O 26 de xuño Sor Amparo cumpre 60 anos de vocación. Sor Amparo é unha relixiosa Filla da Caridade de San Vicente de Paúl que está na comunidade do Colexio da Milagrosa, á beira da Parroquia de San Froilán.
Ver a Sor Amparo é moi difícil, porque anda sempre á velocidade da luz. Isto é o que fai que o tempo lle renda o dobre. Podemos dicir que cumpre 120 anos de vocación e non 60.
A súa paixón son os nenos do Colexio e as actividades de pastoral con eles. Desvívese cada vez que hai algunha celebración especial cos nenos na parroquia. Sería impensable a celebración de San Vicente de Paúl, o Nadal, a Coresma, o día de María, o final de curso sen a presenza de Sor Amparo.
Grazas, en boa medida, a Sor Amparo os nenos do colexio da Milagrosa levan no seu interior unha pequena semente que se cadra un día xerminará. É asemente da Fe en Xesucristo e o amor a María, a Milagrosa…
E non é pouco nin calquera cousa! que nos tempos de hoxe uns nenos leven unha referencia ao transcendente no testemuño desta Filla de Caridade que poida dar unha consistencia maior á súa vida o día de mañá.
Nestes 4 anos que levo na parroquia tiven ocasión de compartir moitos momentos con Sor Amparo. Falamos do divino e o humano. E sei que estaría disposta a dar a vida para que ningún destes pequenos “se perda”.
60 anos de vocación e de virxinidade consagrada ao Señor pero moi frutífera. A súa descendencia multiplicouse como as areas do mar.
Grazas Sor Amparo por espabilarnos, por “meternos présa”, por falarnos de Deus.
Miguel Ángel Álvarez Pérez
Párroco de San Froilán