Os anuncios de deterxentes nunca pasaron de moda. Seguen presentes nas horas de máxima audiencia en todas as cadeas de televisión. Fai 25 anos xa nos dicían que xa a roupa non podía quedar máis branca. Paradoxalmente fóronse descubrindo máis tons de branco, pois os deterxentes seguen lavando cada ano un pouco máis branco que o anterior.
Lembrei isto ao ler o Evanxeo do próximo domingo. Un leproso acode a Xesús para suplicarlle que o limpe. Xesús, unha vez máis, vendo a fe de quen acode a el, fai o milagre de limpar a pel e a vida aquel leproso.
Nos tempos bíblicos a lepra ten unha consideración especial que a distinguía das demais enfermidades, xa que se trata dunha dolencia que se ve afectada por leis de pureza ritual e de comprensión teolóxica. Ademais, a lepra a miúdo era interpretada como un castigo polo pecado, de maneira que a curación era un acto de Deus.
O leproso do Evanxeo acode a Xesucristo porque recoñece nel ao mesmo Deus, ao único que pode curar todos os males que conleva a súa enfermidade, de forma particular a súa condición de pecador, como diciamos antes.
Xesucristo, cando cura aos enfermos, fai moito máis que un simple médico que nos cura cando acerta co diagnóstico e o tratamento. A curación que vén das súas mans e as súas palabras é unha sanación integral, por iso outras veces tamén dirá: “os teus pecados quedan perdoados” ou “en diante non peques máis”. Xesús é especialista en curar o mal do pecado que pode arruinar totalmente nosa vida.
Quizais hoxe non nos é necesario pedir que sexamos purificados da lepra, pois non ten as connotacións da antigüidade e da súa curación ocúpase con total éxito a medicina. Pero seguramente temos moitas outras cousas das que debemos e queremos ser purificados.
Preocupámonos, con bo criterio, de asearnos e levar a roupa limpa. Preocupámonos menos do de “dentro” (do corazón e a conciencia) , quizais porque cremos que non se ve, aínda que se nota moito máis do que imaxinamos, o mesmo que “cando un membro sofre, o resto do corpo tamén sofre”, como di San Paulo.
Non nego a importancia do exterior, do que se ve. O fermoso é sempre bo, tanto o de dentro como o de fóra, o visible e invisible. Ademais, cando todo vai compasado, o belo adquire unha bondade especial.
É inevitable que nos vaiamos manchando. Para limpar o de fóra xa están os modernos produtos químicos, aos que lle debemos as mellores condicións de vida que temos agora grazas á mellor hixiene.
Limpar o de “dentro” é outra historia. É imposible para os homes, pero non para Deus. Cristo pódeo e faino cando acudimos a El coa mesma humildade có leproso do Evanxeo, que recoñecendo a súa situación de pecador, acode a quen limpa de verdade.
Miguel Ángel Álvarez
Gústame esto:
Gústame Cargando...