Lemos na carta de Santiago (St 2,14.17.18b): “De que lle serve a un, irmáns meus, dicir que ten fe, se non ten obras? É que esa fe poderá salvalo? A fe, se non ten obras, por si soa está morta. Ensíname a túa fe sen obras, e eu, polas obras, probareiche a miña fe”.
Estamos no Ano da Fe. Un ano ten moitos días e resulta doado esquecerse deste ano de graza que a Igrexa nos ofrece para profundar na fe no Deus de Xesucristo.
Hoxe, máis que nunca, é moi necesario saber ben no que cremos e a quen seguimos.
Non todo serve á hora das obras, nin tampouco todo serve á hora de satisfacer os desexos de transcendencia, que xorden, inevitablemente, do noso interior.
A estas alturas do ano moitos pais xa están a ultimar os detalles da Primeira Comuñón dos seus fillos, moitos noivos preparando na súa voda para o verán, incluso moitos nenos que naceron no inverno e primavera tamén van ser bautizados nos próximos meses.
Estes sacramentos, igual que os outros, son ocasións especiais de crecemento na fe. Pero, chegados a este momento, é triste oír como o único que preocupa, á hora de preparar a celebración, é o que vai durar, ou como se teñen que colocar os noivos ou quen debe ter en brazos ao neno durante o bautizo.
Pois está claro, a celebración durará o que teña que durar, ata que termine, aos noivos xa os coloca o fotógrafo, e ao neno, o normal, é que o sosteña a persoa máis forte…
As cousas da fe, evidentemente, van por outro camiño. É necesario “pensar” a Deus, é necesario que as cousas, como dicimos en Galicia, “teñan xeito”, e desde aí ir descubrindo e amando a Xesucristo ata poñelo como centro da nosa vida.
Gústame esto:
Gústame Cargando...