O final do verán

Son da xeración de Verán Azul, que por certo volveron repoñer este ano. Como todo o mundo daquela época chorei coa morte de Chanquete. Pero moito máis triste pareceume o último capítulo, cando se van todos e Pancho queda no pobo e empeza a buscar novas amizades, mentres soa a canción do Dúo Dinámico “O final do verán”.

Terminan os meses máis esperados por todos. Un tempo cheo de oportunidades para experimentar vivencias coa familia, amigos e veciños. E empeza un tempo longo para facer do ordinario un lugar de encontro con Deus no traballo, na liturxia dominical, na catequese, nos grupos de oración e nas distintas actividades pastorais que se organizan nas parroquias e na Diocese.

Permítesenos un pouco de morriña polo final do verán, pero só un pouco… Porque por diante temos un mundo de oportunidades, un Deus que quere contar con nós para que sexamos os seus amigos e un tempo, tamén, moi propicio para a reflexión e a oración.

Comezamos aos poucos. Quedan as festas do 8 e o San Froilán. Nos santuarios do Cebreiro e O Faro aínda quedan días de festas grandes para celebrar a Natividade da Virxe María e o Santo Milagre (O Cebreiro). De San Froilán falaremos cando se achegue o seu día.

Aos que tivestes vacacións, e aos que non, encoméndovos ao Señor para que todos podamos seguir facendo xuntos o camiño da fe.

Miguel Ángel Álvarez, párroco de San Froilán

Ver o final do último capítulo de Verán Azul

Segundas partes poden ser boas. Novidades bibliográficas

Manuel López Paradela Guia de almas espirituales e Colección Diplomática de Ventura Cañizares

Publicacións Diocese de Lugo vén de publicar Colección Diplomática II (857-1380) de Ventura Cañizares del Rey. A edición da obra corre a cargo de Óscar González Murado e Manuel Rodríguez Sánchez. Ventura Cañizares, párroco en Lalín e coengo en Lugo, deixou unha excelente colección manuscrita de centos de documentos transcritos.

Tras escribir hai uns anos Guía práctica de almas espirituales, Manuel López Paradela publica agora unha segunda parte, co subtítulo de “Mística” e cos seguintes capítulos: “Crecemento en perfección polas virtudes”, “Disposicións para vivir en santidade”, “A purificación espiritual”, “Medios de santificación”, “Diversos grados de oración”, “O Espírito Santo e os seus dons”, “Grandes devocións da piedade cristiá” e “As benaventuranzas”.

Outro autor que saca á luz unha segunda obra é David Corral. Tras facer un amplo estudio sobre a súa Parroquia natal (Trobo, terra e xente), presenta agora un novo libro sobre a Parroquia limítrofe de Gaibor, tamén preto de Lugo. Fala da súa historia, do seu patrimonio artístico e cultural, e conclúe cunha reflexión máis xeral sobre a Parroquia rural galega e os elementos que a configuran.

Mozos galegos acollen a peregrinos en Portomarín

 

Acollida peregrinos en Portomarín 3

Durante a penúltima semana de agosto están en Portomarín un grupo de mozos que chegaron das diferentes dioceses galegas para dar unha acollida especial aos peregrinos que fan o Camiño de Santiago.

Cada día esperan ao principio da localidade e ofrecen un pouco de auga, conversa e oídos. Os peregrinos relatan un pouco da súa experiencia e son invitados a que se acheguen pola tarde á praza do pobo, onde se organiza un encontro musical.

Finaliza a tarde coa celebración da Eucaristía e unha bendición moi especial para cada peregrino.

Esta actividade organízana as delegacións diocesanas de xuventude de Galicia.

 

A %d blogueros les gusta esto: