Día de Defuntos. E os vivos?

Estamos afeitos a que haxa un día para todo. E por iso é lóxico que tamén haxa un día de defuntos. Eles son o noso tesouro, sobre todo cando en vida quixémolos moito, e por iso todo o que podamos facer por eles é pouco, incluso unha vez que xa non están entre nós. Recordámolos, tratamos de seguir os consellos que nos deron en vida e de poñer en práctica todo o que aprendemos deles.
Emocionámonos pensando neles, sobre todo nalgunhas datas claves do ano. E por isto mesmo, tamén pedimos para eles unha vida mellor: a eterna; e pedímoslla ao que só ten “palabras de vida eterna”, Xesucristo, o Fillo de Deus, o único que aínda o pode todo unha vez que morremos!
Dentro duns días celebraremos a festa de todos os Santos e o día dos fieis defuntos. Son dúas celebracións distintas, pero a inmediatez temporal e o contido das mesmas fan que as vivamos como unha única conmemoración. Con todo, isto non é o que máis me enfada.
O primeiro que non entendo explicábao moi ben un cura no blog da súa parroquia fai uns anos: “Este é, diría eu, o primeiro “día do Club” que celebramos na nosa Igrexa Universal. Non, non se preocupen, non me confundín co símil futbolístico, isto é igual que un Barça-Madrid, énchensen as igrexas e os cemiterios, as floristerías agradécennos como lles pagamos as flores que nos triplican o prezo, un bo momento (ás veces o único no ano) para limpar a sepultura dos nosos familiares e se cadra criticar, iso si, sen mala intención, a aqueles que non vemos nas súas, é que “desde logo, mira quedou viúva fai dous meses e xa non lembra ao pobre marido, e dixéronme no barrio que  xa ten outro. Que pouca vergonza”, “e o cura este, encima de mozo..”
Non é necesario dicir nada máis, só desexar que Deus se acorde dos nosos defuntos todos os días e polos séculos dos séculos, porque o que é nós, lembrándoos só un día ao ano, non creo que consigamos nada… !
E o segundo, isto si que xa é moito máis escandaloso, e o que de verdade me irrita. Non entendo que haxa xente que se crea todo isto do Samain, o Hallowen e as almas en pena dentro dunha cabaza e pola muralla de Lugo ou polos camiños e “silveiras” das nosas aldeas.
Pero imos ver… Isto ten algún sentido ou lóxica, ou é razoable?, quen vai querer logo de morto andar como unha pantasma por aí adiante ou reencarnarse en calquera  bicho? Se esta é a sorte dos defuntos, sería moito mellor que logo da morte non houbese nada. Se o noso destino é a vida dun bicho ou dunha pantasma deambulando pola muralla, non creo que teñan moito sentido todos os esforzos que temos que facer na vida para vivir e saír adiante: problemas, traballos, enfermidades, dificultades, sufrimentos… etc. Ademais, outra cousa, e antes de que existise a muralla por onde ían en procesión as almas en pena?. Sería interesante sabelo…
O razoable desde o meu punto de vista, é pensar en que hai un ser omnipotente,
absoluto, infinito, que xa creou todo o que existe. Un ser que, unha vez que terminan os nosos días, logo dunha vida de máis ou menos esforzos, fará posible que podamos seguir existindo dunha forma totalmente plena, e non cunha limitación, aínda maior da que temos agora, como é a dun insecto que anda polo chan, ou dun simple espírito sen corpo que peregrina polas silveiras (ou pola muralla).
Os defuntos, ou están xunto a Deus, ou non están en ningún lado. Iso de que “onde queira que esteas” que lles dicimos moitas veces aos nosos seres queridos, ou o de que “viven no meu recordo”, non me produce ningún consolo. Para os meus defuntos, igual que para min cando morra, quero o mellor sitio, e este é sen dúbida xunto a Deus, o que é perfecto (porque se non non sería Deus). Se os meus defuntos só viven no meu recordo, cando eu e todos os que se lembran deles morran, eles tamén morrerán, e, esta vez sería para sempre… !
Por iso ten todo o sentido acudir a Deus e pedirlle polos nosos defuntos. Pero non é menos certo que somos nós, os que aínda vivimos, os que estamos moito máis necesitados da axuda de Deus. Acudimos en masa o día de defuntos a pedir por eles, a veneralos, e iso está moi ben. Pero, por nós que facemos o resto do ano?

Miguel Ángel Álvarez

“24 horas que moven o mundo”, acción de Mans Unidas

Copia de 30 outubro encende a chama

Mans Unidas Lugo  coa acción “Acende a chama. 24 horas que moven o mundo”, quere fomentar a solidariedade polo desenvolvemento auténtico de cada ser humano e, especialmente, dos máis pobres.

Por isto, a Delegación lucense de Mans Unidas invita a participar a toda a cidadanía na Concentración Solidaria, do vindeiro xoves 30 de outubro de 2014, ás sete da tarde, na Praza Maior de Lugo. Acenderánse velas, previamente entregadas aos presentes, do mesmo xeito que en lugares diversos do resto de España, como parroquias, prazas, centros culturais, colexios… Trátase de identificar a luz como un impulso para o compromiso solidario polo desenvolvemento, a xustiza e a igualdade; e invítase a acender unha vea porque entre todos, pódese alumar un mundo máis xusto, equitativo e solidario, xa que a luz ilumina e simboliza a nosa participación nese proxecto común.
Desde as cinco e media da tarde instalarase unha mesa con información no mesmo lugar.

Exposición sobre a romaxe da Nosa Señora dos Remedios da Ermida

O 28 de outubro ás 19h inaugúrase no Museo Provincial de Lugo a exposición fotográfica sobre a romaxe da Nosa Señora dos Remedios, da Ermida (Quiroga). Ao final do acto inaugural haberá unha degustación de productos típicos de Quiroga.

A mostra estará aberta ata o 16 de novembro co seguinte horario:

Luns a venres: 9:00 a 21:00 h.
Sábados: 10:30 a 14 e de 16:30 a 20 h.
Domingos e festivos: 11 a 14 h.

É difícil amar?

A reflexión de hoxe parte da lectura do Evanxeo do próximo domingo. En moitas ocasións, cando me achego ás lecturas do domingo para preparar a homilía, fágoo lendo primeiro o evanxeo, pois sempre é máis doado de comprender.
 Co evanxeo de hoxe un queda en éxtase pensando: que bonito é isto que hoxe nos di Xesús!… amar, o amor aos demais.. é o único que importa, só amar… E aquí pódese quedar un todo o día pensado nisto, coma se non houbese nada máis bonito que o amor de verdade. Xa que, sen dúbida, o é.
 Despois fun á primeira lectura. Na selección das lecturas para os domingos que fai a Igrexa, a primeira lectura e o evanxeo están, case sempre, na mesma liña. Este domingo non ía ser menos. O tema é o mesmo, pero as palabras parécense moi pouco.
 Di a primeira lectura: «Non oprimirás nin aldraxarás ao forasteiro, porque forasteiros fostes vós en Exipto. Non explotarás a viúvas nin a orfos, porque, se os explotas e eles berran a min, eu escoitareinos…»
 E o Evanxeo: «Amarás ao Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con todo o teu ser.” Este mandamento é o principal e primeiro…»
 Que pasa, entón?. Pois pasa o que di o refrán: obras son amores e non boas razóns. O amor, se queda só nun sentimento, é posible que non sexa amor.
 Se nos conformamos coa sensación pracenteira que temos cando amamos quizais non fose a intención que estaba na mente de Xesucristo cando dixo estas palabras.
 O amor concrétase en obras, e, posiblemente, canto máis nos doia unha obra, máis amor supoñerá.
 Recordo o que contaba un sacerdote tras confesar. Puxéronlle de penitencia que dese unha esmola aos pobres. El preguntou canto tiña que ser. E o confesor díxolle “ata que che doia”.
 Por suposto que haberá moitas obras que non nos doian, senón todo o contrario, e non por iso hai que rexeitalas. Son agasallos que nos fai Deus para compensar as veces en que amar aos demais suponnos moito esforzo ou é máis difícil.
 Os que están casados ou viven en comunidade entenden á perfección as lecturas da misa do próximo domingo. A teoría é fácil e bonita. A práctica é outra cousa. Pero o resultado final compénsao todo.

Miguel Ángel Álvarez

Primeira xornada sobre o Ensino Relixioso Escolar

image
A xornada de apertura contou con numerosa presencia do profesorado de relixión da Diocese de Lugo. Comezou co relatorio: “Ser cristián en Europa: Fe-cultura e nova evanxelización”, a cargo de Ramón Piñeiro, quen falou tamén da “Evangelii Gaudium: o reto da nova evanxelización. Implicacións no mundo escolar”.

A %d blogueros les gusta esto: