Mes: Xuño 2014
A Santísima Trindade. Xornada “Pro Orantibus”
O tempo de Pascua xa finalizou. Agora espéranos unha serie de festas que tamén son importantes: A Santísima Trindade, “Corpus Christi” e, en Lugo, a Oitava do “Corpus”, que para iso é a Cidade do Sacramento. A próxima semana falaremos diso.
A Igrexa proponnos celebrar coa festa da Santisima Trindade a Xornada “Pro Orantibus”. É un día dedicado aos monxes e monxas que consagraron a súa vida á contemplación de Deus e á oración dentro dos muros dun mosteiro.
Na nosa Diocese temos variases comunidades de contemplativos. A súa vocación é a oración. Dedican moitas horas a acordarse de todos nós diante do Señor dunha forma silenciosa.
Ás veces dubidamos do poder da oración. Máis ben o que nos pasa, é que o descoñecemos, porque sempre houbo quen orase por nós aínda que non nos decatásemos.
Cando se solucionou un problema, cando curou unha enfermidade… posiblemente foi pola oración dun monxe ou unha monxa. Eles estaban a ofrecer oracións e sacrificios ao Deus Un e Trino cando todos estabamos ocupados en mil cosas banais. Quizais un día saberémolo, que pena que teña que ser na outra vida!
Eles oran por nós todos os días o ano. Creo que ben se merecen que nós teñamos hoxe unha oración por eles. Acordádevos das Agustinas, as Carmelitas, as Bernardas Cistercienses, os Benedictinos, as Salesas e as Clarisas.
Miguel Ángel Álvarez Pérez, Párroco de San Froilán
Premiados no Concurso de fotografía sobre Eucaristía e patrimonio
O día 11 de xuño, o xurado do Concurso de Fotografía “Eucaristía e Patrimonio Relixioso en Lugo”, formado polo director do Centro Eucarístico Lucense, José Antonio Ferreiro Varela, Eduardo Ochoa e Lucila Yáñez, acordaron por unanimidade conceder os seguintes premios:
1. Apartado Patrimonio Relixioso
– 1º premio, (750 € e trofeo), á fotografía “Liña do tempo” de Ivo Teixeira Alves.
– 2º premio (400 € e trofeo) á fotografía “Porta da igrexa de Sta María de Cereixido (Quiroga)” de Aida Soengas Castro.
2. Apartado Eucaristía en Lugo
– Primeiro premio, (750 €) e trofeo, á fotografía “Eucaristía II” de Germán Limeres López.
– Segundo premio, (400 € e trofeo), á fotografía “Anxos de Deus, adoralo” de Xacobe Roca Cruz.
Accésit dotado con 250€ e trofeo á foto “Cunqueiro eucarístico” de Miguel Alvárez Pérez.
As fotografías premiadas, así como unha selección de todas as recibidas, estarán a partir do día 21 de xuño na sala de exposicións do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, na ronda da Muralla de Lugo.
Vixilia de oración polas vocacións no Seminario
O día 12 ás 21:00h hai no Seminario unha Vixilia de oración polas vocacións.
Para potenciar a oración polas vocacións na Diocese, a Delegación de Pastoral Vocacional leva a cabo varios actos. Un deles foi a Cadea Diocesana de Oración polas Vocacións desde as 8 da mañá do pasado 10 de maio até a última hora da tarde do domingo 11. E agora esta Vixilia, que é a última das que se viñeron facendo trimestralmente durante este curso 2013 / 2014.
Encontro mariano no santuario de Nosa Señora dos Milagres de Saavedra
O xoves 12 de xuño hai un Encontro mariano no santuario de Nosa Señora dos Milagres de Saavedra (Begonte).
Está organizado pola Delegación de pastoral da saúde de Lugo co seguinte programa:
1) ás 16:30h. acollida dos peregrinos,
2) ás 17h charla sobre as mensaxes da Raíña da Paz.
3) ás 18h celebración da santa misa pola saúde dos nosos enfermos. (haberá sacerdotes para o sacramento da reconciliación).
4) ás 19h regreso.
Teléfono da Delegación de pastoral da saúde: 635 882 547