Ofrenda do Antigo Reino de Galicia a Xesús Sacramentado

Celebración da oitava de Corpus

Ás 12 da mañá comezaba na Catedral de Lugo a cerimonia da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento que vén celebrando desde 1669, acto que pon fin ás celebracións do Corpus na nosa cidade.

As autoridades civís e militares fixeron entrada no templo, mentres soaba o Himno do Antigo Reino de Galicia interpretado por un grupo de gaitas e o órgano da catedral.

O Arcebispo de Santiago, Mons. Julián Barrio presidiu a Eucaristía na que concelebraron:

o Bispo de Mondoñedo-Ferrol, Mons. Manuel Sánchez Monge;

o Bispo de Ourense, Mons. Leonardo Lemos Montanet;

O Bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro;

o Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco;

o Bispo auxiliar de Santiago, Mons. Jesús Fernández González;

o Bispo de Astorga, Mons. Camilo Lorenzo;

así como membros do cabido de Lugo.

Acompañaron ao delegado rexio, alcalde da Coruña, os representantes das cidades do antigo Reino de Galicia: Lugo, Santiago, Betanzos, Ourense, Mondoñedo e Tui.

O delegado Rexio, o alcalde da Coruña, Carlos Negreira, apelou na Ofrenda ao espírito e ao compromiso dos galegos co ben común “desde o respecto á nosa propia diversidade de ideas e de caracteres, de principios e valores. Aspiramos a ser un pobo xeneroso, no que ninguén dea as costas a quen sofre ao seu carón. Un pobo disposto a deterse a esperar a quen camiña máis lento e empeñado en que todos cheguen ao seu destino”

Invocou a protección do Santísimo Sacramento para renacer máis solidarios cos que sofren, os enfermos, anciáns, parados?

Na contestación á Ofrenda, o arcebispo de Santiago, Mons. Julián Barrio, agradeceu as palabras do oferente e lembrounos que a Eucaristía “é o don que Xesús fai de si mesmo, revelándonos o amor infinito para cada home… O amor é a forza máis revolucionaria para trasnformar a nosa vida e a realidade do mundo, lonxe da corrupción, do conformismo e das ambigüidades”.

Continuou Mons. Julián Barrio dicindo: “Os necesitados, material e espiritualmente, que son moitos, feren a sensibilidade humana e cristiá e denuncian o egoísmo e a indiferenza. Cando non se respecta a xustiza e non se serve á caridade, perdemos humanidade. Alimentarnos da Eucaristía é compartir os sentimentos de Cristo, e sentirnos urxidos a aceptarnos e comprendernos, perdoarnos e amarnos”.

Apelou á necesidade dunha “nova cultura do agarimo, da solidariedade, do compartir e da compaixón. Crear novos espazos de esperanza é vital, dado o incremento progresivo da desigualdade, xerada entre outras causas, pola diminución dos servizos sociais, polas dificultades para acceder a unha vivenda, pola baixada do nivel medio de renda e o índice crecente da pobreza. Non contribuamos a unha cultura do descarte, non nos deixemos roubar o ideal do Amor Fraterno”.

Mons. Barrio finalizou afirmando que “Cristo Eucaristía é a resposta a todos os que están cansos, sufocados e sedentos de salvación; aos que senten necesidade de xustiza e de liberdade, de fortaleza e esperanza”.

Finalizada a celebración eucarística, todas as autoridades eclesiásticas e civís saíron en procesión acompañando ao Santísimo Sacramento polas rúas de Lugo.

Pasar o verán con Deus

Agora si. Xuño acábase. O termómetro e o calendario condicionan moito a nosa forma de vida e mesmo a nosa espiritualidade. Non é que Deus se vaia de vacacións, pero a nosa forma de acudir a El si que cambia un pouco. Aínda que non tería por que ser peor, senón todo o contrario.

Son uns días nos que vivimos un pouco máis amodo e sen tanto tensión, ou con máis tempo libre sempre é unha boa ocasión para facer mellor as cousas que outras veces facemos peor por culpa dos apuros. E isto serve tamén para a nosa fe e para Deus. Ocórrenseme mil ideas e seguro que a vós tamén.

