Cáritas colabora cos enfermos de ébola. A Diocese de Lugo felicita a Teresa Romero

A Diocese de Lugo fai público o seguinte comunicado:

“A Diocese de Lugo quere expresar a súa alegría sincera pola curación de Teresa Romero, orixinaria dunha das nosas parroquias, na que segue tendo fortes vínculos familiares. Con ela, tamén nós damos grazas a Deus pola súa recuperación e seguirémola tendo presente nas nosas oracións.

Así mesmo, queremos manifestar a importancia de seguir apoiando a todos os que necesitan a nosa axuda nos países azoutados pola epidemia do ébola. Alí, a falta de recursos e a ausencia de suficientes infraestructuras sanitarias fan moi dificil, senón imposible, atallar esta enfermidade que se está cobrando miles de vidas.

Non podemos reaccionar só cando nos sentimos en perigo nós mesmos, nin escudarnos na lonxanía dos afectados para non ocuparnos deles. Teresa lembrounos que este non é un problema alleo a ninguén nin, en realidade, tampouco aqueloutros que afectan ao destino dos nosos irmáns.

O xesto da nosa Igrexa, a través de Cáritas Española cunha nova achega económica a Liberia, para apoiar os programas sanitarios de control da propagación do virus, acompañar aos enfermos e facilitar alimentos e artigos de primeira necesidade (que se suma á xa enviada ás Cáritas de Sierra Leona e Guinea Conakry), é expresión dunha fraternidade imprescindible, que supera fronteiras.

Enviamos o noso afecto e oración a todos os afectados, así como aos sanitarios, voluntarios, institutos relixiosos e asociacións que non están escatimando esforzos para socorrer aos nosos irmáns máis necesitados e enfermos”.

JUAN DE DIOS LARRÚ: “Identificar amor con emoción impide a maduración da persoa”

O sacerdote e teólogo Juan de Dios Larrú será o relator da 5ª xornada do Curso de formación en matrimonio e familia que se celebra en Silleda. A súa intervención leva por título “A familia e a educación en virtudes”. Juan de Dios Larrú é Doutor en Teoloxía e Decano do Instituto Juan Pablo II en España.

-Na sociedade actual fálase moito de valores. Son o mesmo cás virtudes?

– Virtudes e valores non son sinónimos. As virtudes son hábitos operativos bos e configuran a fisonomía moral da persoa que actúa. O valor é un concepto vinculado á motivación. É un contido esencial do acto humano dentro da súa dimensión de especificación. Por iso, máis que unha definición do mesmo, existe unha caracterización dos seus elementos definitorios mediante unha vía máis descriptiva da experiencia.

– Que son as virtudes e que importancia teñen na educación dos fillos?

– As virtudes son os modos de recibir os dons de Deus. Indican, pois, a inmensa capacidade receptiva humana, que fai crecer e madurar ás persoas. Teñen unha estrutura comunional, pois a plenitude á que apuntan é a comuñón das persoas.

– A cultura na que vivimos condiciona o modo en que pensamos, vivimos e nos relacionamos cos outros. Por que é negativo identificar amor e emoción?

– Porque é unha redución do amor, que impide o crecemento e a maduración da persoa no espazo e no tempo. O amor atópase na orixe dos afectos, e tamén é unha virtude e unha acción de toda a persoa. Ninguén nega a importancia do sentir, pero a persoa é máis grande cás súas emocións.

– Realmente ten a familia capacidade para influír na educación dos fillos ou son outros os que educan (medios de comunicación, amigos…)?

– A educación no uso dos medios de comunicación é singularmente relevante e delicada, pois estes medios cambiaron o noso modo de relacionarnos. A familia, indubidablemente protagoniza a tarefa educativa, e é preciso que aprenda a introducir prácticas concretas que axuden a usar estes medios segundo a idade e madurez dos fillos, dun modo virtuoso.

