A Diocese lucense conmemora os 30 anos de Laborem exercens

A Diocese lucense conmemorou os 30 anos da publicación da encíclica Laborem exercens cunha reunión sobre o tema tratado nese documento papal. Foi o 28 de outubro no Seminario.

Trala presentación do acto por José Río Ramilo foi a intervención de Clodomiro Ogando Durán, que presentou as raíces da Doutrina Social da Igrexa. Isto é, o mandamento de Xesús de amarse uns a outros…, uns principios básicos (dignidade da persoa, ben común, solidariedade…) que se adquiren nas Sagradas Escrituras, na teoloxía, na filosofía, etc. Pero non abonda con principios sen máis, hai que analizalos cunha lectura crente, cunha actitude dialogante e chegar a unha unidade de acción (reformas agrícolas, condonación da débeda…).

Aos 16 documentos do Vaticano que se consideran relacionados coa Doutrina Social da Igrexa, Mario Vázquez Carballo lembrou outro máis: a exhortación postsinodal Sacramentum Caritatis, cunha terceira parte de gran contido social.

Para Ángel Santamaría Montero, o traballo fai que a persoa creza en humanidade. Pero isto vese dificultado, entre outros factores, pola tecnoloxía que despoxa ao traballo do que ata hai pouco eran os seus compoñentes básicos: forza, habilidade e coñecemento. Outra das ideas expostas é que o traballo entra nos plans de Deus sobre a salvación do mundo. A mellor maneira que teñen os cristiáns de contribuír a unha mellor sociedade é facer Igrexa, xerar conciencia. Coincidiu Ángel Santamaría con Segundo Gómez Santoalla na necesidade de reducir horas de traballo e salario e con Eliseo Fernández Bamio en que haxa un traballo máis humanizado.

Antón Negro Expósito primeiro cuantificou o problema laboral que ten España: máis de once millóns de persoas (case a metade da poboación activa) están en paro total, teñen un contrato temporal ou a tempo parcial. E cando nas enquisas os españois son preguntados se consideran que están afectados polo paro, contestan afirmativamente trece millóns de persoas. Jesús Manuel Santiago Vázquez puxo de manifesto a disparidade entre as cifras oficiais e as reais.

Tras estas cifras e outras, Antón Negro enumerou os motivos polos que a xente non inicia unha revolta: hai avós que sosteñen a familia enteira, hai conciencias manipuladas, máis economía somerxida e delincuencia, os poderosos cada vez teñen máis poder.

Tarsicio Lamela Cacheiro afirmou que o problema é do sistema.

Monseñor Alfonso Carrasco Rouco pechou esta reunión sobre a Doutrina Social da Igrexa dicindo que esta é a suma de reflexión, intelixencia e sabedoría. E que facer todo isto como fixo a Igrexa durante moitos anos ten un gran valor.



Reunións sobre Doutrina Social da Igrexa

O día 28 de outubro comezan unha serie de reunións mensuais sobre Doutrina Social da Igrexa. Ese día no Seminario Diocesano de Lugo terá lugar unha mesa redonda sobre o tema do traballo.

O 9 de novembro seguirán as reunións sobre Doutrina Social da Igrexa. Serán sempre o segundo mércores de mes, até maio, na rúa da Cruz, 3 ás sete da tarde. Entre os temas que se van tratar estarán: a dignidade da persoa humana, as diversas antropoloxías que hai, a conciencia humana, democracia e Estado de dereito e os dereitos humanos.

Esta actividade vai dirixida especialmente a persoas de Cáritas, Pastoral Penitenciaria, Pastoral da Saúde, Mans Unidas, Delegación de Misións. E por suposto, a toda persoa interesada en coñecer a dimensión social da fe e as súas consecuencias.

Celebración de URCA 2011

Será o 5 de novembro no Colexio Miralba, das Fillas de Xesús (Avda. Gran Vía, 164, Vigo), co seguinte programa:

10:00.-Acollida

11:00.-OBRADOIROS:

Composición Musical

Contacontos

Ioga e Oración

13:00.-Descanso

13:15.-SEMINARIOS

Produción Musical, …quero facer un disco

Acollemento familiar de menores

14:30.-Xantar

16:00.-URCAFE

Con actuacións, entrevistas e compartindo experiencias

18:00.-ACTUACIÓNS:

David, monólogo

Coro de Loreto

19:15.-ESPAZO DE ENCONTRO E ORACIÓN

20:30.- Cea

22.00.-CONCERTO:

Efectos secundarios

Luis Guitarra e Carmen Sara, presentarán un novo xeito de concerto e de contar historias “Cuentos y canciones”

O prezo da inscrición e de 25€ (inclúe comida e cea do día 5 de novembro, participación nas actividades e sufragar os gastos de desprazamentos dos que levan acabo as distintas actividades)

Hai opción de quedarse a durmir na noite do 5 ao 6 de novembro. O custo é de 20 € almorzo incluído.

Correo electrónico para inscribirse: urca.expresion@gmail.com

CONCAPA celebra en Lugo as Xornadas de Familia

CONCAPA (Confederación Católica Nacional de Pais de Familia e pais de Alumnos) celebra o 5 e 6 de novembro as súas Xornadas de Familia, un evento que terá lugar en Lugo baixo o título Educar no consumo.

A inauguración terá lugar o día 5 de novembro no Gran Hotel Lugo, ás 9,00 horas e, posteriormente, impartiranse os relatorios sobre “A educación para o consumo. Situación actual e perspectivas de futuro”, a cargo de Dª María Nava Castro, presidenta do Instituto Galego de Consumo; e “A coordinación familia-escola para educar no consumo”, por D. Celso Currás, ex conselleiro de Educación da Xunta de Galicia.

Ademais, haberá un panel sobre Escola de Familias e unha Mesa Redonda sobre “Educación e Consumo responsable”, na que intervirán diversos expertos.

A %d blogueros les gusta esto: