“A fe non só se presenta como un camiño, senón tamén como unha edificación, como a preparación dun lugar no que o home poida convivir cos demais”
Así di a cita do número 50 da Lumen Fidei. Certamente, con frecuencia, falamos da fe como un camiño e, como tal, así tratamos de facelo: camiñar ata o encontro definitivo con Deus. Un camiño que, por outra banda, comezamos cando o mesmo Deus quixo chamarnos á existencia.
Pero o Papa, ademais, convídanos a ver a fe tamén como unha edificación, como un “lugar” no que o home poida “vivir” e “convivir” cos demais. Efectivamente, esta é a gran achega da fe, non só algo que nos sirva para despois da morte, senón como algo que, xa desde agora, fai que a nosa vida, e a dos demais, sexa auténtica, sexa unha VIDA con maiúsculas.
Como case sempre, as aparencias enganan. Mirando fría e materialmente a vida dun cristián e a dun non cristián non se distinguen en nada. Ambos teñen que comer e traballar, ambos terán momentos alegres e tristes, éxitos e traballos, enfermidade e saúde… pero, non podemos confundir vivir con sobrevivir. Os animais sobreviven, as persoas tratamos de vivir. A fe fai que a nosa vida sexa plena. Un non crente non pode esperar nada máis aló da morte, un cristián pódeo esperar todo.
Nós, os que tentamos seguir a Cristo no camiño da fe, vivimos cunha esperanza que non se esgota nunca, e isto é, precisamente, o que nos fai vivir, xa desde agora, coma se estivésemos no mesmo ceo. De nós depende que edifiquemos ben “esta casa” para convivir como irmáns.
Miguel Ángel Álvarez Pérez