagrada. Coordinadora da Cátedra de Teoloxía da Vida Consagrada na Universidade Eclesiástica San Dámaso
Xoves 5 ás 20h no Salón Rexio do Círculo das Artes
Conferencia: A Vida Consagrada aos 50 anos do Concilio Vaticano II polo Emmo. Sr. Cardeal D. Antonio María Rouco Varela, Arcebispo emérito de Madrid.
Constituída a Comisión de Patrimonio Histórico-Artístico e de Liturxia
No organigrama da Diocese acaba de constituirse a Comisión de Patrimonio Histórico-Artístico e de Liturxia como organismo consultivo en materia de conservación, defensa, incremento e difusión do patrimonio histórico, artístico, documental e bibliográfico da Igrexa diocesana de Lugo.
Está constituída polos seguintes membros:
– Presidente, o Bispo Mons. Alfonso Carrasco Rouco.
– Membros natos, en razón do seu cargo e mentres dure o mesmo
-
o Delegado de Patrimonio Histórico-Artístico e Director do Museo Diocesano Catedralicio, César Manuel Carnero Rodríguez,
-
o Delegado de Patrimonio de bens inmobles, Miguel Angel Gómez Vázquez,
-
o Delegado de Liturxia, José Antonio Ferreiro Varela,
-
o Director do Arquivo Histórico da Diocese, Óscar González Murado.
– Por libre designación e durante un período de tres anos:
-
a licenciada en Belas Artes e restauradora, Vania López Arias,
-
a licenciada en Historia da Arte, Medievalista e Museóloga, Carolina Casal Chico,
-
o licenciado en Arquitectura José María Alonso Montero.