O mesmo Xesucristo de cando en vez retirábase a un lugar tranquilo para descansar e orar. É unha boa opción: descansar, orar, vivir tranquilamente e coller novos ánimos e forzas para o longo inverno.

De Deus vén todo, ás veces fáltanos confiar máis. Hai uns días vin no muro de Facebook dunha amiga, unha viñeta que me fixo pensar moito neste sentido. Dicía: “Se os malos soubesen o bo negocio que é ser bo. Serían bos aínda que só fose por egoísmo”.

Atrevinme a parafrasear esta cita: “Se soubésemos o ben que nos fai ter a Deus na nosa vida, teriámolo aínda que só fose por sentirnos ben. Tamén no verán”.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Summa poética e musical no claustro da Catedral lucense

Summa poetica 2014 panorámica

O xoves 26 de xuño, no claustro da Catedral de Lugo tivo lugar un recital de poesía eucarística e música.

O culto e a fe eucarística foi fonte de inspiración para poetas e músicos de todos os tempos. Con esta Summa poética recupérase unha tradición do Corpus lucense que organizaba un acto arredor da poesía eucarística. Antes era un concurso e hoxe esta actividade consiste na lectura pública de poemas de autores coñecidos como Díaz Castro, Ramón Cabanillas, Cervantes ou García Lorca.

O Centro Eucarístico Lucense organiza esta actividade para dar a coñecer a plasmación nas artes da fe eucarística, que tanto arraigamento ten na cidade de Lugo, xa que conta co antiquísimo privilexio da Exposición Permanente do Santísimo Sacramento no Altar Maior da nosa Catedral.

Últimos actos da Semana Grande do Corpus de Lugo

Semana Corpus último día

O sábado, día 28 ás 20 h, celebraranse as Vésperas solemnes na Catedral. A elas asistirá a corporación lucense.

A novena ao Santísimo é as 19:30 h na Catedral

Os actos do Corpus finalizan o domingo, infraoctava de Corpus, coa Ofrenda do Antigo Reino de Galicia a Xesús Sacramentado.

Esta cerimonia terá lugar o domingo, 29 de xuño, ás 12 h na Catedral. A cidade oferente é A Coruña, representada polo seu alcalde Carlos Negreira Souto e recibirá a Ofrenda o Arcebispo de Santiago, Mons. Julián Barrio. 

Reunión ordinaria dos bispos de Galicia

 

Provincia-Eclesiastica-2014_0006-web

O 23 de xuño tivo lugar en Santiago de Compostela a reunión ordinaria dos bispos da provincia eclesiástica de Santiago, que comprende as dioceses de Santiago de Compostela, Tui-Vigo, Mondoñedo-Ferrol, Lugo e Ourense.

Tres foron os asuntos abordados con prioridade:

1) Ensino Relixioso Escolar. Os bispos valoran positivamente algunhas medidas, como a regulación dunha alternativa real á materia e a súa correcta avaliación, e a axuda na formación do Profesorado de Relixión. Pero consideran preocupante o anuncio da proposta por parte da Consellería de reducir en dúas horas o horario das clases de Relixión en Primaria. Os bispos esperan, do goberno da Xunta de Galicia, o mantemento do actual horario da materia de relixión e animan a profesores, pais e a todo o pobo cristián a que apoien e defendan, no marco do estado social e democrático de dereito, a impartición desta materia no noso sistema educativo. Queren así lembrar que non hai que infravalorar senón resaltar a importancia das clases de relixión como educación integral da persoa.

2) Lei pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuales en Galicia. A este respecto, darase a coñecer, entre outras iniciativas, un programa de información dirixido aos católicos e a cuantos queiran acoller as orientacións ofrecidas con motivo da aprobación desa Lei e o seu desenvolvemento.

3) Pastoral da Iniciación cristiá. Os bispos son conscientes da situación provocada polo cambio cultural e pola diversidade de realidades que se presentan na Pastoral da Iniciación cristiá e proxectaron as bases para seguir reflexionando sobre esta problemática na reunión ordinaria da provincia eclesiástica que terá lugar o próximo mes de xullo.

 

A %d blogueros les gusta esto: