Comentamos a continuación unha cita breve da Lumen Fidei. Atopámola no número 23 e di: “Posto que Deus é fiable, é razoable ter fe nel”.
É unha desas citas que case poderiamos cualificar de innecesaria, porque o que di cae de caixón. O normal é fiarse de quen é fiable. Claro que é razoable seguir ou crer a quen nos ofrece confianza. É algo que facemos habitualmente na vida.
Pero, cando falamos de Deus, as cousas parecen cambiar un pouco, ou un moito. Tragamos todo o que nos din, por exemplo, os medios de comunicación, ou os políticos no Parlamento. Nin meditamos un pouco, nin sopesamos absolutamente nada se o que nos din é verdade ou mesmo se ten algo de sentido.
Pola contra, cando falamos de Deus xa poñemos todo en dúbida, xa desconfiamos ata da nosa propia intelixencia e só acertamos a facer preguntas que, a maioría das veces, son absurdas por non pararnos a pensar un pouco.
Sei que é imposible definir a Deus e comprendelo totalmente. Deus é infinito e nós limitados, o mesmo que a nosa capacidade intelectual. Pero, aínda así, podemos achegarnos coa nosa intelixencia a Deus, e o que ten sentido común debemos velo sen maior problema.
É lóxico que exista Deus?, por suposto que si. Abonda ver a creación. Pois se é lóxico que exista Deus tamén é lóxico ter fe nel, e crer nel.
Ademais, Deus para ser Deus, ten que posuír todo o bo en grao infinito. Por tanto non nos estamos fiando de calquera, fiámonos do mellor. E isto é perfectamente razoable.
Miguel Ángel Álvarez Pérez
Párroco de San Froilán
Gústame esto:
Gústame Cargando...