Miguel Ángel Álvarez: O verán, tempo para Deus

viñeta Deus vacacións

Estamos en disposición de gozar duns días de vacacións, ou, polo menos, de cambiar un pouco de estilo de vida, con menos présas e máis tranquilidade, mesmo, con máis optimismo.

E como sempre, independentemente do sol, da temperatura, do mes do ano en que vivamos, de se temos ou non vacacións… Deus sempre será o mesmo e sempre estará nos mesmos lugares onde o atopamos habitualmente. Xa o sabemos, Deus non pasa nunca.

Na tranquilidade duns días distintos, como son os do verán, temos unha boa ocasión para atoparnos con Deus, para falarlle, para escoitalo, para estar con El sen présas, gozando do momento e da súa compañía infinita.

Por suposto que non se entende que no verán poñamos de vacacións a nosa fe e a asistencia á misa dominical. Se durante estes meses non alimentamos a nosa vida espiritual, cando volvamos en setembro, atoparémola morta de fame. E, no canto de empezar un novo curso con alegría, farémolo coa tristeza que provoca que algo moi noso morrese.

Todo o bo vén de Deus, tamén o verán e as vacacións. Non o abandonemos durante este tempo.

Editorial El Espejo de la Iglesia – Cope Lugo

Concluíu a peregrinación diocesana a Lourdes

Hospitalidade Diocesana de Lourdes

Na peregrinación diocesana a Lourdes (1-5 de xullo) participaron un total de 642 peregrinos, acompañados de 28 sacerdotes e os 18 compoñentes da Xunta Directiva da Hospitalidade, que viaxaron en doce autobuses. Os peregrinos participantes eran: enfermos, persoal sanitario, hospitalarios e peregrinos, todos eles socios desta Hospitalidade diocesana.

Convén destacar a nutrida representación xuvenil que acompañou este ano a peregrinación, composta por 23 nenos e mozos. A peregrinación lucense foi a máis numerosa de todas cantas acudiron a Lourdes ao longo da primeira semana de xullo e unha das poucas que non suspenderon a súa viaxe, debido aos gravísimos danos ocasionados durante as recentes inundacións, que manteñen pechadas ou a medio uso boa parte das súas igrexas e instalacións, así como numerosos hoteis da localidade.

A peregrinación estivo presidida polo novo Vicario Xeral da Diocese de Lugo, D. José Mario Vázquez Carballo.

Campamento xuvenil da parroquia Santiago A Nova

Do 8 ao 11 de xullo os máis novos (entre 10 e 16 anos) da parroquia de Santiago A Nova (Lugo) teñen a oportunidade de pasar uns días xuntos en Guadarrama (Madrid), compartíndoo todo e co desexo de crecer xuntos na amizade con Xesús.

É no Albergue Xuvenil Frei Luís de León, en pleno corazón da serra de Guadarrama e ben equipado. En máis 100.000 metros cadrados hai piscina, lago artificial, instalacións deportivas… É unha contorna segura, coidada e de gran beleza. Ofrece numerosas posibilidades: excursións culturais e históricas, tirolinas, tiro con arco, sendeirismo, mountain bike… pola serra.  

A %d blogueros les gusta esto: