Se un di que en Lugo non hai moita devoción a San Froilán exponse a recibir algunhas críticas. Dareivos os argumentos nos que me baseo para dicilo: para empezar, non se fai unha procesión pola rúas coa imaxe do santo como noutras festas; é certo que hai algunhas novenas, pero a xente non acode de xeito masivo como, por exemplo, á novena da Milagrosa ou do Carmen; e para rematar, se buscamos na internet “imaxes de San Froilán” na maioría das fotos aparecerá o “pulpo”. Na miña opinión, de todo isto dedúcese unha gran confusión e descoñecemento sobre a historia do noso patrón. Confésovos que coñecía a historia do lobo, pero na súa biografía non aparece a do “pulpo”.
Estou de acordo co costume celebrar as festas relixiosas con “misa e mesa”. En Lugo as familias, grupos de amigos, compañeiros de traballo, etc., xúntanse para comer. E, por suposto, estou convencido de que hai que coidar e aproveitar todo o que favoreza a unidade, a amizade e a fraternidade.
Pero invádeme unha gran tristeza comprobar que celebramos dez días de festas en honor dun perfecto descoñecido. Non podemos reducir a misión dos santos a algo que só sexa unha escusa para facer aquilo que máis nos apeteza. Nos programas dalgunhas festas, que din ser patronais, pódese ver á beira da Misa solemne calquera outro evento en grao sumo variopinto que nada ten que ver co santo nin co respecto á dignidade das persoas.
Podemos acudir a un santo en busca de exemplo, axuda para as nosas vidas e as dos demais e solicitando protección para unha parroquia ou cidade…
Afortunadamente, san Froilán e os demais santos “xogan noutra categoría” e, malia as nosas incoherencias, están sempre preocupados pola vida do mundo.
Miguel Ángel Álvarez
Gústame esto:
Gústame Cargando...