Traballo pola xustiza

Cartel Cáritas

O pasado xoves, 11 de decembro, presentouse na Coruña o primeiro informe sobre Exclusión e Realidade Social en Galicia, que é unha ampliación do sétimo informe feito para España. Neste informe trabállase en 35 indicadores de exclusión social. O estudo fíxose en base a 1.958 persoas de 33 concellos entre o 22 de abril e o 12 de agosto de 2013. A marxe de erro é do ±2,2%. Galicia ten 2.753.960 habitantes e 1.028.316 fogares cunha media de 2,7 persoas por fogar. O 27,5% dos fogares están en concellos de máis de 50.000 habitantes (56,7% en España), e 0 58,2% nos rurais entre 5.000 e 20.000 habitantes (15,8% en España).

O recoñecemento científico dos informes Foessa (1967, 1970, 1975, 1980/83, 1994 e 2008) é continuado. Sempre foron máis reivindicados pola oposición que polos gobemos dende o primeiro, cousa normal por outra parte. A fundación Foessa (Fomento de Estudios Sociais e Socioloxía Aplicada) constituíuse en 1965, baixo o impulso de Cáritas Española para coñecer a situación social de España obxectivamente. Estes informes son unha fonte básica para coñecer a realidade social, e máis se un quere transformala en orde a que sexa máis xusta. Para as autoridades públicas debe ser unha obriga de conciencia coñecelos. Hoxe non se pode alegar falta de estudos científicos sobre a exclusión nin que non haxa propostas para superala.

Do estudo presentado destacamos:

– A poboación envellece, xa que o 23,1% ten máis de 65 anos e o 20,3% menos de 25, cando en España son 17,7% e 24,9% respectivamente. En todos os datos ha¡ o contraste cos de España.

– A desigualdade entre 2008 e 2012 incrementouse nun 14,4%.
– No referido á integración/ exclusión dos fogares temos un 49% plenamente integrados, un 34% en integración precaria e un 16,9% en exclusión social, sendo un 11,6% moderada e un 5,3% severa, o que dá 500.000 persoas (170.000 fogares) na exclusión moderada e 130.000 na severa (55.000 fogares).

Ler máis

Ordenación diaconal de José García Pájaro

O domingo ás cinco da tarde o Seminario Diocesano de Lugo acolle a ordenación diaconal de José García Pájaro. Natural da parroquia da Nosa Señora das Dores de Lalín, onde naceu en 1977. Tralos estudos primarios e secundarios, iniciou a súa formación sacerdotal no Seminario de Lugo no curso 2003-2004, e tivo diversas colaboracións pastorais en Lugo, Lalín e Rodeiro.

Pola ordenación diaconal obtense a incorporación ao estado clerical e a incardinación á Diócesis. Existen dúas posibilidades respecto dos diáconos: que reciban o diaconado como término do proceso, permanecendo neste ministerio de modo estable como diáconos permanentes, ou que reciban o diaconado como paso previo ao presbiterado, debendo exercer un tempo previamente o diaconado. Este é o caso de José García Pájaro.

Actividades para recadar fondos con destino a Cáritas

navidad_parroquial_-2014

O sábado 13 de decembro ás 19:30h, a parroquia de San Lourenzo de Albeiros organiza unha merenda solidaria, pois o diñeiro recadado destínase a Cáritas.

Na parroquia da Milagrosa tamén hai unha merenda benéfica o 13 de decembro trala Misa das 19:30 h. Na parroquia tamén hai recollida de alimentos para reparto especial de Nadal.

En Meira os dous primeiros domingos de decembro a Confraría Nosa Señora do Pedregal organiza un obradoiro para realizar traballos artesanais que, xunto a máis obxetos, poñeranse a venda o día 21 na Feira de Meira. O que se recade destinarase a Cáritas parroquial.

No Centro Social de Fingoi, Lugo, o día 13 ás 5 da tarde hai un festival solidario organizado pola parroquia de San Francisco Xavier. Durante o mesmo, sortearase unha cesta de Nadal e o recadado coa venda de papeletas será entregado a Cáritas

Encontro de Nadal do profesorado de relixión

O sábado 13 o profesorado de relixión da Diocese manterá un encontro no Gran Hotel Lugo. Trátase de compartir un día dun xeito distendido. Non por iso van deixar de tratarse asuntos serios como a situación na que están os profesores de relixión. E tamén haberá unha reflexión sobre o futuro da presenza da materia na escola. Preténdese ademais que a reunión sirva de estímulo para seguir implicándose na boa marcha do ensino de relixión. Como é habitual neste encontro anual haberá unha homenaxe a quen se xubilan; que este ano son dous profesores.

Voz que grita no deserto

Que pensariamos se hoxe aparecese polas rúas da nosa cidade un personaxe con aparencia un tanto estraña e berrando aos catro ventos que está a piques de chegar alguén importante e que vaiamos preparando as cousas?

Seguramente, a moitos se lles estará vindo á cabeza a imaxe do Pequeno Nicolás. Pois non, non falamos deste personaxe de moda. Estamos falando dun dos protagonistas do Advento: Xoán o Bautista, o primo de Xesús.

Tomárono por un pouco tolo. As pintas e as formas de vida non o axudaban neste aspecto. Pero traía unha mensaxe importante, a máis importante de todos os tempos. Unha noticia que só se produciu unha vez e que non ten punto de comparación con ningunha outra noticia que se deu por moi importante que a considerou a humanidade. A noticia era que a vinda do Mesías era inminente. Pensar e saber que Deus se encarna, entra na historia e faise un de nós é algo imposible de superar. É algo absolutamente extraordinario. A Xoán o Bautista non lle importou o que pensasen del por anunciar de viva voz que viña o Señor e que preparásemos o camiño. Quizais, para anunciar a alegría do Evanxeo necesitemos facelo ao estilo do Bautista, aínda que nos consideren un pouco tolos.

Miguel Ángel Álvarez

A %d blogueros les gusta esto: