Conferencia de Guillermo Juan Morado nas Xornadas de Teoloxía

Guillermo Juan Morado

No segundo día das Xornadas de Teoloxía contouse coa presenza de Guillermo Juan Morado, que basou a súa conferencia en tres puntos: fe, testemuño e caridade. Tres puntos que cando se interrelacionan dan froitos persoais positivos, como conseguir unha nova vida. Igual que pasa cando se fai unha síntese entre crer, pensar e actuar. Sempre tendo como base o que caracteriza ao cristianismo: o amor de Deus. A propia Igrexa experimentará unha transformación misioneira concentrándose en anunciar o esencial do Evanxeo, ese amor de Deus.

Intervención de Francisco Serrano sobre a imaxinación da caridade

Serrano Oceja Lugo

No Salón de Actos da Fundación Novacaixagalicia, en Lugo, abriu as Xornadas Abertas de Teoloxía José Francisco Serrano Oceja falando sobre a imaxinación da caridade na Igrexa. Comezou advertindo que o relativismo non leva a unha auténtica solidariedade nin a unha xustiza plena. En cambio, o Papa Francisco invítanos a superar unha mirada aséptica da miseria coa personalización: debemos mirar directamente aos ollos do pobre. Serrano Oceja tamén lembrou que outra invitación do Papa é a de seguir a lóxica do don, algo moi diferente á axenda oculta que está detrás da política e da economía actuais: o poder (relacionado co diñeiro). Finalmente, o conferenciante falou de como a Eucaristía axuda a vivir con esa lóxica do don e a personalización.

Asemblea-Convivencia da Hospitalidade de Lourdes

A Asemblea-Convivencia da Hospitalidade Diocesana de Nosa Señora de Lourdes é na Casa Diocesana de Exercicios de Lugo o día 11 de 4,30 a 7,30 da tarde. Actos:

  • Oración inicial e saúdo.

  • Reflexión mariana, co título do lema do ano 2.014 : “Lourdes: a alegría da conversión”, a cargo de D. Jesús Cando Freire; ex director de Caritas Diocesana.

  • Breve información xeral do curso 2.012-13 e programación do curso 2.013-14.

  • Presentación da economía do curso pasado e proxecto para o actual.

  • Suxestións dos asembleístas.Vivencias ou resonancias persoais dos participantes.

Tras un descanso, ás 6,30h será a Eucaristía concelebrada e presidida polo Sr. Bispo.

[Ver mensaxe do Papa Francisco con motivo

da Xornada do Enfermo]

Carta pastoral ante a campaña de Mans Unidas

UN MUNDO NOVO, PROXECTO COMÚN
Ante a LV campaña de Mans Unidas
Queridos irmáns,
a esperanza dun mundo novo atravesa a experiencia dos pobos, que sempre
sufriron na historia e non é sentida menos agudamente na actualidade, aínda que
por un instante tivésemos a ilusión de que a realización deste soño milenario xa
estaba case ao alcance do poder humano. É verdade que o aumento do noso
coñecemento da contorna e das técnicas para intervir nel permitiu responder a
moitas necesidades. Con todo, aínda que crecesen as nosas posibilidades de
acción -sempre nos límites da natureza-, seguen existindo inxustizas tan vellas
como a fame e as guerras, e apareceron novas formas de exclusión dos bens da
terra. A suma das inxustizas e dos sufrimentos, tantas veces evitables, fainos
percibir a urxencia de poñer en común forzas e capacidades, para facer posible
unha novidade real no noso mundo.
Esta novidade ha de estar enraizada no home, na súa conciencia e corazón, para
evitar que o crecemento do noso poder aumente a arbitrariedade e a impunidade,
e desapareza na persoa o sentido dunha xustiza e unha fraternidade elementais.
Poder dispor dos recursos -e da vida- doutros, sen ver os seus rostros nin pensar no seu ben, fixo posible o que o papa Francisco chamou unha “cultura do
descarte” do débil, do que non contribúe ou obstaculiza o meu enriquecemento.
Esta inhumanidade do corazón converte en daniño un poder chamado a servir
para o ben. Por iso, é moi importante comprender que non haberá mundo novo sen home novo, nin proxecto común sen sentido da fraternidade, sen que atope
acollida en nós a pregunta elemental: onde está o teu irmán?
A esta urxencia primeira e fundamental non responde o crecemento das nosas
técnicas, senón a novidade do corazón: reconciliado e non fracturado, amado
radicalmente e non encerrado na soidade, capaz de gratuidade e libre da
necesidade de apoderarse de todo.
Este cambio profundo e persoal, que nos permite vivir como irmáns, é froito do
don dun Amor inmenso, cuxo encontro cambia a existencia e os seus horizontes.
Xérao sempre o coñecer e crer no Amor de Deus, que nos é dado en Xesucristo.
A gratuidade, o sentido da fraternidade deben estar desde o principio na mente e
o corazón, para que o uso do noso poder -e das nosas riquezas- sirva a un mundo novo. A fe, a esperanza e a caridade deben alentar no íntimo, para que
resplandeza a fraternidade, para que busquemos camiños que deixen atrás as
inxustizas e saibamos estar a carón de quen sofre.
A campaña de Mans Unidas convídanos certamente a dar con xenerosidade, a
axudar aos necesitados. Pero así convídanos a algo máis grande: a cambiar a
mentalidade. Dános testemuño de que existe esperanza, de que é posible
novidade real no noso mundo; e lémbranos a prioridade da fraternidade e da
caridade en tempos en que o risco do individualismo e da soidade é grande.
Un ano máis, a campaña de Mans Unidas pode axudarnos a descubrir o máis
importante de nós mesmos, quen somos, cal é a nosa fe e a nosa esperanza.
Porque o xesto da caridade faranos volver a mirada de novo, e con maior
confianza, cara ao noso Señor, en quen atopamos perdón e amor e de quen
recibimos un Espírito activo e incansable, que nos fai recoñecer a Deus como Pai
de todos, e a cada home como irmán.
Esta fraternidade concretamente vivida será sempre unha novidade no mundo.
Dela poderá xurdir un traballo e un proxecto común, no que o máis necesitado non sexa o excluído, senón o coidado en primeiro lugar.

+ Alfonso Carrasco Rouco
Bispo de Lugo

A %d blogueros les gusta esto: