- Durante a penúltima semana de xaneiro, a Delegación de Misións da diocese está animando a vivir a Infancia Misioneira en colexios, parroquias e diversas comunidades eclesiais. Para iso cóntase coa colaboración do misioneiro espiritano Benedicto Sánchez. Nacido en Navalcán (Toledo) en 1951 foi destinado a Angola en 1986. Entre os actos programados para esta semana, destacamos os seguintes:
- O mércores 21 ás 19:30h haberá un encontro con catequistas e profesores na Parroquia San Francisco Xavier. Falarase sobre a educación de nenos e mozos a partir da experiencia e traballo do misioneiro.
- O venres 23 na igrexa de San Antonio, Lugo, a partir das 18h están convocados nenos de todo Lugo. É como un envío.
- O propio día da Infancia Misioneira, o domingo 25, haberá ás 12:30h unha Misa de nenos en San Francisco Xavier.
Mes: Xaneiro 2015
Códice Calixtino, espectáculo xurídico
- Teoricamente o xuízo polo roubo do `Códice Calixtino’ comeza nesta semana. Digo teóricamente, porque para moitas persoas e algunhas institucións a sentenza xa está ditada. As esperanzas de que fose un proceso xudicial normal teñen pouca base na realidade. Destaco varios feitos que me chaman a atención:
- 1º. A TVG xa emitiu sentenza antes de que houbera xuízo. Esta afirmación está xustificada porque os pasados días 23 e 30 de Nadal emitiu os dous capítulos dunha serie de produción propia sobre o roubo do `Códice Calixtino’, e ante este feito un pregúntase dende o sentido común: onde queda a presunción de inocencia? como queda a tutela xudicial efectiva das diversas partes involucradas no proceso? ¿onde queda o dereito a un xuízo xusto? estase respectando o que é un estado de dereito? Todo isto agrávase ademais polo feito de que a TVG é unha institución pública e que, por tanto, ten que respectar a separación de poderes e igualmente os dereitos dos cidadáns.
- 2°-. Durante a instrución do sumario o xuíz instrutor publicou a novela, `La leyenda del santo oculto’, que foi presentada a finais de xaneiro de 2013, e os xornais reiteradamente a presentaron como vencellada ó sumario do `Códice Calixtino’. Isto parece soar a algo así como utilización do cargo público para o lucro privado, ou algo aínda menos aceptable… Evidentemente a promoción para que se vendan moitos exemplares da novela está feita, aínda que para min isto é motivo máis que suficiente para non mercar a antes citada novela, nin sequera lela por cuestións éticas ou, ó menos, estéticas.
- No mesmo xulgado sucedeu algo semellante coa novela, `Al infiemo se llega deprisa’, publicada en setembro de 2014, que os medios de comunicación relacionaron directamente coa instrucción do sumario de Asunta Basterra.
- 3º. Hai indicios de que no xuízo van a provocar moito o MORBOSO tanto para a sociedade coma para o Xurado Popular. As previsións apuntan a que vai haber insinuacións, e algo máis que insinuacións, anticlericais para que «embistan» os periodistas, o xurado e a sociedade.
- Para un observador deste proceso vai resultar curioso como se contan historietas ou pseudo-historietas elevadas á categoría de gran escándalo. Despois un pode observar como as mercan os programas televisivos na liña dos `reality shows’ ou telelixo, como as repiten continuamente e as van cambiando para que sexan aínda máis morbosas e escandalosas. Este proceso mirado como espectáculo e sen preocupación, pola xustiza ata pode ser curioso e divertido. Sen embargo facerse unha idea exacta do que sucedeu na realidade vai a ser un traballo penoso e difícil.
- A estas altura do proceso aínda queda a esperanza de que o xuíz e o fiscal actúen con profesionalidade buscando a xustiza, e senón aínda quedaría unha segunda oportunidade cos recursos ó Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
- Ata agora o proceso visto como espectáculo mediático-xurídico resultou entretido, pero sería desexable conseguir unha sentenza xusta.
- Antón Negro
Reanúdase o Curso de Formación en Matrimonio e Familia
Os días 17 de xaneiro e 7 de marzo ten lugar en Silleda o Módulo de Educación Afectivo-sexual, que tamén forma parte do 2º ano do Curso de Formación en Matrimonio e Familia. A primeira sesión, o día 17, terá os seguintes relatorios e comunicación de experiencias:
-
1º relatorio – Cuestións clave en bioética hoxe en que afectan ao meu matrimonio e á miña familia
-
2º relatorio – A sexualidade como camiño de plenitude: a maduración da masculinidade e a feminidade
-
3º Relatorio-coloquio: Mensaxes integradas: como responder ás preguntas sobre educación sexual a fillos de cinco a dezaoito anos
-
Experiencias: Acompañando aos mozos na vocación ao amor: experiencias na etapa universitaria (Residencia Universitaria A Estila, Santiago de Compostela)
Tamén haberá traballo en grupos, momentos de oración e unha Eucaristía cando finalice a xornada.
O encargado dos relatorios é o Catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública, Jokin de Irala.
Viaxe-peregrinación a Terra Santa dun grupo de lucenses
A Parroquia da Milagrosa organiza unha viaxe-peregrinación por Terra Santa.
Non é imprescindible para a fe visitar Terra Santa. Para a fe é imprescindible ter a experiencia de atoparse con Cristo resucitado, e isto prodúcese en calquera lugar do mundo, porque é unha experiencia que transcende os límites xeográficos…
Esta viaxe, na que teño posta moita esperanza, é unha oportunidade de poñer unha imaxe aos lugares dos que fala o Evanxeo. Seguro que a miña forma de vivir a fe, de ler a Biblia e de facer oración será distinta.
O grupo formámolo 45 persoas, das que nove somos sacerdotes. Case todos nos coñecemos das parroquias de Lugo e estamos en familia. A experiencia dos primeiros días está resultando moi boa: todo sorprendente e todo novidade, fóra diso unha nevada que fixo cambiar algunhas cousas. Polo demais, sen sensación de perigo e con tranquilidade nese sentido.
Xa visitamos Cesarea, o monte Carmelo, o Lago de Galilea, o monte das Benaventuranzas e da multiplicación dos pans, Cafarnaún, Caná, Nazaret, o monte Tabor, o Lugar do Bautismo de Xesús no Xordán, o monte Nebo, Xericó, Betania, Xerusalén. Na parte simplemente turística da viaxe visitamos Xerasa, Petra, o mar Morto, Masada e penetramos no deserto, con paseo en camelo incluído.
En Caná os matrimonios renovaron os compromisos matrimoniais. No Xordán todos renovamos as promesas bautismais. Ademais, todos os días celebramos a Misa nalgún lugar significativo e lemos as pasaxes bíblicas que mencionan o acontecido nos lugares que visitamos.
Miguel Ángel Álvarez
Celebracións de San Antón Abade
No soto da Praza de Abastos de Lugo o día 16 ás 18h o Padre Amado impartirá a Bendición aos animais.
O sábado 17 de xaneiro ás 17h na Capela da Soidade hai unha Eucaristía en honra de San Antón Abade. Trala Misa faráse a imposición do santo aos presentes e a bendición de animais. Son actos organizados pola Orde Franciscana Segrar.
O mesmo día a aldea da Cubela celebra a festa en honor a San Antonio. Procesión e misa solemne á 1 da tarde.
Tamén o 17 de xaneiro, ás 13:30h antes da Eucaristía na honra de San Antón, haberá bendición de animais no adro da igrexa do Hospital, Quiroga.