Mes: Decembro 2014
Seminario sobre a familia na Sagrada Escritura
O Seminario “Volver ao principio. Matrimonio e familia na Sagrada Escritura” está organizado polas dioceses galegas na Casa Diocesana de Exercicios de Santiago de Compostela o 20 de decembro 2014 de 9.45 a 20.15h. Forma parte do Curso de Formación en matrimonio e familia, pero trátase dunha sesión aberta.
O guión-esquema a seguir durante a xornada é o seguinte:
1. O comezo dun longo camiño (Matrimonio no AT)
2. A plenitude: ensino de Jesús sobre o matrimonio (Evanxeos)
3. As testemuñas da plenitude: Paulo e Apocalipse de Xoán
O relator é o profesor Luís Sánchez Navarro, DCJM, Catedrático de Novo Testamento na Universidade Eclesiástica San Dámaso.
Actos de Nadal en parroquias da Diocese
Na praza da Igrexa, en Silleda, os días os días 19, 20 e 21 instálase unha carpa onde se poderán adquirir doces, licores, mel e produtos artesanais.
En Lugo é o Grupo de Maiores da parroquia de Santiago A Nova organiza a Campaña “Doce Nadal”. Na Sancristía vella da igrexa, haberá repostería, produtos ecolóxicos, donativos, etc. co fin de que no próximo Nadal os irmáns máis necesitados teñan na súa mesa o reflexo e a calor da solidariedade dos seus veciños. Recollida de artigos, exposición e venda os días 19, 20 e 21 de 10 a 14 e de 16 a 21:30 h
Na parroquia San Antonio de Padua (Lugo) o grupo Vida Ascendente organiza os días 20 e 21 “Doce Nadal”. Exposición e venda de postres caseiros feitos por fregueses.
Pregón de Nadal na parroquia de San Clodio de Ribas de Sil o sábado día 20 ás 18h. Pregoeiro: Jesús Manuel Santiago, Delegado de Misións.
En Meira, os obxetos elaborados nos obradoiros de artesanía que organizou a Confraría Nosa Señora do Pedregal os dous últimos domingos, xunto con moitos máis artículos, poñeranse a venda o día 21 na Feira de Meira. O que se recaude destinarase a Cáritas parroquial
Na igrexa de Santa María da Ermida (Quiroga) actúa o día 21 de decembro ás 17:30h a Schola Gregoriana Lucensis.
A Virxe María. Grazas
No último domingo de Advento aparece en escena a gran protagonista do misterio da Encarnación: A Virxe María. No Evanxeo deste domingo escoitaremos a pasaxe da Anunciación. O Anxo trae a noticia máis esperada de todos os tempos e María fíase de Deus.
Do “si” de María dependía a esperanza da humanidade. Se ela non aceptase o plan de Deus hoxe continuariamos vivindo nas tebras dun mundo sen esperanza máis aló da morte.
A entrega de María foi moi xenerosa. Renuncia aos seus plans e pensa máis nos demais que en si mesma. As consecuencias para ela coñecémolas: sen fogar, pobre e ver ao fillo das súas entranas sufrindo ata a morte. As consecuencias para nós, aínda que o esquezamos ás veces, tamén as coñecemos: a vida eterna que nos alcanza Xesucristo, o fillo de María.
Nunca lle agradeceremos abondo todo isto a María de Nazaret. Existen miles e miles de santuarios marianos por todo o mundo, pero a maioría das veces só acudimos a eles para pedir cousas para nós.
Cantas veces agradecemos a María o agasallo de facer posible a Boa Noticia da salvación que nos trouxo Xesús? Dito doutro xeito: cantas veces agradecemos a María o que a nosa vida e a nosa morte teñan sentido?
E ela aí está: discreta, silenciosa, atenta. Xesús na cruz entregóunola como nai de todos:”aí tes ao teu fillo” díxolle a Xoán, que nos representaba a todos. E desde aquel momento todos pasamos a estar protexidos por este abrazo maternal todos os días da nosa vida.
Grazas, María. Grazas por darnos ao autor da Vida, Cristo, o Señor. Grazas polo teu consolo e protección maternal. Grazas, María, porque grazas a ti todo é posible.
Miguel Ángel Álvarez