Practicamente estamos xa no Nadal. Comercialmente xa hai moitos días que comezou. As rúas están cheas de persoas e de luces, que nos animan a entrar nas tendas, e a comprar máis do que tiñamos pensado.
Pero, no medio de todo isto, a nós interésanos non esquecernos do sentido propio que deu orixe ás celebracións dos próximos días.
E para isto, tamén nos pode axudar a encíclica Lumen Fidei, concretamente o número 35: A confesión cristiá de Xesús como único salvador, sostén que toda a luz de Deus concentrouse nel, na súa «vida luminosa», na que se desvela a orixe e a consumación da historia (LF 35).
Hai outra luz, que non é artificial, que é luz en esencia. Hai outra persoa, que é o único Salvador, Xesucristo, un Deus que é luz de verdade, luz que ilumina a orixe e o destino da humanidade e do mundo. Un Deus que nos crea e que se fai home para salvarnos, para que nós participemos da súa mesma divindade. Un Deus que nace neno, que se fai pequeno, para que os que somos pequenos de verdade, sexamos un día grandes, pola súa infinita misericordia.
Neste Nadal deixémonos iluminar por Xesucristo. Non nos poñamos á sombra do noso egoísmo e autosuficiencia. Deixemos que Deus actúe en nós.
Bo nadal. Vémonos no 2014.
Miguel Ángel Álvarez Pérez