Seminario en Silleda sobre o Sínodo da Familia

Copia de Seminario complementario sobre o sínodo da familia

Calquera persoa que o desexe pode participar neste Seminario sen inscribirse. Prazas libres ata completar aforo (250 prazas) nos locais da Parroquia de Santa Eulalia (Silleda, Pontevedra) – Rúa G n°3, baixo (a carón do templo parroquial)

Horario: Día 14 de febreiro de 10.15h a 18.00 h. Pola mañá haberá tres conferencias, unha de cada un dos relatores: o periodista Ricardo Benjumea e dous auditores do Sínodo, María Lacalle e Alfonso Fernández Benito. Pola tarde hai unha hora e media de coloquio-entrevista nunha mesa redonda cos 3 relatores.

Neste seminario ofrécese a toda a Igrexa de Galicia (sacerdotes, familias, matrimonios, consagrados) a posibilidade de estar con persoas que participaron no Sínodo da Familia, ao sentir e a experiencia real do Sínodo. Será tamén unha ocasión para reflexionar sobre os desafíos da Pastoral Familiar da Igrexa hoxe, e para coñecer as luces e camiños da Igrexa no intento de responder a eles. E como a Igrexa formámola todos os bautizados, o seminario representa tamén un marco privilexiado para preguntarse e eu, que podo facer para ser luz?

Máis información: info@cfmfgalicia.es  Teléf. 982 245 433 (entidade coordinadora)

Asemblea – convivencia da Hospitalidade Diocesana de Lourdes

A Casa Diocesana de Exercicios de Lugo acolle o 11 de febreiro, ás 4 da tarde, a Asemblea-Convivencia da Hospitalidade de Lourdes. Este ano a reflexión Mariana, co título do lema do ano 2.015: “LOURDES: a alegría da MISIÓN”, corre a cargo do seminarista Nicolás de María Susena Presas, que participou na peregrinación do ano 2014.

A continuación haberá unha breve información xeral do curso pasado e da programación do actual, cun apartado especial para a xestión económica.

Os asambleístas farán suxestións para as próximas peregrinacións e darán a coñecer vivencias ou resonancias persoais.

Tras un descanso, ás 18,30 h será a Eucaristía concelebrada e presidida polo Sr. Bispo.

Venerable Luis de Trelles

A Adoración Nocturna de España está de noraboa. O Papa Francisco promulgou o decreto polo que se recoñece ao seu fundador, D. Luis de Trelles, a vivencia heroica das virtudes. É a gran noticia esperada e pedida ao Señor desde fai tempo.
Don Luís nace en Viveiro (1819). Con 14 anos comeza Dereito na Universidade de Santiago. Aos 19 anos é nomeado profesor de Dereito Civil. Trasládase á Coruña, onde exerce como avogado de pobres; aínda non existía a quenda de oficio. Nesta cidade ocupa diversos cargos: Goberno do Colexio de Avogados, traballa para o Ministerio de Facenda e o Colexio de Notarios, fiscal do xulgado de Artillería e Enxeñeiros… En 1852, trasládase a Madrid para desenvolver a súa faceta de político.
Decepcionado, entrégase a unha intensa acción caritativa, tanto individual como colectiva. Así, de novo en Viveiro, funda as Conferencias de San Vicente de Paúl, en axuda aos pobres e marxinados.
En 1863 contrae matrimonio. Home de xenerosidade exemplar, ao remate da III Guerra Carlista crea unha comisión para o intercambio de prisioneiros; pola súa entrega, é nomeado comisario xeral de Canxes (1873-76) conseguindo librar da morte ou do cautiverio a máis de 20.000 prisioneiros.
En París coñece a Adoración Nocturna. Entusiasmado con render adoración ao Santísimo Sacramento, comeza en Madrid, con outros seis laicos, o 3 de novembro de 1877, a primeira noite de Adoración Nocturna de España. Desde entón, dedicarase totalmente ata a súa morte a promover, organizar e consolidar a obra. Funda La Lámpara del Santuario, primeira revista eucarística europea. Morre o 1 de xullo de 1891 en Zamora, en cuxa catedral repousan os seus restos. Agora a Igrexa concédelle a honra de ser considerado ‘venerable’.
O camiño para que un cristián sexa elevado aos altares comeza co recoñecemento de vivir, en grao sumo e heroico, as virtudes cristiás. Para iso, o postulador da causa ha de presentar unha biografía do fiel, os seus escritos e unha lista de persoas que poidan testificar sobre a súa vida. Nese momento ao fiel chámaselle «servo de Deus».
Finalizada esta fase redáctase un documento e envíase á Congregación para a Causa dos Santos. Alí elabórase un relatorio que se entrega á Comisión de Teólogos. Se emiten o seu voto favorable, entrégase aos cardeais e bispos da Comisión. Para rematar, se o seu voto é tamén favorable, preséntase ao Papa a proposta que, ao publicar o decreto, recoñece a vivencia heroica das virtudes e permite que o fiel reciba o título de `venerable’. O paso seguinte é a beatificación e, logo, a canonización, con culto en toda a Igrexa.
Don Luís, avogado, xornalista, deputado, santo! Un exemplo de laico comprometido, no persoal e o social. Un adorador que nos estimula a amar, especialmente na noite, a quen tanto nos ama.
Por Daniel García, Director Espiritual Diocesano da Adoración Nocturna e Párroco de Albeiros

Campaña do ano 2015 de Mans Unidas Lugo

Maquetación 1

A Campaña do ano 2015 invita a facer balance sobre o logro dos 8 Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio propostos por Nacións Unidas, precisamente para cumprir neste ano. A loita contra a pobreza é unha tarefa das nacións, pero, tamén, de cada persoa.

O Día do Xaxún Voluntario lembra aos millóns de persoas no mundo que teñen que xaxuar a cotío por obrigación, por non ter que comer. A Delegación de Mans Unidas da Diocese de Lugo tamén se solidariza con eles, organizando unha Eucaristía o 6 de febreiro ás 18:20 horas na capela do Seminario Diocesano e a continuación sobre as 19:00 horas unha merenda solidaria con donativo de cinco euros no comedor do mesmo lugar.

A colecta de todas as igrexas de España do sábado 7 e domingo 8 de febreiro, destínase íntegramente aos fins, misión e proxectos de Mans Unidas. Este ano os dous proxectos que financia Mans Unidas Lugo son:

– en Ghana a construción dun pabellón cirúrxico, e outro

– na India a mellora da situación sanitaria en 15 pobos.

Durante esta semana o misioneiro do IEME Claro Jesús Díaz Pérez está percorrendo colexios, parroquias… da Diocese dando a coñecer a presenza da Igrexa entre os máis pobres, neste caso entre os empobrecidos de Nicaragua.

[Ver manifesto]

Mons. Antonio Rouco Varela clausura as Xornadas de Teoloxía

Conferencia Rouco Varela

As Xornadas Abertas de Teoloxía tiveron como acto final a conferencia de Mons. Antonio Mª Rouco Varela titulada “A vida consagrada aos 50 anos do Concilio Vaticano II”. Comezou facendo un percorrido histórico: ordes mendicantes, institutos seculares no século XX, sociedades de vida apostólica.

Ademais, o Cardeal Rouco Varela falou de “recuperar de verdade o que clasicamente se chamaba vida espiritual, tanto a persoal como a feita en comunidade. Iso non se compensa por nada, nin siquera cor grandes accións de servizo aos demais, de servizos sociais porque esas accións quedarán depauperadas, sen forza, e ao final tamén son abandonadas”.

A %d blogueros les gusta esto: