Presentación da Semana Santa da cidade de Lugo

Presentación Semana Santa

O día 11 de marzo tivo lugar no Bispado a presentación da Semana Santa da cidade de Lugo. O primeiro en intervir foi o coordenador da Xunta de Confrarías, Ramón Basanta, que comezou sinalando que nunca se incluíran tantos actos. Por primeira vez celébrase un ciclo de charlas de formación e información para confrades e todos cantos queiran asistir. A primeira será o 21 de marzo.

A representante da Deputación, Regina Polín, referiuse ao cartel anunciador da Semana Santa, obra de Eduardo Ochoa, e dixo que a luz presente no cartel non quede nun símbolo senón que nos guíe a todos, para que, unidos, consigamos un mundo mellor.

Na súa intervención, a concelleira Carme Basadre dixo que a Semana Santa lucense é un valor que debemos transmitir. Invitou a asistir a todas as procesións, das que destacou dúas: a do Bo Xesús e a da Esperanza, polo que transmite a imaxe da Virxe.

Pechou o acto de presentación da Semana Santa o señor Bispo, Alfonso Carrasco. Lembrou que as confrarías teñen un carácter penitencial, o cal transmite aos seus membros a necesidade de cambio, de que necesitan outra luz no corazón. Nese sentido son unha testemuña, e fan decatarse ao resto dos membros da sociedade, que esta debe renovarse. 

[PROGRAMA en .PDF DA SEMANA SANTA EN WWW.SEMANASANTADELUGO.COM]

O Equipo Diocesano de Pastoral participou nun retiro no Mosteiro de Samos

Retiro de la Curia Diocesana de Lugo

O Equipo Diocesano de Pastoral está integrado polos Vicarios, Delegados Episcopais e membros da Curia, presididos polo Bispo. Todos eles participan ao longo do ano en diversas reunións de programación e avaliación das actividades programadas no eido pastoral da Diocese. No tempo de Coresma é xa tradicional participar xuntos nun retiro espiritual no Mosteiro de Samos. Este ano tivo lugar o sábado, día 9 de marzo e estivo dirixido polo bispo de Ourense, Mons. Leonardo Lemos Montanet.

Exercicios espirituais para segrares

A Casa Diocesana de Lugo acolle entre os días 8 e 10 de marzo uns exercicios espirituais para movementos e asociacións de apostolado segrar; laicos non asociados, matrimonios, mozos, universitarios, profesores de relixión e todo cristián laico que busque atoparse con Deus.

Organizados pola Delegación Diocesanas de Apostolado Segrar, estarán dirixidos por Julio César Doval, Padre Redentorista e párroco de San Cristovo das Viñas (A Coruña).

Nota dos bispos da Provincia Eclesiástica de Santiago ante a Solemnidade de san Xosé

PROVINCIA ECLESIASTICA DE SANTIAGO

O próximo día 19 de marzo, solemnidade de San Xosé, festa de precepto na Igrexa Católica, non aparece incluído no calendario de festas do ano 2013 na Comunidade Autónoma de Galicia, aínda que si nalgúns concellos. Polo tanto, considérase, civilmente, como día normal de traballo.
Tendo en conta o arraigamento desta festividade no noso pobo, os Bispos das Dioceses da Provincia Eclesiástica Compostelá nesta circunstancia, para a orientación da conciencia dos nosos fieis, dispoñemos: Manter o 19 de marzo, solemnidade de San Xosé, festa de precepto, coa obriga de participar na Santa Misa, aínda que sexa laboralmente hábil.

  1. Aqueles fieis que teñan xornada laboral ordinaria quedan dispensados do precepto, aínda que se lles pide e recomenda vivamente a participación na Eucaristía dese día de festa dedicado a San Xosé, Esposo da Virxe.
  2. Recoméndase a todos os sacerdotes, máxime aos párrocos e reitores de igrexas, que dean as facilidades oportunas para cumprir co precepto a todos os fieis cristiáns, facilitando un horario apropiado para iso.
  3. Pedir, igualmente, aos párrocos e reitores de igrexas que comuniquen aos fieis o contido desta nota e os horarios de misas coa debida antelación.
  4. Ao coincidir a celebración do Día do Seminario coa festividade de San Xosé, a oración e a colecta para o Seminario Diocesano serán trasladadas á tarde do sábado, día 16, e ao domingo, día 17 de marzo.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2013.

+ Julián, Arcebispo de Santiago.
+ Luis, Bispo de Tui-Vigo.
+ Manuel, Bispo de Mondoñedo-Ferrol.
+ Alfonso, Bispo de Lugo.
+ José Leonardo, Bispo de Ourense.

A %d blogueros les gusta esto: