Actividades de Cáritas: Un Nadal de música

O programa de Infancia e Xuventude de Cáritas Lugo organiza as “Actividades de Nadal. Un Nadal de música”. Diríxense as actividades a nenos e nenas entre 8 e 12 anos. Entre os días 27 e 28 de decembro no Colexio Divino Mestre haberá xogos, obradoiros, cancións, saídas, teatro, festa… A data límite para inscribirse é o día 23.

Rito de admisión ás ordes sagradas de dous seminaristas de Lugo

O martes día 20, ás 8 da tarde, na capela do Seminario Diocesano, o Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, presidirá a celebración do Rito de Admisión ás Ordes Sagradas dos seminaristas Daniel Gil González e Alberto Riádigos García.

Daniel Gil é natural da parroquia de Bendoiro (Concello de Lalín) e Alberto Riádigos é natural da parroquia da nosa Señora das Dores de Lalín. Ambos están a cursar 6º de Estudos Eclesiásticos.

No Rito de Admisión ás Sagradas Ordes, a Igrexa católica recoñece como candidato a un seminarista para poder ser ordenado diácono e máis tarde sacerdote.

Concurso de tarxetas de Nadal

A librería e imprenta La Voz de la Verdad convoca o III Concurso de tarxetas de Nadal para escolares

Poden participar alumnos de Infantil, Primaria e Secundaria que estuden en Galicia.

Os traballos serán tarxetas de Nadal orixinais e inéditas en tamaño A4. O soporte será cartolina ou cartón pluma. A técnica será libre.

PRESENTACIÓN. No parte traseira da obra figurarán os datos persoais do autor (nome, idade, enderezo, teléfono particular, curso e Centro onde estuda) e -para acreditar a súa

condición académica- irá co selo do centro de ensino. Os traballos enviaranse a:

PREMIOS VOZESNAVOZ.

La Voz de la Verdad.

Rúa Bispo Aguirre, 17

27002 LUGO.

Tamén se poden entregar persoalmente ou por medio do centro educativo.

Para Infantil os premios son dous lotes de libros. Para Educación Primaria e Secundaria Obrigatoria hai seis cheques-agasallo intercambiables por libros ou material escolar. Establécese tamén un premio especial á orixinalidade.

Os premios poderán ser declarados desertos.

O xurado está formado por profesores das diferentes etapas académicas e de varios centros de ensino e por profesionais do sector gráfico. Comunicará o seu fallo nos medios de comunicación e no establecemento La Voz de la Verdad. Aquí tamén será o acto de entrega, o día 17 de xaneiro ás 20 horas.

As obras, que se presentarán antes do 22 de decembro, quedarán en propiedade da entidade organizadora.

 

Campaña “Doce Nadal” da parroquia de Santiago A Nova

Os días 17 e 18 pola mañá e pola tarde na sacristía vella da parroquia lucense de Santiago A Nova hai unha exposición e venda de repostería, productos ecolóxicos. O obxectivo é que nestas datas os máis necesitados teñan na súa mesa o calor da solidariedade dos seus veciños. Na Campaña de Nadal do ano pasado recadáronse máis de 2.800 €.

A %d blogueros les gusta esto: