Segundo Cursiño de Ingreso e Selección de alumnado para o Seminario

Os días 10, 11 e 12 de setembro de 2014 terá lugar o segundo Cursiño de Ingreso e Selección para o curso 2014-2015, no que participarán todos os candidatos a seren alumnos do Seminario Menor.

 Fanse as entrevistas individuais ás familias e candidatos interesados que foron presentando as solicitudes. A entrevista inclúe, ademáis do diálogo e da presentación do proxecto e ideario do Centro, unha visita guiada ás instalacións.

Festas en honra da Virxe

Ademais da celebración de Nosa Señora dos Remedios na Ermida, (Quiroga) algunhas outras son as seguintes:

Santa María (A Fonsagrada): 8 de setembro ás 12.00 horas Misa en honor a seguida de procesión.

Virxe da Pena de Francia, (Dozón): día 8 desde as 10.30 h misas cada hora na ermida e ás 13 h Misa solemne coa Banda de Música de Cea, e procesión.

Santa María e o Santo Milagre (O Cebreiro) Días 8 e 9 : misas cada hora.

O Faro (Chantada): día 8 Misa solemne ás 13h. Día 9: Misa ás 12 e 13h; Misa e baixada da Virxe ata Requeixo ás 17h.

Virxe dos Remedios: subida da Santa Patrona desde o santuario de Pinol ao santuario de Cadeiras

Festa da Virxe dos Remedios na Ermida, Quiroga

 

meco

Os días 8 e 9 celébranse na Ermida as festas da Virxe dos Remedios, con procesión e romaría popular á que acoden xentes de toda a comarca de Quiroga.

O día 8, antes da Misa maior, ten lugar a procesión da Virxe á que asisten unha parella de xigantes coñecidos como pampórnigas, e o meco (foto superior), personaxe diabólico que sostén unha burlesca loita cos asisitentes. Leva roupas vermellas, máscara grotesca de madeira e unha gran vasoira de toxo. Durante a Misa o meco permanece no adro da igrexa e a xente tíralle moedas e cando se agachan para recollelas intentan golpealo na caluga que leva protexida cunha almofada. O meco encabeza a procesión abrindo paso coa súa vasoira e seguido pola parella de xigantóns que van danzando ao son dunha peza de música para gaita (exclusiva da localidade).

Ao chegar á ermida da Virxe, as Pampórnigas colócanse aos lados da porta do templo, inclínanse cando a imaxe fai a súa entrada e retíranse ao comezar a Misa. As pampórnigas son unha parella de xigantes construídos sobre unha armazón lixeira e con brazos articulados.

Non está clara a antigüidade da festa. As primeiras noticias fidedignas son de finais do século XIX.

 

Da man de María

María dixo si

Comezamos o curso con María. Aínda que, segundo se mire, tamén se pode dicir que terminamos o verán poñendo como broche á Nai de Deus.

A festa da Natividade de María, tamén coñecida como “a do oito”, marca a vida de moitas parroquias e santuarios. Grandes romarías no Faro, O Cebreiro (o día 9 celebran o Santo Milagre) e tamén as festas patronais na Fonsagrada, a miña parroquia natal.

Comezar ou terminar con María sempre é un bo agasallo. Facer o camiño collidos pola súa man maternal sempre nos fai sentir máis seguros.

Vivimos nun momento no que non é doado fiarse de ninguén. Dise que o gato escaldado ata lle escapa á auga fría. Posiblemente é o que nos estea pasando. Tantos timos, estafas, roubos, infidelidades de todo tipo volveron demasiado duro o corazón das persoas.

Tamén nos custa fiarnos de Deus. Non cremos que El é o mellor. Dubidamos de que a Igrexa sexa unha canle que nos leve á eternidade e que nos axude a facer un mundo mellor.

María fiouse. Non entendía, pero sabía que se podía fiar. En Deus, pola súa mesma esencia, sempre podemos confiar. María foi preservada do pecado, pero non do sufrimento: tivo que ver como crucificaban ao seu fillo, pero fiouse .

O mundo necesita recuperar a confianza en si mesmo. En boa medida, diso depende a nosa felicidade. Fagámolo ao estilo de María, Nai de Deus e nosa.

Escoitemos o canto Quero dicir si, como ti María

Miguel Ángel Álvarez

Sensibilización contra a trata de persoas nos escaparates do centro de Lugo

Xornada sensibilización sobre a trata

O 2 de setembro, Cáritas Diocesana de Lugo, Aliad-Ultreia e a asociación Enriqueta Otero realizaron un acto público de sensibilización contra a trata de persoas. Dúas tendas de Lugo, nas rúas Raíña e San Pedro, cederon os seus escaparates para que unha actriz representase ás vítimas de explotación sexual: a súa angustia, impotencia, desolación; mostrando unha última mensaxe: “En Lugo, hai trata de persoas”.

A reacción do público congregado ante a posta en escena que levou a cabo a actriz de Palimoco Teatro, Ángela Beltrán Álvarez, foi filmada para ser mostrada dentro dos actos da III Xornada contra a trata, que terá lugar en Lugo o próximo 19 de setembro na Facultade de Humanidades.

A %d blogueros les gusta esto: