O día 24, festividade de Cristo Rei, é a clausura do Ano da Fe. En Lugo hai unha solemne Eucaristía na Catedral presidida polo señor Bispo e concelebrada por sacerdotes da Diocese. En lugar preferente estará a réplica da Virxe dos Ollos Grandes e a reliquia de San Froilán. A hora de comezo son as 19h e ao final da Misa impartirase a bendición papal.
Mes: Novembro 2013
Miguel Ángel Álvarez: A fe ilumina todo e a todos
O coñecemento da fe ilumina non só o camiño particular dun pobo, senón o decurso completo do mundo creado, desde a súa orixe até a súa consumación. (LF 28).
Esta é a cita tomada do número 28 da encíclica Lumen Fidei e que comentamos no programa “El Espejo de la Iglesia” en Cope Lugo.
Moitas veces tendemos a esquecer que o mundo é moito máis có pequeno lugar no que vivimos, e que a historia non comezou o día que nos decatamos de que existiamos.
Facilmente erixímonos no centro do mundo e da historia, cando só somos un punto que se perde no medio das grandes magnitudes do universo e do tempo.
E con esa mesma facilidade tamén soemos reducir o poder da fe. Así, cremos que é algo que só afecta a un pobo ou a un grupo de persoas que viven nun tempo determinado.
A fe ilumina todo e a todos. Cristo é o mesmo onte, hoxe e sempre. O Fillo de Deus encárnase e entrega a súa vida polos homes de todos os tempos e lugares: desde a orixe do mundo até a súa consumación, polos de antes, polos de agora e polos que virán.
Por iso o centro do mundo e da historia non é ningún pobo, ningún home, ningún tempo. O centro da historia e do mundo é Xesucristo. E desde esa centralidade ilumina a todos.
Equivocámonos cando facemos depender a centralidade de Cristo da nosa crenza particular.
O Deus-Xesucristo é e será sempre o Señor de todo e de todos.
Miguel Ángel Álvarez Pérez
Párroco de San Froilán
Nomeamentos para parroquias de Lalín e a de Santiago A Nova de Lugo
O 22 de novembro de 2013, a Diocese de Lugo fai públicos os seguintes nomeamentos:
– Luciano Javier Armas Vázquez, párroco e moderador da parroquia de Santiago A Nova de Lugo.
– Luís Varela Castiñeira, párroco da parroquia de Santiago A Nova.
– Marcos Torres Gómez, vicario parroquial de Santa María das Dores de Lalín e administrador parroquial de San Miguel de Bendoiro e Santa Baia de Donsión, no arciprestado de Deza.
Triduo na honra de Cristo Rei
Os días 21, 22 e 23 de novembro, o Apostolado da Oración organiza un triduo na honra de Cristo Rei. Será na igrexa de Santiago A Nova, de Lugo, onde ás 19:30h haberá exposición do Santísimo e rosario e ás 20h Misa.
A Eucaristía está presidida polo profesor e formador do Seminario Diocesano, Carlos J. Presas Aguiar.
Concentración convocada por Mans Unidas na praza de Santa María de Lugo
A Delegación de Mans Unidas de Lugo súmase ao acto que o 21 de novembro terá lugar en todo o planeta baixo o lema “24 horas que moven o mundo”. Ás 18:30 h haberá unha concentración na praza de Santa María, onde se lerá un manifesto e permanecerán velas encendidas como símbolo do que se pretende: indicar que se pode facer luz para que desapareza a escuridade que representa o incumprimento dos dereitos básicos da persoa en tantas partes do mundo.