1 de outubro, Día do enfermo misioneiro

 

O próximo día 1 de outubro é a festividade de Sta. Teresita de Lisieux, copatrona das misións. Ese día celébrase o Día do Enfermo Misioneiro para lembrar aos misioneiros faltos de saúde e encomendar a todos os enfermos, que dalgunha maneira son misioneiros ao aceptar a Cruz de Cristo.

Este ano celébrase no Centro de San Vicente de Paul de Lugo, lugar onde conviven a enfermidade, a debilidade, a solidariedade, o amor aos pobres, a alegría e a esperanza. O Centro de San Vicente de Paul é unha residencia para diminuídos psíquicos, rexentada polas Fillas da Caridade. O seu lema é “amar a alguén non significa facer algo por el, senón axudalo a descubrir a beleza e a súa propia orixinalidade, a luz que esconde e o sentido da súa vida”.

A Eucaristía será o día 1 de outubro ás 18:00 h. Convídase a todos a unirse e participar na oración polos enfermos misioneiros.

VI Festa da familia adoradora

O domingo, dia 30 do presente mes de setembro, terá lugar en Chantada a VI Festa da familia adoradora da nosa Diocese, co seguinte programa:

  • 9:30 h Saída desde a praza da Mosquera, facendo paradas diante do edificio da Xunta e na praza Fonte dos Ranchos.

  • 11.00 h Recepción de adoradores e bandeiras na igrexa antiga.

  • 11.15 h Rezo de Laudes (Igrexa antiga)

  • 11.45 h Procesión de Bandeiras cara ao templo parroquial novo.

  • 12.00 h Santa Misa, na que se imporán distintivos de adorador Activo e Veterano a varios compoñentes da Sección de Chantada.

  • 13.00 h Concerto ofrecido pola Coral Polifónica da localidade.

  • 14.00 h Comida de confraternidade nun restaurante da localidade.

  • 17.00 h Saída cara á parroquia de San Pedro de Líncora, coun templo situado na Ribeira Sacra, no que se venera á Santisima Virxe da Saúde. Aí rezarase o Santo Rosario e farase unha Ofrenda Floral á Nosa Señora, dando fin aos actos desta xornada.

O Consello Diocesano anima a participar nesta festa de irmandade a todos os adoradores/as de Lugo e das Seccións da Diocese. Unidos pola fe, os asistentes cultivarán a amizade e darán un novo impulso á Adoración Nocturna.

Como de costume, pódese convidar a familiares e amigos.

Exposición – venda de material elaborado por presos

Con motivo da celebración da Mercé, no local parroquial de San Froilán, Lugo, entre os días 21 e 23, hai unha exposición de cadros e obxectos de cerámica elaborados por internos dos cárceres de Bonxe e Monterroso. A pastoral penitenciaria organiza esta mostra para dar a coñecer o resultado dalgunha das actividades que se levan a cabo nas prisións da provincia e concienciar sobre a situación no medio penal.

Apertura do curso académico no Seminario

 

O día 21 de setembro terá lugar a solemne apertura do curso académico no Seminario Diocesano de Lugo. Os actos comezan ás 5 da tarde na Capela Maior do Seminario coa Misa do Espírito Santo, presidida polo señor Bispo, D. Alfonso Carrasco Rouco.

E a partir das 6 da tarde, na Aula Magna, sucederanse os seguintes actos:

Veni Creator Spiritus

Lectura da Memoria do Curso 2011-2012 por parte do Secretario do Centro

Lección inaugural Cristo na arte occidental a cargo de D. Anxo Barreiro Pardo, Lic. en Belas Artes

Clausura con palabras do Sr. Bispo

Finalmente, no Comedor do Centro, haberá un brindis polo novo curso.

A %d blogueros les gusta esto: