Recuncho de Nadal de Mans Unidas

O Recuncho de Nadal que organiza a Delegación de Mans Unidas da Diocese de Lugo está situado nas Galerías da Praza de Santo Domingo, e o horario de atención ao público é de 11:00 h. a 13:30 h. (mañás) e de 17:30 h. a 20:30 h. (tardes). Permanece aberto de luns a venres laborables, e de 11:00 h. a unha e media. Os sábados está aberto polas mañás e os días festivos non abre.

Todo o diñeiro recadado será destinado aos dous proxectos que se financian este ano por parte de Mans Unidas da diocese de Lugo, un en Nixeria e outro en Níxer.

O proxecto de Nixeria céntrase nun programa de microcréditos para mulleres de comunidades agrícolas e ten como beneficiarias a 2.500 persoas.

O proxecto de Níxer consiste na construción de cinco pozos para poboación rural en comunidades e barrios de Tera e ten como beneficiarias a 7.500 persoas.

 

Este Recuncho de Nadal permanece aberto ata o día 20 decembro

Concerto de María do Ceo en beneficio de Cáritas e o Voluntariado Penitenciario

O día 13 de decembro a cantante portuguesa afincada en Galicia, María do Ceo, actúa no auditorio Gustavo Freire (parque de Frigsa, Lugo) ás 20:30.

Trátase dun concerto a beneficio de Cáritas Lugo e do Voluntariado Penitenciario Lucense. Por iso, hai unha “fila 0” ademais de entradas normais (8 €), que se poden adquirir nos locais de COPE, Onda Cero, a igrexa de San Antonio de Padua (Lugo) e no propio auditorio desde media hora antes.

Unha nai e profesora de Relixión fai pública a súa experiencia

Como nai, enviei aos meus fillos ao colexio católico San Xosé, onde excelentes profesionais, tanto as Servas como os profesores laicos, inculcáronlles uns valores humanos e aquela semente aínda está a dar froitos na súa actual etapa como universitarios.

Como licenciada en Teoloxía e profesora de Relixión Católica gustaríame facer as seguintes puntualizacións:

1. Os profesores de Relixión Católica non somos contratados a dedo polo Bispo, aínda que si necesitamos un certificado de idoneidade.

2. Accedemos ás nosas prazas mediante listas de contratación abertas, froito dun acordo internacional que España ten coa Santa Sé, acreditando unha diplomatura ou licenciatura, xa que non temos acceso a oposicións. Debemos lembrar que nos institutos tamén existen profesores doutras confesións relixiosas cando así o demanda o alumnado.

3. Nos centros educativos contamos cun gran número de alumnos, aínda sendo unha materia optativa, e somos moi ben acollidos e respectados polos demais compañeiros, salvo moi raras excepcións.

Como membro da Igrexa católica quero destacar que os valores inculcados na clase de Relixión son os propios do humanismo cristián, base da sociedade e cultura europea e identifícanse con aqueles que sosteñen o gran labor social e humanitario da Igrexa. Numerosas fundacións e pastorais parroquiais dedícanse de forma desinteresada a atender centros de acollida de maiores, enfermos, hospitais, escolas, casas de inválidos e minusválidos nos cinco continentes. En concreto, en España, debido á crise, multiplicaron esforzos para prover asistencia e doazóns aos máis desfavorecidos.

Pili Lolo

Reunión sobre Doutrina Social da Igrexa

O 12 de decembro ten lugar na r/ Cruz, 3 (Lugo) unha reunión sobre Doutrina Social da Igrexa, que respondendo ao Ano da Fe que se está vivindo, ten como tema “Implicación social da fe”. A hora de inicio da sesión é as 19 h. Estas sesións son mensuais e no próximo ano cada segundo mércores haberá novas convocatorias para tratar sobre outros temas: a solidariedade, o principio de subsidiariedade, a propiedade…

Novena en honra da Virxe da Esperanza

Entre os días 10 e 18 de decembro a igrexa parroquial de Santiago A Nova acolle a novena en honra da Virxe da Esperanza. A Insigne Confraría da Santísima Virxe da Esperanza de Lugo organiza esta novena co lema A fe na vida de María e co seguinte programa:

1º día: Bispo de Zamora, Mons. Gregorio Martínez Sacristán Tema, a Anunciación

2º día: Don Marcos Torres Gomez. Tema, a Visitación

3º día: Don David Varela Vázquez. Tema, o Nacemento

4º día: Don Mario Vázquez Carballo. Tema, presentación do Neno

5º día: Don Daniel García Garcia. Tema, o Neno perdido no Templo

6º día: Don Gerardo Sampayo Vázquez. Tema, as Vodas de Caná

7º día: Don José Pérez Barreiro. Tema, María ao pé da Cruz

8º día: Don Alejandro Pín Díaz. Tema, María na oración cos Apóstolos

9º día: Bispo de Lugo, Monseñor Alfonso Carrasco. Tema, a Virxe da Esperanza

A %d blogueros les gusta esto: