O libro La metáfora en la obra de Paul Ricoeur de José Pena Mouriz preséntase o 24 de maio na aula Magna do Seminario Diocesano lucense ás oito da tarde. A obra recolle a tese que leu José Pena Mouriz o ano 2008 na facultade de Filosofía da Universidade de Santiago. A tese fíxose baixo a dirección do profesor Marcelino Agís Villaverde.
O filósofo Paul Ricoeur quixo comprender mellor o discurso humano. E para iso analizou as figuras literarias en xeral e a metáfora en particular. O obxectivo da tese é presentar o tema da metáfora no campo da filosofía. E para iso, o autor toma como referente a obra de Paul Ricoeur, autor, por exemplo, do libro A metáfora viva.
Segundo Pena Mouriz, a obra de Ricoeur vai dando pasos nun longo percorrido e un construtivo diálogo coas correntes e unha gran nómina de filósofos que se dedicaron a reflexionar sobre este tema, ata chegar á conclusión de que metáfora filosófica é un elemento clave para a comprensión do discurso filosófico. A investigación desenvolvida por Pena Mouriz comeza na retórica clásica, pasa pola semiótica e a semántica e remata na hermenéutica, definindo unha serie de pasos que se corresponden, respectivamente, coas distintas entidades lingüísticas: a palabra, a frase e o discurso. A metáfora vai cobrando maior importancia. Considerada a metáfora como un discurso, correspóndelle, pois, o ámbito da hermenéutica.