Ler máis

Educación en virtudes, tema da 5ª sesión do Curso de Formación en Matrimonio e Familia

 O vindeiro sábado 15 de novembro, terá lugar a quinta xornada do Curso de Formación en Matrimonio e Familia (CFMF) que puxeron en marcha todas as dioceses galegas coa finalidade de ofrecer un espazo de formación e reflexión sobre a familia.

 O Profesor D. Juan de Dios Larrú Ramos axudará a profundizar no tema “A familia e a educación en virtudes”.

 No apartado de EXPERIENCIAS daránse a coñecer as actividades do Pontificio Instituto Juan Pablo II, e das Familias de Betania.

Non estamos sós

 

Copia de Día Igrexa Diocesana 2014 Axuda á túa parroquia 6

Dise que a soidade é boa cando hai a quen contarllo. Celebrar o Día da Igrexa Diocesana é saber que o Camiño da Fe non o facemos sós.

Quizais os que vivimos na cidade ou pobos grandes témolo máis doado, porque ao participar habitualmente en asembleas dominicais máis numerosas non sentimos a soidade que poidan experimentar os membros dunha pequena parroquia de aldea.
Vivir nun estado de soidade case permanente é malo. Somos seres sociais e, desde sempre a fe celebrouse e viviu en comunidade. O mesmo Xesucristo di que “onde dous ou tres están reunidos no meu nome, alí estou eu no medio deles” (Mt 18, 20); non envía aos apóstolos sós, senón de dous en dous; e unha vez resucitado, faise presente cando o grupo dos apóstolos está reunido.
Ser cristiáns por libre é prácticamente imposible, e, en calquera caso, ese non era o plan de Xesús.
O Día da Igrexa Diocesana é un día para a oración polos nosos irmáns na fe aos que non vemos habitualmente, ou quizais nunca. A familia dos bautizados en Cristo non se limita ao grupo, máis ou menos numeroso, que nos xuntamos os domingos nunha parroquia determinada. Por iso debemos rezar os uns polos outros. É de bos irmáns facelo.
Como en toda familia, sobre todo se é numerosa, non todos os seus membros están nas mesmas condicións. Do mesmo xeito, na Diocese de Lugo non todas as parroquias gozan dos mesmos beneficios.
Por iso hoxe debemos compartir coas outras parroquias a nosa achega económica. Coa colecta deste día poderemos contribuír a que outros irmáns teñan unha “casa” máis digna para as reunións dominicais.
Sentido de familia, oración, colaboración económica son os grandes alicerces deste día. A nosa riqueza é ser, e somos afortunados cando podemos ser e camiñar á beira doutros. Saber que vaias onde vaias podes atopar unha comunidade que che acolla para celebrar a Eucaristía dominical non ten prezo.

Miguel Ángel Álvarez

Inauguración da exposición “O legado franciscano en Galicia”

Exposicion en O CebreiroO bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco, acudíu ó Santuario de O Cebreiro para inaugurar a exposición “O legado franciscano en Galicia”, que se poderá visitar ata o día 8 de diciembro. Trátase de la segunda parte do itinerario da mostra que xa se puido ver na capela de Santa María en Lugo e que terá unha terceira parte na cidade de Santiago de Compostela. Acudiron tamén á cita ás seguintes autoridades: o subdelegado do goberno en Lugo, Ramón Carballo, o presidente de Deputación de Lugo, José Ramón Besteiro, o P. Castiñeira, provincial dos Franciscanos e o alcalde de Pedrafita, José Luis Raposo. Os anfitrións foron os franciscanos do Cebreiro, unha comunidade formada por tres frades. Estiveron presentes , ademáis, veciños da zona e simpatizantes do camiño de Santiago.

Mons. Alfonso Carrasco, recalcou na súa interveción a importancia da presencia franciscana neste santuario, como herdeiros da laboura da primitiva comunidade benedictina que aquí estaba asentada. Atención aos peregrinos e evanxelización son as bases das súa presenza nestas terras da montaña de Lugo. Esta exposición axuda a coñecer e valorar a presenza franciscana en Lugo e no resto de Galicia mediante ás distintas seccións da mesma, das que iremos informando ao longos desdes días.

A %d blogueros les gusta esto: