Celebrar os anos que cumprimos sempre é unha sinal de que aínda vivimos… E ás veces ter quen se lembre dun é un feito importante, sinal dun afecto singular pola persoa. Pois este ano, concretamente o 25 de outubro, cumpríronse 200 anos do nacemento de José María Díaz Sanjurjo, dominico, natural de Santa Eulalia de Suegos, no concello de Pol, antiga xurisdición de Lea. A singularidade non está en que fose relixioso, en sentido literal, senón en que viviu a paixón polo Evanxeo ata o extremo de morrer por el, é dicir, deixando esnaquizar a súa vida por ser coherente coa fe en Xesús resucitado ou como di o canto sendo trigo do mesmo sementador triturado no muiño da vida transformado polo amor en Eucaristía. Na infancia un pensaba en gañar máis entusiastas co Evanxeo e adultamente – que non é o mesmo que dunha maneira madura- un vai deixando vellas ansias polo camiño e sen querer vaise acomodando apostando por conservar o que hai. Pero é a forza que trasmiten os santos –aqueles que desde Deus se converten en valedores e intercesores nosos- a que ás veces nos axuda a sacalas forzas necesarias para proseguir no monótono sucederse dos días e dos anos camiñando ó lado e ás veces diante do rabaño encomendado. Mirar cara á vida de Díaz Sanjurjo permítenos meditar no enrarecido clima no que viviu unha parte da súa vida que lle animou a descubrir a chamada da misión. Con Díaz Sanjurjo situámonos na época que comprende a desamortización de Mendizábal (1835) e a supresión das ordes relixiosas exceptuando aquelas que tiñan o fin máis inmediato nas misións. No caso de San José María esta misión materializouse marchando a Tonking, actual Vietnam, sendo dominico, pasando por Ocaña e as illas Filipinas. A chispa parece que se produce pola súa relación cos dominicos en Lugo, destacando entre eles Pedro Teijeiro ou o futuro cardeal e arcebispo de Zaragoza, Manuel García Gil, que será tamén párroco de Montecubeiro, xa exclaustrado. Pero non era moito máis próspera a vida en Vietnam: adaptarse a unha lingua diferente, expresar os contidos da fe noutro idioma e adaptarse a uns costumes diferentes, facerse valer nunha cultura diferente. E por riba levar un compoñente cultural novo que viña a cambiar desde os alicerces ó individuo e á sociedade, tolerado nun principio e máis adiante visto o Evanxeo como unha provocación e converténdoo en obxeto a extirpar atacando ós estranxeiros cristiáns, en definitiva, ós líderes, ós bispos. Foron compañeiros de aventuras o asturiano Melchor García Sampedro e andando no tempo Valentín de Berriochoa, todos eles asasinados por odium fidei e todos fundamento da fe católica en Vietnam. En Lugo a súa figura e exemplo pasa desapercibida polo feito de que a súa vida se desenrolou noutras terras e por ser dominico e ser esta orde quen inicia os procesos de beatificación e canonización, aínda que das dúas veces se fixera eco dese feito. Na diocese de Lugo contamos con outros santos do tempos modernos que aínda non chegaron á gloria da canonización, é dicir, a proclamación da súa santidade e a autorización do seu culto na Igrexa universal. Polo tanto el é o único santo de Lugo dos tempos modernos. Están en proceso de canonización o bispo de Lugo Manuel Basulto Jiménez e de beatificación Francisco Carballo García, natural de Chantada. Esperamos que esta celebración do centenario nos axude a acercarnos a Deus a través deste santo con quen compartimos xeografía e sangue e tamén nos entren ganas de coñecer máis a súa figura.
Óscar González Murado
Sacerdote e historiador