“Fiesta do prau”

Ás veces fanse asociacións un pouco raras: foi ler o Evanxeo e acordarme do que en Asturies chaman “fiesta de prau”, que tamén as temos en Galicia aínda que as chamemos simplemente “festas”. Sirva isto como chiscadela tamén aos lectores asturianos desta web.

Na herba dun prado manda Xesús que se acomode a xente, aqueles que estaban cansos e enfermos, para darlles comida. O texto non fala de festa, pero é doado imaxinar que, tras comer en abundancia (aínda sobraron doce cestos de comida), e escoitar ao Fillo de Deus, ao Mesías, celebrárono con cantos, música e baile incluído.

Nun prado, nunha festa de prau, fixo Xesucristo un anticipo da Eucaristía, da mesma que facemos memorial todos os domingos logo da Resurrección do Señor. Deixar as cousas da semana, ir a un lugar tranquilo e ás veces apartado, escoitar a Palabra do Señor, bendicir o pan, repartilo, e alimentarnos. E tamén a segunda parte desa Misa: “dádelles vós para comer”, é dicir, Cáritas… enténdese, verdade?

O “pero” está en que os cristiáns de agora, temos toda esta grandeza (Palabra, Eucaristía…), pero non facemos festa. Celebramos, pero con cara de certa tristeza. Unhas veces os respectos humanos pódennos, e outras falta convencemento e coñecemento das cousas de Deus para non ter medo.

Non está de máis que os cristiáns recuperemos a alegría do Evanxeo. O papa Francisco escribiu unha exhortación apostólica que, precisamente titulou así, Evangelii Gaudium. Trátase fundamentalmente de vivir a fe con alegría volvendo a Xesús, ao que atoparemos nos Evanxeos. Trátase, máis ou menos, de facer o mesmo que naquela primeira “festa de prau”…

220 xoves de parroquias de Terrassa pasan por Lugo camiño de Santiago

220 xoves de parroquias de Terrassa, Sabadell, S. Cugat, Cerdanyola del Vallés, Cardedeu, Montbui, Parets del Vallés peregrinan a Santiago.

Coincidindo co décimo aniversario da creación da diocese de Terrassa, o 28 de xullo comezou a primeira peregrinación diocesana de mozos a Santiago de Compostela, baixo a presidencia do Bispo titular e o auxiliar Mons. Saiz Meneses, Bispo de Terrassa, e Mons. Salvador Cristau, respectivamente.

O luns fíxose a viaxe en autocar ata Lugo, desde onde comezan a camiñar a partir do día 29 de xullo.  Está previsto que cheguen o sábado a Santiago, e o domingo participen na Misa na Catedral. 

Eu son o Camiño

25 de xullo, solemnidade de Santiago Apóstolo, Patrono de España. Poucas cousas de tanta antigüidade como o Camiño que leva á tumba do Apóstolo Santiago seguen sendo tan actuais e universais.

Un fenómeno case inexplicable. Unha ruta recuperada por un sacerdote de Lugo que saíu a pintar as frechas amarelas que sinalizan o Camiño. Ata a cor foi casualidade. Era a pintura que sobrara de pintar a sinalización horizontal dunha estrada en obras.

Un camiño que vertebra Europa e que cada día fan máis persoas, aínda que iso non implique necesariamente que os pobos estean máis unidos.

Para moitos, un camiño de encontro co mesmo co que tamén se atopou Santiago: Xesucristo, o Señor, o Fillo de Deus.

Santiago é a imaxe de moitos de nós: que nun principio só acudimos a Xesús por puro interese e completamente despistados. Pero, ao final, cando din que as cousas saen ben, atopámonos dunha forma auténtica e sincera co Señor e damos a vida por El.

En Galicia temos un tesouro. Non polos beneficios económicos para os que viven do “fenómeno Xacobeo”, senón polo don da fe chegado ata aquí desde os primeiros momentos da Igrexa. O primeiro pasará, como todo o deste mundo. O segundo permanecerá eternamente.

Déixovos os enlaces de dúas cancións. A primeira, “Te conocimos Señor al partir el pan” recrea o episodio dos dous de Emaús, que ían de camiño desencantados e tristes ata que recoñecen a Xesucristo naquel que camiñaba ao seu carón. 

https://www.youtube.com/watch?v=Q-otOCVvaBU

A segunda, titúlase “Somos un pueblo que camina”. Mostra a realidade mesma da Igrexa como pobo de Deus que camiña coa confianza de alcanzar unha cidade de eternidade.

https://www.youtube.com/watch?v=IVrKSK7l9jY

Miguel Ángel Álvarez

Multitude de peregrinos a Santiago coas Delegacións de Pastoral Xuvenil

Camiño de Santiago desde Fisterra

89 peregrinos que veñen de Sevilla coa Delegación de Pastoral Xuvenil están facendo a Vía da Prata desde o día 19. Pasaron por Lalín, Bandeira, Lestedo… e chegarán a Santiago o día 24.

Organizada pola pastoral xuvenil de Cádiz-Ceuta hai outra peregrinación polo Camiño de Santiago desde Fisterra. Os días 23 e 24 de xullo adícanos á viaxe en autobús ata Galicia. Tras visitar Fisterra, os peregrinos encomendaránse ao Apóstolo e seguirán ata Ézaro, onde comezarán a camiñar seguindo estas etapas: Ézaro – Carnota – Muros – Serra de Outes – Negreira – Santiago, onde chegarán o 31 de xullo.

O día 26 de xullo, 800 mozos/as de Madrid, tras celebrar laudes en San Juan de la Cruz, parten cara a Lugo, onde asistirán a unha Eucaristía na Catedral ás 17h, acto aberto a todos os mozos e mozas da Diocese e aos sacerdotes. Trala misa un grupo sae cara a Navia e outro cara a Luarca e logo farán as seguintes etapas Ribadeo – Lourenzá – Mondoñedo – Abadín – Vilalba – Guitiriz – Sobrado dos Monxes – Arzúa – Monte do Gozo – Santiago.

 Estes son algúns exemplos das peregrinacións organizadas pola pastoral xuvenil española, moitas delas confluirán en Santiago o día 6 de agosto para conmemorar os 25 anos pasados desde a Xornada Mundial da Xuventude celebrada en Compostela.

Peregrinación polo Camiño Inglés organizada pola Delegación de Xuventude

camiño Inglés 27 xullo

Na última semana de xullo e na primeira de agosto a Delegación de Xuventude de Lugo, xunto coas demais delegacións galegas, organizan unha peregrinación polo Camiño Inglés desde Ferrol. Pásase por Neda, Pontedeume, Miño, Betanzos, Mesón do Vento, Sigüeiro. Poden participar mozos e mozas a partir dos 14 anos. Será un camiño especial por conmemorarse que fai 25 anos a Xornada Mundial da Xuventude celebrouse en Santiago de Compostela.

A %d blogueros les gusta esto: