O verán é ese espazo do ano onde desconectamos de todo o que nos angustia. O verán é tempo de Deus e para Deus. Tempo para buscalo, para deixarnos buscar e deixarnos tocar pola súa Presenza. Tempo de atardeceres preciosos na beira do mar, tempo para subir á montaña e deixarse empapar da natureza e contemplar a historia persoal e comunitaria desde a Historia da salvación do Creador. Un solpor ou un amencer desde o corazón sereno, sen présas, sen agobios, só El e ti.
Espazo e tempo de Deus e para Deus; contemplar, loar, orar a vida desde o descanso é unha bendición de Deus que moi poucos saben gozar e aproveitar; empaparse e penetrar no propio mar existencial ou na montaña frondosa da nosa existencia.
O verán é tempo para o silencio: pero, que é o silencio?, que tipos de silencio hai?. Silencio externo e interno, ese tempo que se nos regala para calar, ese tempo para oír, ese tempo para escoitar, ese tempo que nos leva máis aló da simple aparencia e fainos entrar en sintonía con nós mesmos, que nos axuda a sincronizar a nosa existencia con Aquel ao que lle confiamos o noso corazón: Xesús de Nazaret.
No verán temos que descubrir que Deus está no silencio, no silencio dun sorriso, no silencio das ondas do mar, no silencio das árbores, arbustos, flores, follas.., no silencio sufrinte de tantos anciáns/as sós nos pobos da montaña ou no silencio dunha residencia, no silencio está o Pai bo, no silencio dos nenos/as que sofren a guerra, no silencio das nais, no silencio Deus escoita e fala.
O verán é tempo para o encontro, encontro familiar, encontro de amigos/as, de veciños/as; en definitiva, encontro cun mesmo, con Deus, encontro.
O verán é o que o resto do ano non pode ser, oxalá aproveitemos este agasallo e gocémolo e non sexamos tan egoístas e fagámosllo gozar aos demais.
O verán é tempo de encontro con Deus por medio da lectura da Biblia, tempo para penetrar nese libro que tan esquecido adoitamos ter e o cal axuda moito na vida persoal e comunitaria. Na Biblia podemos descubrir o encontro de Deus co seu pobo, con Abraham, con Moisés, cos profetas, e toda unha serie de encontros no Antigo Testamento. Se penetramos no Novo Testamento descubriremos o encontro de Deus con María por medio de Gabriel, o encontro de Isabel e María, o encontro de Xesús con Pedro, con Andrés, cos enfermos e un longo etc.
O verán é tempo de encontro de cada de nós co noso Deus que é Pai e revélase no seu fillo e cólmanos co seu Espírito Santo para que sexamos capaces de saír ao seu Encontro.
Feliz tempo de Deus, de silencio e de encontro. Feliz verán.
Manuel Areán Fernández