Celebracións no Corpiño

Desde o día 15 vén celebrándose a Novena a Nosa Señora do Corpiño, Losón, presidida polo P. Rogelio (pasionista). pola mañá é ás 10 h; pola tarde ás 18 h. con procesión. As misas matutinas na fin de semana comezan ás 9 e as vespertinas ás 5 da tarde.

 

  • Misa de enfermos ás 11h, presidida polo reitor do santuario, rvdo. D. José Donsión o sábado 23 e o domingo 24.

  • Misa solemne sábado e domingo ás 12h e deseguido procesión coa Santísima Virxe. A Misa do domingo está presidida polo Sr. Bispo, Mons. Alfonso Carrasco e cantada pola Polifónica de Rodeiro.Tamén está prevista a intervención da Nova Banda de Vilatuxe e Nova Lira de Prado.

Mons. Alfonso Carrasco publica Para una comprensión cristiana del Camino de Santiago

Publicacións Diócesis de Lugo vén de publicar o traballo de Mons. Alfonso Carrasco titulado Para una comprensión cristiana del Camino de Santiago. O Bispo considera a ruta xacobea como “un fenómeno espiritual de primeira orde na Igrexa e a sociedade actual”. Mons. Alfonso Carrasco escribe sobre a peregrinación en xeral, sobre a historia do Camiño de Santiago e sobre a peregrinaxe como tempo de verificación da fe.

A publicación complétase cunha sección que recolle textos do Novo Testamento axeitados para ser lidos, por exemplo, polos peregrinos, varias oracións e un espazo para anotacións persoais.

 

Concerto organizado pola Coral do Hospital de Lugo

A Coral do Hospital de Lugo organiza unha gala lírica para o sábado 16 xuño ás 20:00 horas no Círculo das Artes. Co retador título “Dicías… que non che gustaba a ópera?” todos os amantes do bel canto e quen acepte o reto disfrutarán de 14 pezas de ópera, oratorios e cantatas. Os autores destas obras son autores tan coñecidos como Beethoven, Vivaldi, Haendel, Jean-Baptiste Lully, Mozart, Mascagni, Bellini, Puccini, Offenbach, Verdi.

Serán interpretadas pola Orquestra Clásica de Xove dirixida por Xan Carballal e a Coral Polifónica do Hospital de Lugo, dirixida por Fernando G. Jácome. Sopranos: Inés Rouñada, Paloma Suanzes; baixos: Francisco Javier Rodríguez, Julio Méndez Menéndez

Oitava de Corpus, Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento

A xornada comeza en torno ás 11.30 da mañá coa xuntanza na casa consistorial dos representantes das outras seis capitais do antigo Reino de Galicia (, autoridades provinciais e autonómicas. Mentres tanto, na praza ante a casa consistorial forman a banda de música de Lugo e os Lanceiros de Lugo.

Os acompañantes das diferentes autoridades hóspedes son discretamente conducidos, á marxe da comitiva oferente, cara ao seu lugar reservado na catedral.

A comitiva de oferentes forma ante o concello e diríxese á Catedral, onde son recibidos, aos acordes do himno do antigo Reino de Galicia, polas autoridades eclesiásticas: Bispo e o cabido lucenses, bispos galegos e o de Astorga, prior do mosteiro de Samos.

A comitiva accede á Catedral e ocupa os seus lugares. Está á cabeza o delegado rexio, o alcalde de Lugo, flanqueado polo restantes seis representantes municipais. O delegado queda emprazado fronte ó altar onde se mostra o Sacramento. Esta disposición coincide coa que hai no escudo de Galicia, onde as sete cruces están en torno ao cáliz: unha, sobre este, na parte superior, e as outras seis, tres a cada lado do mesmo.

Tras o credo litúrxico, ten lugar o acto da Ofrenda, no que o delegado rexio, acompañado por dous clérigos e ante os restantes representantes municipais, diríxese ao altar para pronunciar solemnemente os votos asociados.

Este ano, o alcalde encargado de realizar a Ofrenda é o de Lugo, aínda que lle correspondería ao de Tui. Estes dous concellos e o Bispado acordaron facer o cambio para realzar a conclusión das obras na Catedral e o traslado do culto ao Santísimo ao seu altar maior.

A Ofrenda consiste nunha alocución solemne, que é contestada a continuación polo Bispo de Lugo na homilía.

Ao final da celebración, o Bispo imparte a bendición papal.

A continuación, os congregados saen cara ao exterior en comitiva procesional aos acordes do himno do antigo Reino de Galicia.

Folla de caridade, xuño de 2012

O Servizo de Acollida e Atención a Marxinados e Excluídos de Cáritas Diocesana de Lugo dá a coñecer a Folla de Caridade.

ALGUÉN ESPERA A TÚA AXUDA

1. Matrimonio de anciáns, el enfermo e cunha tía maior ao seu cargo. Necesitan para o aluguer 385 euros.

2. Muller enferma con dúas fillas, unha delas cunha minusvalía, e percibindo o subsidio por desemprego. Necesitan para vivenda e subministracións 620 euros

3. Matrimonio novo, cunha nena pequena enferma, ambos con traballos precarios. Necesitan para medicamentos 90 euros.

4. Muller separada, con tres nenos, sen recursos. Necesita para as súas necesidades básicas 270 euros.

5. Home só, sen recursos, pendente de percibir a RISGA. Necesita para aluguer 400 euros

A %d blogueros les gusta esto: